Unha ducia de de lecturas que suceden no verán
Se chegaches aquí é posible que che resulte obvio que os libros acompañan todo o ano, pero ben é certo que ler na praia ten un aquel distintivo. Aquí recompilamos unha ducia de lecturas –para todas as idades– que teñen un vínculo coa estación máis calorosa do ano. Porque ademais, coas temperaturas que están a alcanzar os termómetros neste 2022, é importante que non falte lectura.
-
01
'Nus', de Manuel Gago
″As personaxes de Nus van ter que vivir nunha Galicia que está cambiando moi rapidamente. E cando algo cambia moi rápido tes que aprender todo de novo. Tes que aprender o sexo, tes que aprender o amor, tes que aprender a política, o compromiso, e mesmo tes que aprender a esquecer. As personaxes de Nus viven sen pensar demasiado no futuro, pero o que non se decatan é que o futuro xa está dentro deles mesmos″. Así explica –en parte– Manuel Gago o que dá de si esta novela publicada por Xerais e inspirada nos movementos de loita polo naturismo nas praias galegas a principios dos anos oitenta.
-
02
'Plasticus maritimus', de Ana Pêgo, Isabel Minhós e Bernardo Carvalho
Traducido ao galego por Celia Recarey e editado por Kalandraka, Plasticus maritimus é unha guía para mirar as praias e as contornas naturais con outros ollos, considerando unha especie invasora coa que estamos demasiado acostumadas a convivir: o plástico. No libro salienta que cada hora que pasa, mil toneladas de plástico van dar aos océanos. O equivalente a un camión cheo de plástico por minuto!. Aquí, unha maneira de comezar a rematar coa invasión.
-
03
'Cruceiro de verán', de Truman Capote
En 2006 Galaxia publicou en galego a tradución de Carlos Acevedo e Eva Almazán deste Cruceiro de verán, de Truman Capote, unha novela escrita en 1943 na que o escritor e xornalista traballaría durante unha década para, finalmente, deixala rematada pero sen chegar a publicala nunca. Un texto intenso protagonizado por unha rapaza de dezasete anos que logra pasar o verán soa na casa familiar en Nova York e bate coa realidade máis crúa. A obra apareceu en 2004 durante a poxa por varias propiedades de Capote que tivo lugar en Sotheby´s.
-
04
'Guitiriz', de Carlos Meixide
Anabel, Fátima, Roi e Suso (e o seu can) comezaron as súas aventuras en Ons, pasaron por Cans e agora están en Guitiriz. Nesta terceira entrega das historias do grupo de adolescentes, a acción trasládase á casa de Fátima, nos Vilares. Esta vez haberá máis reivindicacións políticas e movementos sociais dos que aprenderán os protagonistas. Di o autor e editor da novela, Carlos Meixide, que este libro é tamén unha homenaxe ao Festival de Pardiñas.
-
05
'Unha rapaza de provincias', de Cecilia F. Santomé
É 1979 e Carmen chega a unha Barcelona vibrante, moderna e chea de contrastes para pasar o verán. Dunha punta a outra da cidade, a súa irmá e mais o seu cuñado daranlle a coñecer aquela sociedade libre, diversa, laboriosa, sacrificada. Abafante. Unha sociedade nos antípodas da súa aldea, tan pequena, tan pechada. Mais non todo en Barcelona é de cor de rosa. Descúbreo cando busca traballo como criada nos barrios altos para sacar uns cartos antes de regresar á casa. En Unha rapaza de provincias Cecilia F. Santomé recrea a Barcelona da Transición e réndelle tributo a esa emigración galega ″interior″ e ″en feminino″.
-
06
'O verán sen homes', de Siri Hustvedt
É verán en Minnesota. Mia Fredricksen, profesora universitaria e poeta na cincuentena, debe facer fronte á decisión do seu home, Boris Izcovich, de interromper a relación conxugal que ambos manteñen dende hai trinta anos. O motivo: unha moza coa que el inicia unha aventura amorosa. Así arrinca unha historia que transcende a literatura de xénero e na que xogan un papel fundamental a memoria e a propia identidade. Pero non só: hai tamén reflexións sobre a velleira, sobre os procesos cognitivos, a bioloxía e a neurociencia, a histeria, a catarse, o desexo, a puberdade, a enfermidade… Alejandro Tovar traduce ao galego para Hugin e Munin a ficción O verán sen homes, escrita en primeira persoa, de Siri Hustvedt.
