Unha ducia de citas a non perder nas Festas do Apóstolo
O pregón do científico Ángel Carracedo abre este 15 de xullo as Festas do Apóstolo en Santiago, dúas semanas festivas que, como cada ano, se cruzan co Día Nacional de Galicia. Dentro do programa, este ano un chisco máis prolongado do habitual, hai un bo número de citas. Velaquí algunhas das máis destacadas.
-
01
O pregón de Ángel Carracedo
Día 15, 23:00 O prestixioso científico Ángel Carracedo é o encargado de abrir as festas da capital galega dende os balcóns do Pazo de Raxoi. O catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, referencia internacional no eido da xenética, asegura estar "desacougado" por intervir nas festas compostelás, algo "máis complicado" que impartir unha conferencia no seu ámbito profesional, mantén.
-
02
Deolinda
Día 15, 23:30 Xusto cando remate o pregón de Ángel Carracedo comezará a soar na Praza do Obradoiro a música de Deolinda. A popular banda portuguesa presenta o seu novo traballo, Outras histórias, xunto a outros dos seus temas máis coñecidos. En Galicia, aseguran, é onde "por primeira vez nos lanzaron flores ao escenario".
-
03
O programa Artellando
Do 18 ao 24 Por segundo ano consecutivo, as Festas do Apóstolo inclúen o programa Artellando, un conxunto de actividades por diversos barrios de Santiago que inclúen concertos no centro histórico, pero tamén música en varios puntos da cidade, sesións vermú, Baile Assalto ou circo, entre outras actividades.
-
04
Nneka
Día 18, 22:00 A nixeriana Nneka chega á compostelá Praza da Quintana o día 18 despois de xirar por medio mundo cos seus sons soul, hip hop e reggae.
-
05
Homenaxe a Los Tamara
Día 17, 22:00 Posiblemente, un dos eventos máis especiais do Apóstolo 2016. A Banda Municipal da cidade únese ás voces de Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Miguel Ladrón de Guevara para interpretar algúns dos temas clásicos da mítica banda fundada por Prudencio Romo e historicamente liderada por Pucho Boedo.
-
06
Os fogos do Apóstolo
Noite do 24 de xullo Unha das citas máis emblemáticas das festas compostelás que actúa, ao tempo, como pórtico da xornada grande do Apóstolo e mais do Día Nacional de Galicia. Nesta ocasión serán realizados pola pirotecnia Europlá e, por segundo ano consecutivo, o Concello de Santiago sortea 25 convites dobres para ver os fogos dende a zona de persoas convidas, ao carón do Hostal dos Reis Católicos.
-
07
Charles Bradley
Día 23, 22:00 Hai quen di que o norteamericano Charles Bradley é o herdeiro natural de James Brown. Sexa como for, hai ocasión de comprobalo na Praza da Quintana a ritmo de soul.
-
08
The Dandy Warhols
Día 26, 22:00 Os Dandy Warhols acumulan moitos quilómetros de música dende que publicaron o seu primeiro disco en 1995. Estouraron internacionalmente con temas como Bohemian like you ou We used to be friends que, seguro, han soar na Quintana.
-
09
O mellor de cada casa
Día 21, 22:00 Este concerto non ten título, pero o que acompaña estas liñas acáelle ben. Polo escenario da Quintana pasarán nunha mesma noite Caxade, Cró!, Familia Caamagno, Terbutalina e Malandrómeda. Ou, o que é o mesmo, algúns dos cabezas de cartel de moitos festivais deste verán (e doutros).
-
10
Romaría Cativa
Día 23, das 12:00 ás 21:00 Tras o éxito da súa estrea en 2015, volve a Romaría Cativa ao parque de Bonaval cunha xornada enteira de concertos de música infantil, maxia, xogos populares, música ou circo. Velaquí o programa enteiro.
-
11
Petitet
Día 19, 22:00 Unha orquestra sinfónica de rumba catalá? Pois si. É a que montou Joan Ximénez, el Petitet, fillo dun dos palmeiros de Peret no barrio barcelonés do Raval. Soarán na Quintana.
-
12
A fin de festa
Día 31 A derradeira xornada das festas será tamén o Día do Traxe Galego. Tras un serán de hip-hop en Vite, Roi Casal pechará o escenario da Quintana co seu Son galego, son cubano, que rematará a tempo para ver os fogos de fin de festa, os fogos pequenos, lanzados ao ceo dende o Campus Sur.