Praza Pública

Unha ducia de citas obrigadas nas festas dos maios

Nos primeiros días do mes de maio en moitos lugares de Galicia celébranse os maios, unha festividade tradicional que serve para recibir a primavera e está marcada pola exaltación da natureza e o comezo do ano agrícola. Esta fin de semana, especialmente o domingo día 1, haberá maios en moitas localidades de todo o país, dende Allariz, Ourense e Ramirás a Pontevedra, Marín, O Grove ou Pontedeume. Repasamos algunhas das citas máis importantes.

  1. 01

    Os maios

    A festa dos maios é unha festa popular de orixes ancestrais, que se celebra en moitos lugares de Europa nestas datas, con distintas formulacións, sempre ligada ao inicio da primavera e ao comezo do ano agrícola. En Galicia a festividade ten moita tradición, levándose a cabo habitualmente representacións ao redor dunha árbore ou escultura, chamada maio.

    Tamén son moi tradicionais as coplas cantadas para a ocasión, denominadas igualmente maios

  2. 02

    Maios figurados, humanos ou artísticos

    Os maios poden ser figurados, en forma de cono, simulando unha árbore. Tamén poden ser artísticos, cando os elementos vexetais se combinan para dar forma a formulacións máis complexas e orixinais (creando esculturas de todo tipo). E, igualmente, hai maios humanos, nos que unha persoa é cuberta de pólas, follas, e flores.

  3. 03

    A imaxinación ao poder

    En moitas localidades celébranse concursos nos que en boa medida se premia a orixinalidade e a técnica á hora de compoñer esculturas do máis variado con elementos vexetais: estes días podemos ver coches, carros, animais, barcos, hórreos e todo tipo de elementos que celebran a natureza.

  4. 04

    Xesta como elemento protector

    Tamén é habitual nestas datas colocar pólas de xesta nas portas da casa e mesmo en barcos e coches, na tarde-noite do último día de abril, para que o mes de maio protexa a casa, a xente que vive nela e as súas propiedades. 

  5. 05

    Allariz

    Allariz, unha das localidades na que a Festa dos Maios conta cunha maior tradición, celebra este ano o evento este venres 29 de abril. O núcleo da festa será a Alameda da vila, que dende a mañá acolle a chegada dos maios e o tradicional concurso de coplas. Todos os maios que participen quedarán expostos ao público durante toda a fin de semana

  6. 06

    Pontevedra

    En Pontevedra a Festa dos Maios terá lugar este domingo 1 de maio, cun concurso que comezará ás 11 da mañá na Praza da Ferraría, como é tradición, onde se poderán ver durante todo o día as distintas creacións compostas para a ocasión.

  7. 07

    Ourense

    Na cidade de Ourense a Festa dos Maios celebrarase tamén o domingo 1 de maio. Na Alameda poderán verse as distintas creacións, que quedarán expostas. Ademais, levarase a cabo un concurso de maios e coplas, que repartirá 15.000 euros en premsio

  8. 08

    Vigo

    Vigo celebrará os maios na fin de semana do 7 e 8 de maio, co Casco Vello como centro da conmemoración. O sábado pola noite actuarán Son das Ferriñas, Os Ferreias da Etea e Ata o Mandil Dolores e o domingo, dende o mediodía, será a quenda de ePrseidas do Berbés, Orfeón Mariñeiro do Berbés, Millaxeira e da Banda de Gaitas do Casco Vello. O evento rematará ás seis da tarde do domingo coa representación dramatizada dos Maios a cargo do Grupo de baile tradicional A barroca e do Trebón do Berbés.

  9. 09

    Pontedeume

    No norte do país unha das festas dos maios que conta con máis tradición é a que se celebra en Pontedeume. Este ano terá lugar o 1 de maio a partir das 17.30 horas, coa concentración dos maios nos Xardíns de Lombardero. Posteriormete, levarase a cabo un desfile ata a Alameda de Raxoi, onde se celebrará o concurso.

  10. 10

    O Grove

    No Grove a festa dos maios tamén se celebrará este domingo 1 de maio. Será na Praza do Corgo, onde dende o mediodía se poderán ver os maios participantes no concurso, ademais de escoitar as tradicionais coplas. O concurso conta con tres categorás: maios tradicionais, maios artísticos e coplas e interpretación.

  11. 11

    Marín

    Ademais de Pontevedra ou O Grove, os maios contan con moita tradición noutras localidades destas comarcas, como Marín, Redondela, Vilagarcía, Poio ou Vilaboa. A celebración en Marín terá lugar este domingo 1 de maio, coa LXIX edición do ‘Concurso de Maios e Embarcacións’, dirixido a tódolos centros escolares, Asociacións e demais colectivos de Marín e bisbarra.

  12. 12

    Ramirás

    Xunto co litoral Pontevedrés, a zona de Galicia na que os maios contan con máis sona é a provincia de Pontevedra. Ademais de Allariz ou a propia cidade das Burgas, lugares como Laza, Entrimo ou O Barco de Valdeorras celebran estas festas todos os anos. 

    Tamén en Ramirás, onde a Asociación Cultural Rebulir vén recuperando nos últimos anos a celebración dos Maios, organizando a actividade "Cantamos o Maio", que terá lugar este sábado 30. Como novidade desta edición, Rebulir pretende recuperar tamén a tradición de protexerse do "aire" do Maio, colocando un ramallo de xesta na porta das casa, cortes e lugares onde se habite.