Unha ducia de de rotondas...
Lévase falado moito de rotondas nas últimas semanas. En Coia, o Goberno local vigués teima en instalar nunha delas un barco, o Bernardo Alfageme, nun proxecto que foi rexeitado en dúas ocasións polo pleno municipal e que se atopa coa frontal oposición da veciñanza do barrio e da maior parte das forzas políticas. Aínda que non se trata dun debate estético, senón de prioridades de gasto e de respecto pola vontade da cidadanía, imos facer un repaso por unha ducia de rotondas singulares.
-
01En Getafe, macetas
Nas listaxes das rotondas máis feas ou horteras adoita aparecer esta, situada na localidade madrileña de Getafe, onde -á vista dalgunhas publicacións que se poden atopar pola rede- hai un certo obsesión por decoralas.
-
02Albufeira, no Algarve
Tamén en Portugal semella existir un certo horror vacui cando se constrúe unha rotonda. No Algarve, na localidade de Albufeira atopamos varios exemplos, coma este ou este.
-
03Murcia, terra de rotondas
Se hai un territorio que destaca pola orixinalidade das súas rotondas, é seguramente Murcia. Alí podemos atopar un Volkswagen Passat partido en dúas metades, situado á entrada da Facultade de Medicina
-
04Tombatossals, en Castellón
Algunhas rotondas non son singulares pola súa fealdade, senón se cadra polas súas dimensións. En Castellón atopamos unha impactante escultura do xigante Tombatossals, un referente popular da mitoloxía desa provincia, protagonista ademais dunha novela de Josep Pasqual Tirado
-
05O Che
Unha das rotondas máis singulares de Galicia é a presidida pola Estatua de Che Guevara, en Oleiros, na avenida que leva o seu nome, preto da praia de Bastiagueiro. Cun custe de 180 mil euros, foi inaugurada en 2008, unha nova da que deron conta numerosos medios internacionais. Foi obxecto de varios actosvandálicos e a súa instalación foi moi criticada polo Partido Popular, que mesmo chegou a presentar unha denuncia xudicial, rexeitada e arquivada. "Si fuese un Cristo o una estatua de Santa María de La Hoz, aquí no protestaba ni dios, que les den a su puta madre", seica respondeu ás críticas o alcalde Ángel Seoane.
-
06En Burgos, un tiranosaurio
Se un conduce por Burgos, no polígono industrial de Villalonquéjar, pode levar unha boa sorpresa nunha das súas rotondas. Hai un tiranousauro de nada menos que 16 metros de longo e 6 de alto. Inaugurada en 2009 converteuse xa en todo un atractivo turístico para a localidade de Villatoro.
-
07Rotonda dobre, en Sabón
En Sabón, Arteixo, hai unhas poucas semanas inaugurouse unha nova rotonda, cuxa singularidade non está na decoración escollida para o seu espazo central, senón no feito de ser unha rotonda dobre, situada unha sobre a outra, en dous niveis, como desta
-
08Un oso xigante... e verde
En Boadilla del Monte (Madrid) atopamos un enorme oso verde no centro dunha inmensa rotonda. O conxunto foi votado en máis dunha ocasión como a rotonda máis fea da Comunidade de Madrid (nunha elección posta en marcha por El Mundo) e unha das máis feas de España-
-
09Planeta xamón
En Murcia, como non, á entrada da fábrica de embutidos El Pozo (cando menos ten unha xustificación) atopamos esta creación que no blog Strambotic bautizaron como "Planeta Jamón", todo un globo terráqueo rodeado de xamóns. Na Cañiza tamén temos unha rotonda cun xamón. Pero ten un, só un.
-
10Por terra, mar... e aire
Se en Vigo (ou Ribeira) hai barcos nas rotondas, noutros lugares optan polos avións, como en Santander, ou polos helicópteros, coma en Colmenar Viejo ou Ciudad Real
-
11En Leganés, monstros, meninas e montañas rusas
Leganés, tamén na Comunidade de Madrid (que compite con Murcia en canto á monumentalidade das rotondas) atopamos máis dunha ducia de exemplos de rotondas singulares, que poderían monopolizar esta sección. O chamado monstro de lega-nés, unhas Meninas e mesmo unha obra titulada De la luz y los árboles, que os veciños identificaron cunha montaña rusa
-
12E Coia
Visto o visto, se cadra non está tan mal que poñan o Bernardo Alfageme en Coia. Porén, como ben sinalaron os veciños e veciñas opostos ao proxecto do Goberno municipal de Vigo, nunca se tratou dunha cuestión estética, senón de prioridades de gasto e de respecto á opinión e vontade da cidadanía (ou do propio pleno municipal, que rexeitou o plan en dúas ocasións).