O 23 de abril de 1616 faleceron Cervantes, Shakespeare e ou Garcilaso de la Vega. Na mesma data nacen ou morren outros autores como Vladimir Nabokov. A UNESCO, no 1995, decidiu declarar, cadrando con esta data, o Día Mundial do Libro. Aínda que xa se viña celebrando desde moito antes. En Cataluña, o escritor Vicente Clavel propuxera a idea ante a Cámara Oficial do Libro de Barcelona. E foi a partir de 1926 cando comezou a facerse. Rosas e libros intercambian os cataláns por Sant Jordi. En Galiza a festa é máis pequena, mais ningún xeito mellor de facerlle medrar que ler libros. E aquí van doce (posibles) propostas.

  1. 01

    'Marxes e centros. Para unha socioloxía do campo cultural'. Antón Figueroa. Laiovento, 2015

    Poucas persoas contribuíron tanto a pensar a literatura galega como o, ata 2013, catedrático de literatura francesa na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago Antón Figueroa. Marxes e centros é unha mostra de dez textos deste autor publicados entre 1983 e 2012, escolmados por colegas de catro universidades que foron alumnos seus. O texto e a súa recepción nunha situación diglósica, a autonomía do escritor e a creación no campo literario, a literatura ‘nacional’ e a articulación do campo literario ou as linguas minoritarias e as relacións interliterarias son algúns dos temas que tratan os artigos recollidos neste volume, que inclúe tamén unha entrevista co autor. Imprescindible para comprender algúns debates actuais arredor da nosa literatura, así como para reabrir outros que seguen a ser adiados.

    >> Podes mercalo na tenda de Praza

  2. 02

    'Capitalismo e fascismo. Psico-ontoloxía da escravitude'. Rebeca Baceiredo. Euseino, 2015

    Con obras como O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo (Galaxia, 2006) e A revolución non vai ser televisada, (Euseino, 2013), Rebeca Baceiredo revelouse como unha das autoras máis relevantes do ensaio filosófico galego actual. “Os corpos produtivos están preocupados pola súa propia produtividade, ou os escravos fanse escravos a si mesmos e aos demais, nunha cadea de opresión que xa vira Trotski antes ca Deleuze”, explica Baceiredo na introdución de Capitalismo e fascismo, que parte da análise da produción da subxectividade por parte do sistema capitalista. A autora xa indagara nas súas obras anteriores no xeito no que o neoliberalismo artella mecanismos de dominación cada vez máis sofisticados, nos que afonda neste novo ensaio, apuntando á continuidade entre o fascismo e o capitalismo. Un libro para pensar as formas actuais de escravitude e, quizais, o xeito de saír delas

  3. 03

    'Balbina (Balbina López Roxo)'. Emilio Araúxo. Toxosoutos, 2015

    Poeta, narrador, editor, tradutor… mais, se cadra e sobre todo, filósofo, Emilio Araúxo volveu no 2015 con dúas obras, A roupa gastabámola escura e Balbina (Balbina López Roxo), ambas publicadas por Toxosoutos. Balbina é o relato, en primeira persoa, da vida e pensamento dunha muller que estivo “dende nena, na revolta contra o poder patriarcal. Dende nena na loita obreira. Vive en primeira liña de corazón combativo a Guerra Civil. Participa despois na Resistencia contra os nazis en Francia. Enlace máis tarde da guerrilla antifranquista en Galicia. Acompaña activamente ao cabo a Revolución Cubana. Debaixo da ominosa dureza de néboa dun tempo sen tempo, chega hoxe a súa voz dende o fondo furtivo do século XX. Tantos signos de porvir que ela desela”. Balbina subverte as distincións entre os xéneros situándose entre a novela e a crónica, o ensaio e a entrevista. Amosando outros xeitos de enfocar a memoria.

