Praza Pública

Unha ducia de citas no Arde Lucus

Esta fin de semana Lucus Augusti convértese no centro do Imperio Romano, atraendo persoas de toda Gallaecia e mesmo doutras provincias próximas para celebrar unha festa que a pesar de ser relativamente nova xa hai tempo que botou raíces na cidade e entre os seus habitanes. De xoves a domingo unha morea de actividades encherán todos os recunchos da cidade, nomeadamente no recinto histórico rodeado polas súas murallas. Velaquí unha ducia de citas que ninguén debería perder (entre moitas outras: ver programa completo)

  1. 01

    Desfiles

    Xa este xoves puideron verse pola rúas os primeiros desfiles (Lvcvs Eqvites, Senatvs, Lvcvs Avgvsti, Cohors III Lvcensivm...), que continuaron o venres (Asociación Mercenarios Galaicos, Asociación Gvardia Pretoriana...) e que seguirán sábado e domingo. O sábado ás 20.30 todas as tropas romanas e as tribos castrexas desfilarán pola ronda da Muralla. Tamén desfilarán os alumnos e alumnas dos centros de ensino da cidade. Todo un espectáculo para dar a benvida a un novo Arde Lucus.

  2. 02

    O desafío dos titáns

    O desafío dos titáns é un dos espectáculos estrela do Arde Lvcvs. Celebrarase na explanada do Pavillón Municipal dos Deportes, a carón das costas do Parque Rosalía de Castro, e nel recrearanse as aventuras que viven os titáns e as probas ás que lles someten os deuses romanos. Será este venres ás 23.30 horas. As entradas teñen un prezo de dous euros

  3. 03

    Miudo Arde

    O Miudo Arde é o Arde Lucus para os máis pequenos e pequenas. Todos os días, de xoves a domingo, haberá obradoiros, contacontos, maquillaxe romano e castrexo, teatro... en distintos puntos da cidade. Ademais, haberá varios campamentos.

  4. 04

    Unha app de seu

    O Arde Lucus 2016 dispón dunha App con toda a información da festa e notificacións a tempo real sobre as 400 actividades que se desenvolverán nesta décimo quinta edición. Con esta nova aplicación dispoñible para IOS e Android, pódense recibir notificacións coas novidades que acontezan nesta edición a través dun sistema de avisos

  5. 05

    O Circus Romano

    O Circus Romano está situado na explanada do Pavillón Municipal dos Deportes, a carón das costas do Parque Rosalía de Castro, e nel rememóranse os xogos que se celebraban nos circos da antiga Roma. Poderemos gozar de espectaculos como loita de gladiadores, carreiras de bigas, acrobacias con lume e moito máis. Terán lugar dúas sesións, o sábado 18 e o domingo 19 ás 18:00 horas, con entradas a dous euros.

  6. 06

    Vodas e bautizos celtas

    Ao longo das catro xornadas varios puntos da cidade acollerán vodas e bautizos celtas, que terán lugar en Porta Miñá

  7. 07

    Queima da muralla

    O sábado ás doce da noite terá lugar a representación que simula a queima da Moenium, da muralla, que se poderá seguir dende o paseo de Vila de Foz. Por razóns de seguridade, o parque Rosalía de Castro permanecerá pechado durante todo o día.

  8. 08

    Música

    No Arde Lucus tamén hai espazo para a música. O sábado ás 2.30 a Praza de Santa María acollerá un concerto de Pan de Capazo

  9. 09

    Teatro

    En realidade, todo o Arde Lucus é unha representación escénica xigante, continua e colectiva, pero ao longo da fin de semana haberá pezas especificas realizadas por distintas agrupacións e compañías: Golfus de Lucus (Debulla Escénica), Insanus circus (Achádego), Mitoloxía para ignoranti (Hipócrita Teatro), Cleopatra e Marco Antonio (Hipócrita Teatro) ou A procesión da profetisa (Nova Escena Teatro)

  10. 10

    Perderse polas rúas

    Máis aló de actividades e citas concretas, podemos perdernos polas rúas de Lugo, disfrazarnos, pasar unha ben divertida fin de semana, imaxinando que estamos noutra época, descubrindo todas as sorpresas que esta festa agocha

  11. 11

    Acto final das lexións romanas e tribos castrexas

    O domingo, a partir das 21 horas o Parque Rosalía de Castro acollerá o acto final das lexións romanas e tribos castrexas, no que participarán Caetra Lvcensivm, Lvcvs Eqvites, Civitas Lvcensi, Cohors Iii Lvcensivm, Terra Copora, Pax Romana, Salesianos de Lvci Avgvsti, Trebas Galaicas, Mercenarios Galaicos, Castronela, Lvgdvnvm, Civitas Lvcensis, Tir Na N´og,  Terra Copora, Clan de Breogan, Gvardia Pretoriana, Vestales de Lvcvs Avgvsti e Asemblearias de Lvcvs Avgvsti

  12. 12

    Apertura e peche de portas

    Se o xoves pola tarde asistimos na Porta de San Pedro á apertura das portas da cidade a cargo da Garda Pretoriana, o domingo ás 22 horas será tempo de pechalas (ata o ano que vén), desta volta en Porta Miñá