Unha ducia de cancións para viaxar
O verán préstase ás viaxes, tamén en época de estreiteces, chantaxes financeiras e penurias económicas. Xa sexa moi lonxe ou a uns poucos quilómetros da casa, o desprazamento lévase mellor cunha boa banda sonora, para alegrar o sentimento e espantar o sono cando toca conducir un coche, para apaciguar e tentar desconectar cando se elixe o transporte público. Velaquí unha ducia diversa de propostas, aínda a risco de que falte a que porías ti, que nos estás a ler nunha fin de semana de verán.
-
01
Para non parar
Nunha viaxe, como na vida, é importante facer pausas para non cansar, pero non parar de todo ata chegar ao destino. Xa o cantaban os Queen.
-
02
Queren ver como te ris
Unha escapada, aínda que sexa breve, debera servir para aparcar as penas unhas horiñas. Os Medomedá queren ver como te ris.
-
03
Un centro de gravidade permanente
Sexa cal sexa o destino, sempre é bo ter un centro de gravidade, para non escorar, sobre todo se o desprazamento é en medio acuático. Así o canta unha autoridade musical, Franco Battiato.
-
04
Ao mar
O verán resistiuse, pero xa está aquí e convida a mirar ao mar galego. Tamén cos sons mediterráneos dos cataláns Manel.
-
05
Como o vento, pero con sentidiño
As vacacións son tempo de ir con calma, pero ás veces toca alixeirar. Nese caso, pódese atender ás letras de Radio Océano versionadas pol'Os diplomáticos de Monte Alto. Pero freando nas curvas.
-
06
Sacar o billete...
... e deixar o coche na casa é unha excelente opción. Se é no interior do país, con paciencia, porque leva o seu tempiño. The Beatles poden ser uns bos acompañantes.
-
07
A pandeirar!
Para viaxar a un festival, a unha romaría, a unha das infindas festas galegas... Nouvelle Cuisine revisitan a Andrés do Barro, que gastou todo o diñeiro bebendo ribeiro, disque.
-
08
Para non perderse...
... mellor chamarlle aos sitios polo nome. Mullet indícannos como é mellor non facelo.
-
09
Xeografía musical do Barbanza
Pucho Boedo, o crooner galego, fai un percorrido musical polo Barbanza, pasando pola Costa da Morte e as Rías Baixas. Só apto para escoitar en vinilo ou en radio cassette de coche á volta da praia.
-
10
Xuntos e con rumbo leste
Imposible ficar durmidos ao volante cos Pet Shop Boys bourando nos altofalantes no que, salvando as distancias, ben podería ser considerada unha versión máis pop doutro canto que convidaba a andar "xuntos" e que tamén chegou a facer as veces de himno
-
11
A festa é cada un e cada unha
Non cómpre gastar moitos cartos nin ir moi lonxe para pasalo ben. "Se compro unha viaxe, aquí dentro teño un mundo", cantaba a formación orixinal de Lamatumbá no Xabarín Club
-
12
Tranquilo fin de festa
Para o camiño de volta, un son tranquilo, pero conservando o aire de festa ata chegar á casa. Así o fan as Ataque Escampe versionando aos Malandrómeda