    >> Podes mercalo na tenda de Praza

  4. 04

    'Ostrácia'. Teresa Moure. Através, 2015

    Inessa Armand participou na cúpula bolchevique, fundou sociedades feministas, dirixiu xornais e desafiou as normas sociais ao deixar o seu marido polo seu cuñado de 17 anos. Mais é lembrada por pouco máis que ter sido a “amante de Lenin”. Ostrácia, a última novela de Teresa Moure, reconstrúe a súa historia, ao tempo que a súa autora tenta sacudirse a experiencia de ser interpretada, por escribir sendo muller, como “autora de textos vagamente feministas, reivindicativos mas também florais e românticos”, sobre todo a partir da recepción de Herba Moura. Ostrácia pode lerse como un relato histórico-literario sobre os amores entre Lenin e Armand ou, tamén, como unha historia “sobre o papel das aranhas e dos lobos nuns tempos politicamente convulsos”, -explica a autora nunha nota que introduce o libro-, tentando expresar “porque a entrega absoluta do Amor, hoje tão desprezada, é o próprio cerne da atividade Política, essa com que se pode derrubar o que realmente há para traçar uma figura redonda e perfeita, um Mundo Novo”.

    >> Podes mercalo na tenda de Praza

  5. 05

    Marcos Abalde. Oenach. Espiral Maior, 2015

    Se se realizase un catálogo da escrita disitente en Galicia, un dos nomes que terían, sen dúbida, que aparecer, sería o de Marcos Abalde. Máis coñecido como dramaturgo -asinou obras como Xudite ou Canibalismo- que como poeta, gañou o Premio Fiz Vergara Vilariño no 2014 con Oenach, e pouco despois conseguiu o V Premio de Teatro Varela Buxán con Oito epitafios por Troia. Entre a poesía e o teatro móvese Oenach, diálogo entre Antígona e Polinices en tres actos: o apelo de Polinices, a revolta contra Creonte e Antígona na cadea. Unha Antígona que o propio autor definiu como “atlántica, neolítica, indixenista”, e que constitúe en realidade unha homenaxe aos presos independentistas Antom Santos e Carlos Calvo do que, por certo, Através editou tamén este ano os seus Diários, moi recomendable antoloxía de textos escritos desde a prisión.

    >> Podes mercalo na tenda de Praza

  6. 06

    'O deserto'. María do Cebreiro. Apiario, 2015

    A maioría dos poemas do último libro da poeta María do Cebreiro existen “grazas a unha convalecencia que se prolongou durante medio ano e que, como dita a práctica do hesicasmo, me obrigou a gardar quietude, soidade e silencio”. Explícao ela no propio libro, titulado O deserto e cun deseño nada convencional, que o achega a un devocionario con estampas, non necesariamente relixiosas, que se alternan cos poemas. A consciencia do corpo magoado ou a reflexión sobre os xeitos nos que se vive socialmente a maternidade son algunha das materias que atravesan este poemario, -así como o amor, a paixón pola escrita como impulso, como explicou nunha entrevista no Diario Cultural- en cuxo proceso serviulle á autora de inspiración o filme Et la guerre est a peine comencée do colectivo Tiquun. A tensión entre a vontade de afastamento do mundo e a creación de comunidade

  7. 07

    'A filla de Woody Allen. Pequenos actos pseudorrevolucionarios. O Furancho'. Santiago Cortegoso. Morgante, 2016

    Para romper as dinámicas nas que as obras escritas polos dramaturgos e dramaturgas do país non se len porque non se publican, e non se representan porque non se coñecen ou porque se ignoran, é especialmente importante a aposta editorial por este tipo de textos. Morgante xuntou nun libro tres das máis coñecidas, -e neste caso, si levadas á escena, pola súa propia compañía- de Santiago Cortegoso, pouco despois de que fose editada Raclette por Xerais. En A filla de Woody Allen, unha muller insatisfeita e fracasada e en moitos aspectos, mais inesgotable e vital loitadora, procura a seu pai, ou máis ben a felicidade. En ‘Pequenos actos pseudorrevolucionarios que non serven para cambiar o mundo pero fan que quedemos máis tranquilos’ os personaxes, que son como clips de Playmóbil que cobran vida, resístense a seren manipulados, conectando con textos anteriores do mesmo autor como Hamster e 0.7 Molotov.

