Praza Pública

Unha ducia de contos para o Nadal

A nosa Literatura Infantil e Xuvenil está chea de referencias ao Nadal, a figuras tradicionais como o Apalpador, os Reis ou a un tempo que reservamos á familia, ás amizades, á recuperación dos valores que este tempo representa. Velaquí unha recompilación das lecturas específicas deste tempo que fixemos coa axuda de Romina Bal. É só unha pequena mostra dos contidos ligados ao Nadal nas editoriais galegas. 

  1. 01

    'O rei da Floresta', un álbum ilustrado sobre o Apalpador

    Sobre a figura galega do Apalpador, un personaxe que cada Nadal está máis presente, podemos atopar varias obras. Unha delas é un álbum ilustrado O rei da Floresta, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de María Celsa Sánchez Vázquez, editado por Edicións do Castro.

  2. 02

    Obras varias sobre o xigante carboeiro

    O tesouro do Apalpador, de Jorge Rodrigues Gomesende con ilustracións de Eva Yusti Campo (autoeditado), Antón e o Apalpador, de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez con ilustracións de Francisco Ameixeiras Sánchez editado por Barafunda Editorial; O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Miguens con ilustracións de Leandro Lamas e editado por A Fenda Editora e O Apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. editado por Biblos Club de Lectores. Son varias as opcións de literatura para os máis pequenos sobre o xigante carboeiro. 

  3. 03

    Serie xuvenil sobre o Apalpador

    Para mozos xa máis grandes, en Urco Editora teñen a serie xuvenil de Contos extraños para nenos frikis con obras sobre o xigante carboeiro: Apalpador Vs Papa Noel, As aventuras do Apalpador e o tesouro dos mouros, As aventuras do Apalpador e a carballeira dos druídas e As aventuras do Apalpador e as portas do tempo.

  4. 04

    Varias adaptacións da novela de Dickens

    En Edicións do Cumio podemos atopar a clásica novela de Charles Dickens, Canción de Nadal, adaptada e ilustrada por Rosa Fuentes e protagonizada polo avarento señor Scrooge e os xa célebres espíritos do Nadal Pasado, do Nadal Presente e do Nadal Futuro. Un cálido relato que nos convida a tomar en consideración as cousas que realmente teñen un gran valor na vida. A mesma obra de Dickens pero ilustrada por Roberto Innocenti e traducida por Carlos Acevedo podémola atopar en Kalandraka para nenas a partir dos dez anos, sen dúbida, desde unha coidada perspectiva.

  5. 05

    Ritos, mitos e lendas sobre o Nadal en Galicia

    Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal, de Antonio Reigosa e ilustrado por Noemí López é unha das obras que trata sobre a maxia do autóctono, dos mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo, da man de Xerais, igual que Contos de Nadal de Manuel Rivas, ilustrado pola xenialidade de Miguelanxo Prado.

  6. 06

    Un relato contra o consumismo

    A boneca e a castañeira, de Roberto Aliaga con ilustracións de Maja Celija en Oqo editora é todo un relato contra o consumismo. Nunha época onde a publicidade e os chamados ás compras son masivas entre os máis pequenos, este texto é un punto de partida no que se reflexiona sobre a necesidade dun consumo responsable, ter presente a realidade dos países pobres e ser conscientes das inxustizas que ao noso redor se producen.

  7. 07

    Unha obra de Otero Pedrayo sobre as Festas

    Na editorial Galaxia, para estas Festas, hai unha lectura adulta de Ramón Otero Pedrayo, Contos de Santos e Nadal. É unha obra que foi publicada postumamente. Nove relatos que amplían a visión da narrativa breve de Otero. O propio autor pon estes relatos baixo a advocación das "noites pousadas e as hora peneiradas no cribón do misterio", vencellándoos a ese afán por contar intres e aconteceres sospeitados e non vividos, o que el chama "a ilusión da experiencia".

  8. 08

    Brincar e bailar con 'Estación Nadal'

    Mamá Cabra e a súa Estación Nadal. Unha estación máis para brincar con este libro-cd. Unha obra para gozar da máis divertida do ano, porque é tempo de agasallos pero tamén de cancións e de vacacións e de galdrumadas e de... en fin, de todas as cousas boas que ten a vida.

  9. 09

    O Nadal cos ollos dunha cativa

    Conto de Nadal é un volume editado na editorial Tambre  hai catro anos. En  formato papel e en pop-up, foi elaborado por varios autores. Ademais, O espírito do Nadal, de Nancy Tillman, en Ediciones Linteo, achéganos as Festas a través dos ollos dunha cativa, de xeito lírico. 

  10. 10

    Álbums ilustrados dos Reis Magos

    Os Reis Magos, tan agardados nas nosas casas, chegan en todos os formatos. En álbum ilustrado podemos atopar Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, de Chema Heras con ilustracións de Kiko da Silva editado por Kalandraka; Derradeira carta aos Reis Magos, de Fina Casalderrey na colección  Merlín con ilustracións de Hoa-Binh Melgar González, A Estrela de Oriente. Unha historia de Reis Magos de Pemón Bouzas e ilustrado por Marcos Calo

  11. 11

    Unha orixinal obra de teatro

    Unha simpática e orixinal obra de teatro de Isabel Freire Aos Reis Magos non lles gustan os caramelos de menta, ilustrada por María Lires. Baltasar queda durmido no sofá da casa de Nela e non hai quen o esperte. Corre perigo a noite dos Reis Magos? Nela vai aprender a responsabilizarse dos seus actos nesta historia chea de humor e complicidade entre unha nena de oito anos e as Súas Maxestades, os Magos de Oriente. 

  12. 12

    A clásica comedia de Shakespeare

    Na divertida comedia Noite de reis. A tempestade, escrita probablemente nos inicios do século XVII, William Shakespeare emprega recursos moi propios da época, coma os disfraces e os malentendidos, coa habilidade do mestre que sabe manexar o azar e o enredo á perfección para lograr engaiolar ao seu público. A tempestade é a derradeira peza do autor. Intensa e máxica parábola sobre os enigmas da existencia, posúe unha significación que trascende a mesma realidade e é obra dun auténtico e  inigualable poeta.