Marcos Pérez Pena

Unha ducia de ciclistas galegos de todas as épocas

Esta fin de semana comeza unha nova edición da Vuelta a España, cuxas tres derradeiras etapas percorrerán Galicia, rematando en Santiado de Compostela o vindeiro 5 de setembro. Protagonismo galego no percorrido, pero non na lista de corredores, pois tan só Carlos Canal representará o ciclismo do país. Este domingo remata, ademais, a Volta a Portugal, que si contou coa participación destacada de tres ciclistas galegos, entre eles Gustavo César Veloso, que se retira aos seus 41 anos, recollendo a admiración do pelotón. Debullamos aquí unha ducia de ciclistas galegos e onte, hoxe e mañá

  1. 01

    Delio Rodríguez

    A lista ten que comezar con Delio Rodríguez, nacido en Ponteareas en 1916, e que continúa a ser o ciclista con máis vitorias de etapa na Vuelta a España, con 39 obtidas entre 1941 e 1948, un récord moi difícil de igualar, ás que sumou o triunfo na clasificación xeral en 1945. Hai cinco anos celebrouse o centenario do seu nacemento.

  2. 02

    ... e os outros irmáns (e irmá) Rodríguez

    A familia de Delio Rodríguez case daría para unha ducia. Os seu irmáns Emilio, Manuel e Pastor tamén foron ciclistas profesionais, gañando Emilio Rodríguez a Vuelta a España do ano 1950, edición na que o seu irmán Manuel Rodríguez foi segundo. Tamén a súa irmá Aurita Rodríguez se dedicou ao ciclismo, sendo unha pioneira do deporte feminino en Galicia, e obtendo varios triunfos nos anos 40.

  3. 03

    Vicente López Carril no Tour de 1976

    Vicente López Carril naceu en Boqueixón en 1942 e marchou vivir dende moi novo a Candás, en Asturias, finando aos 37 anos en Xixón. Así pois, aínda que asturiano, tiña orixe galega. Foi un dos ciclistas máis destacados do Estado nos anos 70, chegando a ser 3º en 1974 no Tour de Francia, carreira na que se situou cinco veces entre os dez primeiros. Foi tamén dúas veces top ten no Giro de Italia e outras dúas na Vuelta a España

  4. 04

    Álvaro Pino

    "Álvaro Pino mercou unha vespino...", cantaban Os Resentidos. O ciclista de Ponteareas converteuse en todo un fenómeno social na Galicia dos anos 80 cando en 1986 obtivo a vitoria na Vuelta a España (carreira na que rematou seis veces entre os dez primeiros). Foi ademais oitavo no Tour de Francia en dúas ocasións (1986 e 1988)

  5. 05

    Suso Blanco Villar

    De Suso Blanco Villar falábase menos, pero foi un dos grandes rodadores do ciclismo estatal na década dos 80. Nacido en Rois, nos seis 16 anos de carreira profesional, obtivo un gran número de vitorias de etapa, incluídas tres na Vuelta a España, onde rematou sétimo no ano 1988.

  6. 06

    José Ángel Vidal

    José Ángel Vidal foi un deses ciclistas imprescindibles nos seus equipos. Un gregario, un traballador das dúas rodas que correu doce tempadas no Kelme, participando en oito edicións do Tour de Francia, rematando a rolda en sete ocasións

  7. 07

    Marcos Serrano

    Marcos Serrano, de Redondela, defendeu en 14 anos de carreira as cores de Kelme e de ONCE/Liberty Seguros, tempadas nas que chegou a rematar as tres grandes voltas entre os dez primeiros, cun 8º posto no Giro de 1997, un 8º e un 10º nas Vueltas de 1997 e 1998 e un 9º no Tour de 2001, cun triunfo de etapa da rolda gala. Foi investigado no marco da Operación Puerto contra a dopaxe.

