Unha ducia de contos para ler coa cativada nas vacacións
As vacacións en inverno (para quen as teña) son moi boas para poñerse ao día coas lecturas, igual que as fins de semana. Tamén para as nenas e nenos, incluso para os pícaros que aínda non len. Aquí van unha ducia de opcións para ler con crianzas de diferentes idades, que forman parte da ampla oferta de literatura infantil e xuvenil en galego que está dispoñible nas librarías. Un libro sempre acompaña!
-
01
'Poemas bestas e outros bechos'
Criaturas que voan, nadan, reptan e ruxen ao ritmo dos versos atópanse neste libro de Leire Bilbao con ilustracións de Maite Mutuberria. 'Poemas bestas e outros bechos', editado por Kalandraka, foi traducido ao galego por Isaac Xubín.
-
02
'A galiña azul'
Este conto en forma de carta de Carlos Casares xa é un clásico da literatura infantil en galego. A Editorial Galaxia recupera a súa edición orixinal (do ano 1968) coas ilustracións dos fillos de Xohán Ledo.
-
03
'Miñoca e Coello'
Este cómic de Ramón D. Veiga e Iván R. pertence á colección Merlín de Edicións Xerais. Unha historia divertida sobre a amizade entre unha miñoca e un coello, que parte dunha serie de dificultades, mais acaba por triunfar a pesar das diferenzas.
-
04
'A receita do queixo lunar'
Paloma de Toro asina esta historia con ilustracións de Nuria Díaz, editada por Galaxia. A protagonista é a queixeira Petroski, unha "lunática" –porque vivía na Lúa– que traballaba arreo facendo queixos, agás nas noites de lúa nova.
-
05
'Little Neno descobre... os Rolling Stones'
A colección de libros que quere dar a coñecer as grandes bandas musicais aos máis pequenos. Escritos por Dani Llabrés e ilustrados por Jaime Pantoja, están agora dispoñibles en galego da man da editora A Reixa. De momento pódese escoller entre os Rolling Stones e The Beatles, se é que iso é posible...
-
06
'Os Minimortos. Benvido ao Outro Barrio'
Este grupo de nenos e nenas de ultratumba que creou Ledicia Costas agarda no Outro Barrio, un lugar onde fan o que lles peta. Ata que un día, un deles quere regresar ao mundo dos vivos... e comeza a aventura. Con ilustracións de Mar Villar, o libro está editado por Xerais.
-
07
'O branco non pinta'
Unha aproximación ao valor conceptual do branco dende a literatura infantil e xuvenil. Antía Otero e María Brenn constrúen neste libro da colección Niño de abella de Apiario unha homenaxe á cor que contén tódalas cores.
-
08
'Non te amola!'
A celebración do Día das Letras para Xela Arias trouxo consigo a publicación deste conto inédito da autora, unha historia que escribiu de nena e da que ela mesma é protagonista. Nesta edición, publicada por Galaxia, as ilustracións son de Luz Beloso.
-
09
'Queda sitio na vasoira?'
Unha historia de maxia e aventuras de Julia Donaldson, ilustrada por Axel Scheffler, que publica en galego a editora Patas de Peixe. Unha tradución que é o resultado do traballo en equipo da tradutora Laura Sáez co alumnado de 3º da ESO do instituto de Vigo no que daba clase no primeiro ano da pandemia.
-
10
'Irmá Paxaro'
O vínculo entre dúas irmás contado desde a poesía por Tamara Andrés nesta obra para público xuvenil na que se mostra a diferente evolución destas dúas rapazas co paso do tempo. Ilustrado por María Montes, este libro de Cuarto de Inverno levou o premio ao Mellor libro ilustrado na Gala do Libro Galego 2020.
-
11
'O meu piollo e mais eu'
Este álbum ilustrado de Txabi Arnal e Mar Hernández (Malota), de Triqueta Editoria, ten un protagonista inusual. Con moito humor, conta a historia dun piollo que chega á cabeza dun neno e, como acostuma a suceder nestes casos, pon en alerta aos maiores ao seu arredor.
-
12
'A cidade do átomo'
Gañador do IV Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2021, este libro de Iria Misa, editado por Xerais, para nenas e nenos a partir dos 11 anos sitúase en Prípiat –a cidade do átomo– despois da explosión na planta nuclear de Chernóbil. Os adultos desapareceron e son os nenos e nenas os que teñen que tomar o control, mais non é doado adaptarse a esta nova realidade.