-
07
'Santoamaro', de Antonio M. Fraga
Santoamaro, que acadou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil de Xerais e o Premio Follas Novas na mesma categoría en 2022, presenta a unha cuadrilla de rapaces e rapazas disposta a gozar do verán tras o cal, posiblemente, os seus camiños se afastarán para sempre. Ese verán despois do derradeiro curso no instituto é o que escolle Antonio M. Fraga para falar da adolescencia, do proceso de maduración de mulleres e homes e dos abusos sexuais na xuventude.
-
08
'O verán no que miña nai tivo os ollos verdes', de Tatiana Tîbuleac
O verán no que miña nai tivo os ollos verdes é un relato escrito a petición dun psiquiatra por Aleksy, o protagonista desta historia da escritora e xornalista moldava-rumana Tatiana Țîbuleac traducida ao galego para Rinoceronte por Andreea Birsanu, na que este rapaz ten que mudar os seus plans para as vacacións do verán despois de rematar os estudos. Un verán que pasará coa súa nai –a persoa que máis odia no mundo– nunha pequena vila de Francia e no que deberá enfrontarse ao seu vínculo roto e ao segredo que garda ela.
-
09
'Os días felices de Benvido Seixas', de Eduard Velasco
– Benvido e eu imos moito a Samil pasear ou dármonos un baño as mañás que teño libres.
– Mira ti! A muller independente fala en plural... –asentía Pepa con malicia.
– A ti que che pasa? Levas moito durmindo soa? –Mariña empezaba a resentirse.
– Podo estar acompañada e durmir ao ancho despois, ou non?
Eduard Velasco escribe en Os días felices de Benvido Seixas, editada por xerais, unha novela que enreda cos tópicos da cultura galega. Co humor sempre presente, a historia decorre entre Pontevedra e Compostela, sempre pasando pola costa, e cun momento crucial durante a celebración do Festigal polo 25 de xullo.
-
10
'O sol do verán', de Carlos Casares
O suicidio de Carlos desata as lembranzas de Helena, que evoca os veráns compartidos da nenez, á vez que indaga nos motivos desa acción brutal e sorprendente. Unha historia de amor e morte; tamén, canto melancólico á beleza, á xuventude e á plenitude da vida. Carlos Casares comparte en O sol do verán, editado por Galaxia, as lembranzas duns personaxes que semellan moi reais aínda que pertenzan á ficción.
-
11
'O libro do verán', de Tove Jansson
–Sei lanzarme á auga –dixo Sophia–. Sabes o que ocorre cando unha se lanza?
–Claro que sei –respondeu a avoa–. Déixase todo, cóllese impulso e sáltase. Séntense as algas nas pernas, e son escuras, e a auga é clara, máis clara por arriba, e hai burbullas. E afúndeste na auga. Contés a respiración e afúndeste, e logo dás a volta e sobes. Déixaste subir e respiras. E logo aboias. Só fas iso: aboiar.
Tove Jansson (Helsinki) mostra en O libro do verán a amizade entre unha nena e a súa avoa octoxenaria, unha relación estreita e intensa que se desenvolve durante varios veráns nunha illa salvaxe do golfo de Finlandia. Moisés Barcia encargouse de tradución ao galego para Sushi Books.
-
12
'Un verán en Galicia', de Catherine Gasquoine Hartley
Xosé María Gómez Clemente traduce para Rinoceronte Un verán en Galicia, de Catherine Gasquoine Hartley (Madagascar), publicado orixinalmente en inglés no ano 1911. ″Soamente aqueles que comprenden que hai que achegarse aos lugares coa mesma disposición coa que se coñece un amigo –con simpatía, amor e sentimentos altruístas–, poden persuadir un país para que lles revele os seus segredos, a súa beleza e verdades″, escribe a autora, que describe como era o noso país a comezos do século pasado.