Unha ducia de de recortes
Se algo houbo nestes últimos meses foron recortes, polo que non foi dificil atopar unha ducia deles aprobados ou aplicados polo Goberno de Alberto Núñez Feijoo. As tesoiras comezaron a converterse nun simbolo nunha icona das manifestacións e nun lugar común nas conversas. Poucas cousas houbo que non se recortaran (ou axustaran, noutro tipo de linguaxe), dos soldos aos servizos sociais, do noitebús ao himno... Mesmo se chegou a falar de recortar o Parlamento e ao final o que se recortou foi a lexislatura. Este 15S unha gran mobilización percorrerá as rúas de Madrid do mesmo xeito que as rúas galegas levan meses protestando.
-
01
As políticas activas de emprego
O recorte orzamentario do Goberno central rebaixou os fondos para políticas activas de emprego nun 56%. En Galicia iso significou un descenso de 140 a 110 millóns de euros neste 2012. Trinta millóns menos para paliar o problema máis importante na actualidade.
-
02
Os libros de texto
A Xunta de Galicia suprimiu a gratuidade dos libros de texto buscando o aforro. Porén, neste curso, o terceiro co novo sistema en marcha, que será ademais o primeiro no que o anterior modelo de préstamo estea practicamente extinguido, as arcas públicas galegas destinarán até un 22% máis a libros de texto que no último ano en que todo o alumnado de centros públicos e concertados tiña manuais de balde.
-
03
Profesorado
Os recortes afectaron especialmente ao funcionariado e nomeadamente ao ensino público. O curso comeza en Galicia con 1.000 mestres menos, aulas máis masificadas, carencia de especialistas, desatención á diversidade, agrupamentos de alumnado de diferentes idades nunha mesma aula. E nas zonas rurais a situación é moito peor.
-
04
Dependencia
O PSdeG-PSOE denunciou recentemente que as persoas á espera de axudas de dependencia se multiplicaron por cinco nesta lexislatura. E en xullo os profesionais do traballo social alertaban da "destrución do Estado do Benestar". E é que o 10 de xullo o Goberno central decidiu eliminar case a metade dos fondos para servizos sociais básicos. En Galicia o investimento pasou de 7,2 a 3,9 millóns.
-
05
O 'medicamentazo'
Este ano tamén entrou en vigor o medicamentazo, isto é, o dobre pagamento dalgunhas medicinas que quedan fóra do financiamento público. A medida chegou entre as criticas dos afectados e afectadas sobre todo dos pensionistas e tamén entre o desconcerto e a falta de información inicial. E agora prepárase un segundo recorte que poderia afectar a diversas prestacións médicas, coma as mamografias.
-
06
Recortes na sanidade
Ademais do medicamentazo, outras medidas comezaron a mermar a calidade da atención sanitaria en Galicia. O tempo de espera por unha operación cirúrxica no Sergas subiu un 20% en tres anos. E é que a 'austeridade' levará por diante o 10% do cadro médico do Sergas pois a reposición de só o 10% das baixas causadas por xubilacións forzosas provocan que Galicia sexa a cuarta autonomía que máis médicos perderá nos vindeiros anos. E quen máis sofre os recorte é a parte máis desprotexida da poboación, coma as persoas migrantes.
-
07
Menos galego no ensino
Despois de desenvolver unha dura cruzada contra el na oposición unha das primeiras decisións do PP tras retornar á Xunta foi derrogar o decreto de uso do galego no ensino. A norma que establecía un "mínimo" do 50% das materias escolares en lingua galega foi substituída polo denominado "decreto do plurilingüismo", cun novo reparto que, segundo Educación, garante o "equilibrio" pero que, na práctica, reduce a presenza do idioma propio a, no mellor dos casos, un terzo das materias, desaparecendo totalmente en moitas aulas de ensino infantil.
-
08
O Parlamento que (por pouco) non minguou
Na recta final da lexislatura o PP propúxose reducir o Parlamento de 75 a 61 deputados e facelo ademais por trámite de urxencia. O que os conservadores presentaban como unha vía de "aforro" a oposición analizouno como un recurso do partido gobernante para incrementar o peso das xa sobrerrepresentadas provincias de Lugo e Ourense e así amarrar o poder. Finalmente o adianto electoral frustrou o recorte, que Feijóo xa avanza que sacará adiante se recunca no Goberno.
-
09
Universidade
Hai uns dias comezou un novo curso universitario. Coma noutros eidos vaise caracterizar polos axustes, pola diminución de profesores, de bolsas e de fondos para a investigación. Nun contexto no que a ciencia en Galicia conta coa metade do investimento medio na UE.
-
10
Cooperación internacional
Galicia é unha das comunidades que menos achega do Estado español a cooperación internacional -un 0’06% do seu PIB-. E a cousa vai a menos. Os recortes empezaron polos Orzamentos Xerais do Estado e continuarán coma se dun dominó se tratase nas autonomías, as deputacións e, finalmente, os concellos.
-
11
O Noitebús
A comezos da lexislatura a Xunta deixou de financiar o Noitebús. Algúns concellos fixeron o esforzo de mantelo pero na meirande parte dos traxectos os rapaces e rapazas tiveron que volver aos recursos habituais para volver ás súas casas de madrugada. A propia DGT criticou a supresión e instou a Xunta a recuperar o valioso servizo.
-
12
O himno, a medias
Ao longo da lexislatura que remata non foron poucos os actos oficiais nos que o himno galego quedou a medio camiño, chegando ao "fogar" e non á "nazón" de Breogán. Outras veces, o derradeiro verso da composición foi substituído por acordes musicais.