Unha ducia de de momentos da lexislatura
Tres anos e medio, ao final, dan para moito. Moitos momentos, algúns máis anecdóticos e outros con máis peso e consecuencias. Alberto Núñez Feijoo gañou as eleccións o 1 de marzo e, malia a crise, tivo un goberno relativamente tranquilo, no que os principais problemas tiñan case sempre os seus culpables fóra. Abriu a Cidade da Cultura e arderon as Fragas do Eume; veu o Papa, ascenderon Celta, Dépor e Lugo e rematamos este tempo sen caixas de aforros, con menos servizos públicos e dereitos sociais e con máis parados e paradas.
-
01
Aquel 1 de marzo
Foi unha sorpresa. Uns meses antes das eleccións (para as que todos lle recomendaban a Emilio Pérez Touriño un adianto) poucos podían esperar que o PP recuperase a maioría absoluta. Pero foi. E ese día comezou unha lexislatura de tres anos e medio de crise económica, de desemprego, e dun goberno de perfil baixo (moi baixo) que chega ao exame final con poucos grandes proxectos dos que se gabar. E os que levou a cabo (a derrogación do concurso eólico, a fusión das caixas...) non lle deparan tampouco titulares favorables.
-
02
Fin do consenso lingüístico
Unha das primeiras medidas do goberno popular foi a derrogación do decreto do uso do galego no ensino, aprobado en 2007 por PP, PSdeG-PSOE e BNG, seguindo o consenso co que sempre se tratou este tema, dende os tempos de Albor. Feijoo iniciou unha cruzada contra a lingua galega que foi contestada na rúa polas mobilizacións masivas de Queremos Galego, que contaron co apoio de toda a oposición: BNG, PSOE e EU.
-
03
A subasta dos Audis
Na campaña electoral Núñez Feijoo e algúns medios de comunicación fixeron bandeira da austeridade e do suposto excesivo gasto do goberno de PSOE e BNG. En especial o tema dos audis que a Xunta tiña en carteira. En outubro de 2009, cumprindo unha promesa electoral, a Xunta subastou 20 coches (14 deles mercados por Fraga) só conseguiu vender 3, obtendo algo menos de 30 mil euros.
-
04
O último Xacobeo até o 2021
A vitoria de Feijoo impediu comprobar como organizaría un ano Xacobeo un goberno que non fose do PP. O xubileo trouxo moitos peregrinos, algúns concertos e mesmo a visita do Papa Benedito XVI; agardábase unha marea de xente en Compostela e ao final seica había máis en Teo. Foi o último xacobeo até o 2021 e algúns seguen falando de inventar algo polo camiño, que a espera é longa de máis.
-
05
A xente que marchou
Nestes catro anos deixáronnos moitas persoas queridas. Moi recentemente Avelino Pousa Antelo ou Fito Domínguez (A Roda) e non moito antes Isaac Díaz Pardo ou Bobby Farrell. E tamén Ana Kiro, en setembro de 2010.
-
06
O día da muller traballadora, con globos
Moitos aínda tentamos comprender que pretendían os conselleiros Beatriz Mato e Javier Guerra ao disfrazarse con globos no Día da Muller Traballadora do 2010. Pero a foto quedou para este e outros balances da lexislatura.
-
07
O fracaso do éolico
Pode que o plano eólico aprobado polo Goberno de PSdeG e BNG tivese moitas eivas, pero dende logo a xestión realizada polo PP, cun novo plano que nin sequera chegou a dar froitos, foi moito peor. Ao final, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia determinou en dúas ocasións a legalidade do concurso orixinal, obrigando a Xunta a indemnizar as empresas prexudicadas.
-
08
Dúas caixas, unha caixa, sen caixas
Esta lexislatura estivo marcada, dende logo, pola desaparición das caixas de aforros, as manobras para forzar unha fusión coa resistencia de Caixanova, as indemnizacións millonarias para os directivos e ao final a nacionalización do banco resultante. E por riba de todo este farragoso proceso, o resultado final: un país sen caixas e cen mil aforradores cos seus cartos retidos no engano masivo das preferentes.
-
09
257.267 parados e dúas folgas xerais
Esta é a lexislatura, sobre todo, da crise económica, dos recortes e do desemprego. E podería pecharse coa petición oficial de rescate por parte de Mariano Rajoy. As medidas de axuste afectaron especialmente aos servizos públicos e aos dereitos sociais, aos pensionistas, aos mozos e mozas, aos investigadores... E a reacción social foi crecente e vai en aumento: dúas folgas xerais convocadas por todos os sindicatos, unha contra Zapatero e outra contra Rajoy. E continuas mobilizacións masivas, coma a do pasado 19 de xullo.
-
10
O 15M
Outro dos grandes titulares destes tres anos e medio foi, claro, o movemento 15M, xerador dunha importancia conciencia crítica na sociedade. Xurdiu, mutou, recibiu ataques de todos os lados e seguiu adiante.
-
11
Conde Roa
Se houbo unha persoa que enchese páxinas en Galicia ese foi Gerardo Conde Roa. Conde Roa foi coma unha supernova: gañou as eleccións en maio de 2011, brillou de maneira intensísima e dimitiu un ano despois. Bailou, enfrontouse a Leo Bassi e á NASA e ao final foi acusado de fraude.
-
12
O Códice
A Conde Roa só lle faltou roubar o Códice. Pero niso, parece, non tivo nada que ver. O caso do Códice desaparecido tamén nos tivo en vilo, e dende logo hai material para escribir o que sexa ao redor das manobras e miserias dunha institución fóra de tempo. E para escribir sobre o que quedou en segundo plano: que o Códice, como sempre dicía Indiana Jones, "debería estar en un museo (público)".
-
13
O 21-O
E que pasará o 21-O? Feijoo viuse obrigado a adiantar as eleccións por mor dun contexto económico e social cada vez máis prexudicial para os intereses do PP. A vitoria de Mariano Rajoy nas xerais do pasado novembro ao final converteuse nun lastre imposible de levar para o PP en Galicia, que lle fixo perder nos últimos meses toda a marxe da que dispuña para manter a maioría absoluta.