David Lombao

Unha ducia de carteis electorais de antes

O inicio da campaña para as eleccións europeas, a vindeira semana, meterá o país nun ciclo electoral que continuará, se nada cambia, en 2015 coas eleccións municipais e as xerais e en 2016, cos comicios ao Parlamento de Galicia. A homenaxe en días pasados ao primeiro alcalde da Coruña tras o franquismo, Domingos Merino, devolveunos á memoria outros xeitos de facer política, pero tamén un estilo e unha estética ben diferentes á hora de pedir o voto. Estas son algunhas mostras.

  1. 01

    "Gobernemos nós a nosa terra"

    Ante as eleccións de 1979, as primeiras municipais tras a ditadura, o Bloque Nacional-Popular Galego, plataforma electoral da AN-PG e da UPG, púñanlle a bandeira galega coa estrela vermella á casa do Concello de Lugo para animar a votar "en Bloque".

  2. 02

    Contra o estado centralista

    No mesmo 1979 celebráronse tamén eleccións xerais e o PNV pedía o voto para acabar co Estado centralista. Para isto, dáballe o seu "si" a outros territorios do Estado.

  3. 03

    Centro en rima

    De novo en 1979, o lembrado Domingos Merino tiña enfronte o partido daquela gobernante no Estado, UCD, que elixiu a Joaquín López Menéndez como cabeza do seu ripioso cartel electoral.

  4. 04

    Somos galegos

    As eleccións ao Parlamento de Galicia de 1981, primeira cita electoral autonómica no país, foron as da explosión de siglas e de creatividade electoral. Neste cartel o histórico Avelino Pousa Antelo encabezaba a aposta por recuperar as non menos históricas siglas do Partido Galeguista.

  5. 05

    Paco Vázquez por unha Galicia viva

    Cando o ex alcalde da Coruña estaba aínda máis preto dos panfletos electorais nos que apoiaba o dereito de autodeterminación que do seu célebre La,la,la Francisco Vázquez presentábase como a aposta autonómica do PSdeG sobre unha bandeira galega.

  6. 06

    A dereita costumista

    A patriótica Alianza Popular de Manuel Fraga aseguraba ter unha combinación de entendemento da morriña e de solucións para o pobo galego. Descoñecemos se grazas ao cartel ou a pesar del, pero o certo é que gañou as eleccións con Gerardo Fernández Albor á fronte.

  7. 07

    Galegos coma ti

    A propia Alianza Popular exploraba xa o autonomismo da man dun mozo Xosé Luis Barreiro Rivas e Manuel Fraga saía, ao tempo, do armario do seu persoalísimo galeguismo. Con eles o país gañaba, aseguraban.

  8. 08

    Cada un, ao seu

    Conscientes de que un dos primeiros asuntos que habería que dirimir sería o da sede das institucións autonómicas, a Candidatura Independiente en Defensa de la Capitalidad de La Coruña presentouse ás autonómicas como garante dos seus obxectivos locais. Esta forza política, que mesturaba no seu logotipo a Torre de Hércules, o mapa da provincia coruñesa -no que, efectivamente, se inclúe Santiago- e a bandeira galega apenas logrou o 0,56% dos votos e o seu argumentario asumiuno con gusto Francisco Vázquez.

  9. 09

    Para poñer en veda os caciques

    O Partido Comunista de Galicia despregou en 1981 unha ampla gama de carteis para dar conta dos seus diversos obxectivos políticos, tales como poñer "en veda os caciques". A candidatura logrou case 30.000 votos e un escano, o de Anxo Guerreiro.

  10. 10

    Por Castelao, sen silencios

    O Bloque-PSG concorreu ás primeiras eleccións autonómicas apelando á memoria de Castelao, cuxos cadriños ilustraban os seus carteis electorais para poñer o foco en asuntos como a emigración. Os nacionalistas, con Bautista Álvarez á fronte, obtiveron algo máis de 60.000 votos.

  11. 11

    LLamazarES

    Co dos xogos de palabras hai que ter moito ollo porque se te despistas pódenseche ir das mans. Foi o caso da campaña do 2008 de Izquierda Unida con Llamazares que, tras esgotar os dous lemas de precampaña LlamazarES izquierda útil e LlamazarES rojo y verde, puxo nos seus carteis LLamazarES + izquierda... o que lles dicía, que se lle foi das mans

  12. 12

    A intención era avanzar

    En 1997 o PSdeG concorreu ás eleccións autónomicas en coalición con EU e Os Verdes e con Abel Caballero como candidato. Caballero, que reiteraba en campaña "non deixarei que Galicia quede atrás", colleitou un sonoro fracaso nas urnas, sendo superado polo BNG, daquela liderado por Xosé Manuel Beiras, como segunda forza política.

  13. 13

    O penúltimo Fraga

    No ano 2001 o PPdeG decidiu adentrarse sen medida nos vieiros do retoque fotográfico e, na procura de aspecto xuvenil, conseguiu darlle ao seu xefe de filas unha fasquía de Jack Nicholson. Foron as eleccións da súa derradeira maioría absoluta.