  8. 08

    Óscar Pereiro

    Óscar Pereiro, do Porriño, é o único galego gañador do Tour de Francia, naquela estraña edición de 2006 na que aproveitou unha escapada que chegou á meta con case media hora de adianto para colocarse de líder. Dúas exhibicións en Alpe d'Huez e La Toussuire servíronlle para manter o maillot amarelo, que só perdeu ante un Floyd Landis que finalmente foi descualificado por dopaxe. Máis aló desta edición do Tour, en calquera caso, Perieor completou unha traxectoria moi sólida, rematando a ronda gala entre os dez primeiros noutras tres ocasións.

  9. 09

    Ezequiel Mosquera

    O 18 de setembro de 2010 Ezequiel Mosquera levantou dos seus asentos a todos os afeccionados galegos ao ciclismo, atacando unha e outra vez a Vincenzo Nibali en La Bola del Mundo, buscando a vitora na clasificación xeral da Vuelta a España, rematando en segunda posición. Días despois Mosquera foi descualificado por dar positivo en hydroxyethyl, un posible enmascarador doutras substancias. A dura sanción imposta bloqueou a súa fichaxe polo equipo Vacansoleil.

    Mosquera fora dúas veces quinto e unha vez cuarto nas tres edicións anteriores da Vuelta correndo coas cores do Xacobeo Galicia, o equipo galego de ciclismo no que militaron outros corredores, como Serafín Martínez, David García ou Gonzalo Rabuñal, entre moitos outros, e que acadou uns resultados espectaculares nos anos que estivo en competición, entre 2007 e 2010.

  10. 10

    David Blanco

    Nos últimos anos, sobre todo trala desaparición do Xacobeo Galicia, foron moitos os ciclistas galegos que tiveron que marchar a Portugal para correr de xeito profesional. Un dos pioneiros foi David Blanco, que aínda mantén o récord de máis vitorias na clasificación xeral da Volta a Portugal, con cinco (2006, 2008, 2009, 2010 e 2012), ademais de rematar a Vuelta a España en décima posición en 2004.

  11. 11

    Alex Marque

    Outro dos galegos que fixo carreira en Portugal foi Álex Marque, gañador da Volta no ano 2013. O da Estrada pasou por moitos equipos no país luso e dende o 2017 corre no Tavira. Aos seus 39 anos, na edición da Grandíssima que remata esta fin de semana chegou a ser líder durante varias xornadas despois de impoñerse na etapa raíña.

  12. 12

    Gustavo César Veloso

    Un dos grandes protagonistas da edición 2021 da Volta a Portugal foi Gustavo César Veloso, gañador da rolda lusa en 2014 e 2015 e de 12 etapas na Grandíssima, e que esta tempada abandona o ciclismo profesional aos 41 anos de idade, despois de 21 tempadas. En Portugal chámanlle "o velhote" e é un dos homes máis respectados e queridos do pelotón. 

    Na súa carreira o de Vilagarcía obtivo importantes triunfos, especialmente nos seus anos no Xacobeo Galicia, cando se impuxo na Volta a Catalunya (2008) e nunha etapa na Vuelta a España (2009)

  13. 13

    Delio Fernández

    Coa retirada de Veloso van sendo menos os ciclistas galegos no pelotón profesional. Un dos que se mantén é Delio Fernández, de Moaña, que tamén pasou polo Xacobeo, nos seus primeiros anos, e que despois fixo carreira en Portugal e dende o 2016 no Delko Marsella francés, obtendo a Volta a Austria en 2017.

  14. 14

    Carlos Canal

    O futuro (e o presente) do ciclismo galego, o único deportista do país na edición 2021 da Vuelta a España. O corredor de Xinzo de Limia, que vén de facer 20 anos, defende as cores do Burgos-BH e anteriormente destacou en ciclocrós e mountain bike, obtendo o triunfo no Campionato de España junior. Esta é a súa segunda tempada no ciclismo en estrada.