Marcos Pérez Pena

Unha ducia de de imaxes do país do Nunca Máis

Este outono fan dez anos da desastre do Prestige e do movemento Nunca Máis, da reacción de dignidade dos cidadáns e cidadás galegas ante a morte e a mentira. A palabra contra o silencio e a ocultación. As mans contra o chapapote. Os paraugas para que deixasen de mexar sobre nós. O 16 de outubro comezará o xuízo para establecer os responsables do naufraxio do buque, dos paseos do pecio ante a costa galega e da marea negra. Imaxe de gthills

  1. 01

    Un mércores máis

    O 13 de novembro de 2002 un barco chamado Prestige navega a 30 millas de Fisterra con 77 mil toneladas de petróleo. É un dos milleiros que cada ano pasan fronte ás cosas galegas. Hai temporal, como é habitual en novembro, e o buque sofre unha vía de auga. Esta ducia podería rematar aquí, co barco sendo remolcado a porto e unha pequena mancha de fuel. Pero non foi así.

  2. 02

    De paseo

    O día 14 o Prestige é paseado de norte a sur por toda a costa galega, deixando unha mancha de fuel de 37 Km. de longo por 200 metros de ancho. Chega a estar a só 3 millas de Muxía e finalmente o 15 o Goberno ordena afastalo da costa ante o desastre inminente.

  3. 03

    O desastre

    O 16 de novembro as manchas chegan á costa aínda que o ministro de Agricultura e Pesca, Miguel Arias Cañete, afírma que "non tememos unha catástrofe ecolóxica nin prevemos grandes problemas para os recursos pesqueiros". O 19 de novembro o barco parte en dous e afunde a menos de 200 millas da costa.

  4. 04

    Fomos ficando sós

    O mar, o barco, e mais nós. Os mariñeiros e veciños comezan a retirar o fuel con capachos e pás e piden máis barreiras de protección, claramente insuficientes. Na zona só traballan o único buque español capacitado, o Punta Mayor e outras dúas embarcacións, unha holandesa e outra francesa. Os expertos denuncian que o vertido pode superar as 20.000 toneladas dun fuel con alto contido en xofre. As autoridades coñecen a composición dende hai tres días, pero non o comunicaron. O Goberno de José María Aznar nega que estea aflorando o vertido fronte ás versións de Francia e Portugal. A marea negra cobre xa 400 quilómetros de costa.

  5. 05

    Mentiras

    Durante a catástrofe do Prestige afixémonos a consultar todos os dias nun case pioneiro Internet as informacións que publicaban o Instituto Oceanográfico Portugués, ou o Cedre francés. Tamén a ler Vieiros, que se converteu nun referente informativo ese dia. A rabia dos e das galegas ao contrastar o que vian nas praias ou nas imaxes de satélite coas versións oficiais da Xunta e do Goberno central, no que Mariano Rajoy se ocupou do dispositivo de crise. O 25 de novembro sábese que Fraga estivera de caza nos peores dias da catástrofe.

  6. 06

    O país do Nunca Máis

    O 1 de decembro máis de 200 mil galegos enchen as rúas de Santiago baixo a chuvia. Unha marea de paraugas camiña contra as mentiras e o silencio. Esixe a verdade e tamén responsabilidades políticas. A tensión chega mesmo ao Consello da Xunta. Nace o movemento Nunca Máis.

  7. 07

    Indignación

    O 4 de nadal o fuel ameaza a ría de Arousa e as illas Cíes, que exercen de barreira natural. Os mariñeiros deteñen a marea negra coas súas propias mans. A indignación percorre Galicia e chega mesmo ao Luar. Ao alcalde de Ribeira, Torres Colomer, tíranlle enríba un capacho con chapapote e na visita dos príncípes a Vígo a policía carga con dureza contra un grupo de manifestantes.

  8. 08

    Trinta anos de catástrofes

    A do Prestige non era a primeira catástrofe ecolóxica que vivia a costa galega nos últimos anos. E o peor era a sensación de que non ia ser a última: Polycommander (1970), Urquiola (1976), Andros Patria (1979), Casón (1988) e Mar Egeo (1992).

  9. 09

    Marea branca

    O que o Goberno non facía facíano os cidadáns. Galegos e de fóra. Dende decembro comezaron a chegar milleiros de voluntarios e voluntarias para axudar a limpar as praias. 

  10. 10

    A manifestación das maletas

    En febreiro percorreu as rúas da Coruña unha manifestación moi simbólica. Milleiros de persoas con maletas, algunhas de verdade e outras de cartón, reclamando que non querian emigrar. O 26 de xaneiro o Goberno de José Maria Aznar aprobara o 'Plan Galicia' nun Consello de Ministros celebrado no Concello da Coruña cedido por Francisco Vázquez ante unha Praza de Maria Pita inzada de bandeiras de Nunca Máis. Un plan que nin sequera hoxe, dez anos despois, se acabou de cumprir.

  11. 11

    Hilillos...

    A catástrofe deixou moitas frases para a historia, a maior parte relacionadas coas mentiras e declaracións dos membros do Goberno. Dende o 'quinto pino' aos 'hilillos de plastilina'. 

  12. 12

    O día que Galicia tomou Madrid

    O 23 de febreiro de 2003 centos de milleiros de persoas maniféstanse en Madrid convocados por Nunca Máis. Uns cen mil chegaron dende Galicia despois de viaxar toda a noite. É todo un éxito do movemento.