    >> Podes mercalo na tenda de Praza

  8. 08

    Virginia Woolf. 'Orlando'. Irmás Cartoné, 2014

    “Publicada en 1928 por Hogarth Press, o selo editorial fundado por Virginia Woolf e o seu marido, Orlando é a un tempo novela, xogo e, como ben dixo o fillo da interesada, unha fermosa carta de amor a Vita Sackville-West, de quen Orlando é trasunto. Facendo viaxar a súa protagonista a través dos xéneros e as épocas, Woolf ofrécenos un repaso á historia do Reino Unido desde o periodo isabelino á Primeira Guerra Mundial, pasando por críticas diversas aos convencionalismos sociais máis arraigados, até chegar á imperecedeira declaración de amor que constitúe a súa cerna”. Así presentan Irmás Cartoné a tradución ao galego do Orlando de Virginia Wolf que incluíron entre as últimas novidades do seu selo editorial, dedicado á tradución de textos clásicos da literatura universal

  9. 09

    'Sexo e monstruosidade. Unha xenealoxía da policía sexual'. Antón Fernández de Rota. Axóuxere, 2015

    Antón Fernández de Rota é sociólogo e doutor en antropoloxía cultural. O seu currículo académico -foi docente en varias universidades latinoamericanas- é un de tantos exemplos da relevancia da formación desenvolvida no estranxeiro na traxectoria de moitos investigadores galegos que, coma el, abriron perspectivas novas no seu campo, que funde a antropoloxia histórica coa filosofía política para tratar cuestións coma a biopolítica e a xénese do estado moderno. Sexo e monstruosidade tracexa unha xenealoxía da “policía do sexo”, entendendo por tal as determinacións, normas e éticas que definen o sexual en cada momento. E escolle, para iso, a perspectiva da monstruosidade e do travestismo, en diálogo cos feminismos e coa historia do hermafroditismo, deténdose na relación ambivalente e non exenta de tensións entre feminismos e travestismos.

    >> Podes mercalo na tenda de Praza

  10. 10

    'O ocaso da familia Portela'. Noa Pérez González. Barbantesa, 2015

    A historia dos segredos e mentiras, das moitas covardías e dalgunha valentía dunha familia galega acomodada galega do século XX. Así se presenta a primeira novela de Noa Pérez González, O ocaso da familia Portela. Nela, “Guadalupe coñece ben moitos dos segredos da súa familia, os Portela, e decide contalos. Faino polos seus sobriños, para que entendan de onde veñen e comprendan que pecado cometeu a súa nai para seren repudiados pola familia. Faino tamén para rescatar e reivindicar a memoria dalgunhas mulleres Portela que tentaron fuxir do seu designio e seren libres. E faino para que o seu compañeiro comprenda por que non quixo ter fillos e como ela é tamén vítima do fatalismo dos Portela”. Novela de carácter memorialístico que lembra, outra vez, que o íntimo é tamén político.

    >> Podes mercalo na tenda de Praza

  11. 11

    'Percorridos por unha teoría do desexo'. Alberte Pagán. 2015

    Máis coñecido como realizador, Alberte Pagán é tamén escritor. O seu último libro, Percorridos por unha teoría do desexo, é, como el mesmo o define na súa web, “un feixe de relatos que naceron como novela; é unha novela desglosada en capítulos independentes que se poden ler como relatos; é a historia dunha vida (dunhas vidas que son unha) contada desde a madurez até a xuventude e a infancia. Agás, claro é, o primeiro capítulo, que serve de pórtico. É literatura global mais perfectamente localizada, na que a viaxe é un elemento constitutivo de cada capítulo (“percorridos”). É literatura que ás veces se perde por xardíns ensaísticos, nos que a realidade pode afogar a ficción (ou era ao revés?) (“teoría”). É unha novela sobre a nada, sobre a existencia, sobre o que fai que sigamos untados a este insignificante planeta, e por tanto sobre a (militancia) política (“desexo”)”.

  12. 12

    'Sectores de fogo'. Xoán C. Rodríguez. 2015

    Sectores de fogo é un dos SNC da nación, está é a súa escritura. Unha escritura grave, porque grave é toda escritura que formula unha crítica da súa terra e do seu tempo. E isto non porque Xoán Carlos Rodríguez deba ou queira expresar estes ou aqueles convencementos sociais ou políticos, máis ben porque pode e é, elixe, ser fiel a si mesmo; está feito de tal madeira que só pode amosar o mundo que ama e padece”. Así remata o texto co que Chus Pato presentou, hai xa un ano, en Numax, o novo libro de Xoán C. Rodríguez, autor de Occidencia (2004) e coautor de Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994).