Praza Pública

Unha ducia de citas festeiras para esta ponte de agosto

Nesta fin de semana e ata o vindeiro día 16, festividade de San Roque, centos de concellos de Galicia celebran festas, romarías, concertos ou celebracións gastronómicas. Velaquí unha ducia de propostas. Pero hai moitas máis. 

  1. 01

    O Marisquiño

    Música, deportes extremos e de acción, festival e cultura urbana. Todo isto e moito máis desde este venres e ata o domingo en Vigo. Será a 17ª edición do Marisquiño, unha data marcada en vermello para milleiros de persoas en todo o Estado e Europa. 

  2. 02

    Festival Noroeste

    O Festival Noroeste da Coruña pon o seu punto e final cos seus cabezas de carteis nos concertos previstos na praia para este venres e sábado: Kaiser Chiefs, Surfin' Bichos, Jesus & Mary Chain ou Iván Ferreiro. O domingo, no Paseo das Pontes, romaría final con Eladio y los Seres Queridos. Logo de seis días, máis de cen bandas e quince escenarios diferentes. 

  3. 03

    Festa do Polbo no Carballiño

    O día grande da Festa do Polbo, que leva semanas celebrándose no Carballiño, chega este domingo coa cita gastronómica. É a 55ª edición dunha celebración histórica en Galicia. 

  4. 04

    A Peregrina

    Pontevedra dá comezo esta fin de semana ás súas festas da Peregrina, que terán actividades ata o vindeiro luns 21 de agosto. O sábado toca Roi Casal e o domingo, Mago de Oz e Solfabirras. 

  5. 05

    Festa da auga

    A festividade de San Roque celébrase ao grande en numerosas vilas e parroquias de Galicia. Unha daa ds festas máis importante é a que ten lugar en Vilagarcía de Arousa, que empezou coas actividades o pasado xoves. Como cada 16 de agosto, chegará tamén a Festa da Auga. 

  6. 06

    San Roque en Betanzos

    O vindeiro luns dan comezo en Betanzos as festas na honra de San Roque, cun extenso programa. O mércores 16, rematado o proceso de preparación e inchado, un ano máis, o globo de Betanzos (o de papel máis grande do mundo), atravesará a noite betanceira.

  7. 07

    Unha festa mexicana

    De todo hai nas festas en Galicia. No concello ourensán de Avión, cunha elevadísima porcentaxe de poboación emigrada ou con familia en México, celébrase este venres unha festa na honra do país azteca

  8. 08

    Festas do Monte na Guarda

    A Guarda vive un ano máis a semana grande de festexos coas Festas do Monte 2017, que se celebran desde o pasado día 7 e rematarán o martes 15 de agosto. As bandas mariñeiras, familias e os visitantes ascenden ao monte Santa Trega a mañá do domingo para celebrar a cita máis importante, a romaría centenaria.

  9. 09

    A Maruxaina

    San Cibrao, no concello mariñao de Cervo, celebra este sábado o día grande das festas da Maruxaina. As xentes e os mariñeiros saen ao mar e fan soar as bucinas dos seus barcos facendo gran estrondo cando a celebran. De regreso acenden as luces dos barcos e xa na praza maior xulgan a serea Maruxaina, establecendo dous bandos: uns que a defenden e outros que a acusan

  10. 10

    Festas patronais en Monforte

    As festas patronais de Monforte de Lemos comezan este venres 11 de agosto. Entre os protagonistas, Rosa Cedrón, David Bustamante, Celtas Cortos, Juan Perro e varias orquestras que porán a banda sonora deste ano.

  11. 11

    Exaltación dos produtos do mar na Illa de Arousa

    A Festa Gastronómica dos Produtos do Mar celébrase desde o venres 11 até o domingo 20 na Illa de Arousa. No paseo marítimo do Xufre, os asistentes poderán gozar de diferentes manxares como polbo, mexillóns, ameixas, sardiñas ou nécoras.