Unha ducia de carteis de festas do verán de antes
O verán é tempo de moitas cousas, pero sobre todo de festas. As da nosa vila ou da nosa cidade adoitan ser as mellores, claro, e as súas programacións adoitan erguer paixóns encontradas. Hai elementos festeiros do país que son practicamente eternos, pero outros mudaron con bastante velocidade. Un deles é a estética dos carteis, na que nos mergullamos grazas a este set de imaxes recompiladas hai uns anos por Berto Yáñez, procedentes das bibliotecas nodais de Galicia.
-
01
Betanzos a toda cor
En 1983 Betanzos convidaba a festexar nos seus caneiros con este colorido cartaz, a bordo da Xouba.
-
02
A romaría coruñesa por excelencia
Cando o palacete do coruñés parque de Santa Margarida aínda non era a Casa das Ciencias xa se celebraba na súa contorna a clásica romaría. En 1981 os concertos ou o concurso de empanadas combinábanse con artistas locais de outras cidades que hoxe son verdadeiros clásicos, como a agrupación Xacarandaina, Fuxan os Ventos, Milladoiro ou Saraibas.
-
03
A Gaiteira e o Banco Pastor
Na mesma cidade pero unha década antes xa se celebraban as populares festas da Gaiteira. No seu cartel de 1972 incluían unha publicidade que, vista dende 2016, ten o seu aquel traxicómico.
-
04
Patronais de Monforte pintadas a man
Retrocedendo un chisco máis no territorio e no tempo chegamos ás festas de Monforte de 1959. Naqueles anos, grises para moitas persoas, a organización das festas decidiu difundir un cartaz ben colorido, impreso na Coruña a partir dun deseño a man.
-
05
A Ascensión oitenteira
En Santiago as festas da Ascensión adoitan ser unha caste de adianto do verán. En 1984 o cartaz das festas máis compostelás viña así de mimetizado coa estética máis moderna da época.
-
06
Fogos no mar de Cangas
En 1969 o cartel das patronais de Cangas do Morrazo estaba inzado de fogos artificiais, barcos e aparellos mariñeiros, e tamén cun protagonismo especial para o patrocinador do evento
-
07
O Caudillo en festas?
As festas de agosto de 1965 anunciáronse cun cartaz ben colorido, mesmo moderniño e cun alegre golfiño. No entanto, resulta difícil conciliar ao tal caudillo cunha festa.
-
08
Collage fotográfico de María Pita
Volvemos á Coruña e aos 80 cun cartaz de Photoshop artesanal. O Concello coruñés optou en 1988 por amosalo case todo: gaiteiros, veleiros, galerías... E todo co trofeo Teresa Herrera a planear sobre mar e terra.
-
09
Gorentosa empanada en Bandeira
En 1981 a empanada xa era o prato estrela en Bandeira, e o home que ilustraba a festa amosaba ás claras que eran ben sabedoras.
-
10
Un Apóstolo moi 'eighties'
Santiago despediu os anos 80 anunciando as festas do Apóstolo e os seus fogos cunha combinación de puntos e cores que ben poderían representar as luces das discotecas ou, mellor dito, das salas de festas que protagonizaban boa parte da vida festeira da época.
-
11
Bosquexo viquingo en Catoira
En 1988 a Romaría Viquinga de Catoira estaba a piques de facer trinta anos. Anunciárona con este bosquexo dun fero viquingo.
-
12
Cartaz e proto-GPS en Foz
En 1961 Foz estaba a despegar como unha das capitais de vacacións da Mariña. As autoridades focegas anunciaron as súas festas de agosto cun cartaz moi dos sesenta, no que a praia e o parasol compartía protagonismo cunhas prácticas instrucións para chegar dende Oviedo, A Coruña e Lugo.