Unha ducia de de superheroes de 2012
Retruque aos superviláns de Alberto Ramos.
Dicía Alberto que non hai ducias para tanto supervilán: represores, banqueiros cobizosos, oligarcas, políticos-títere ou xornalistas-títere compuñan a paisaxe, case medieval, da súa escolla. Mais tampouco hai ducias para tanto superheroe neste ano que esmorece. O mellor desa bandada é que podemos -e debemos- rir deles, aínda que só sexa porque rin de nos continuamente e con escarnio. Esta que segue é unha listaxe desde o outro punto de vista. E esquézome de Félix Baumbgartner, que saiu á estratosfera para comprobar in situ que tan só somos un pequeno punto azul no espazo.
-
01
Alberto Casillas e Esther Quintana
Afrontaron a doutrina do medo poñendo en perigo a súa integridade física. El en Madrid e ela en Barcelona. Os dous coma símbolo e coma vítimas da intensificación da represión policial e da violencia sistémica. Foron portada nalgunhas cabeceiras internacionais que non daban creto á re-fascistización, e ao regreso das malleiras dos grises. O primeiro, do que se lembrou Alberto ao falarnos dos antidisturbios coma ente e apuntándonolo coma némese destes, pediu “perdón á clase traballadora” por votar ao PP asegurando que non o faría “xamais”. A segunda correu peor sorte: o ollo polo que miraba as inxustizas que a moveron a saír ás rúas berrar indignación contra este mundo piramidal xa non verá máis. Oír, ver, e calar. Mais quixeran.
-
02
Os políticos que merecen a pena no Reino
Algúns son xa rostros coñecidos. Outr@s menos. Imprescindibles nestes tempos absurdos e de escuridade. Póñenlle voz aos que non a teñen, e din algunhas verdades incómodas -sobre todo para os poderosos superviláns- denunciando as chanzas ás que nos acostumaron os mandados dos mandados mailos mandados dos mandados dos mandados. De seguro hai mais, pero aquí van uns cantos nalgúns dos seus momentos memorables: Alberto Garzón, Mónica Oltra, Tania Sánchez Melero, Sabino Cuadra, Joan Herrera, David Fernández e Diego Cañamero.
-
03
Juan Manuel Sánchez Gordillo
Capítulo á parte para o veterano alcalde andaluz, que foi bautizado nalgunha prensa extramuros coma o Robin Hood español debido ás accións efectistas que protagonizou nalgún supermercado e que xeraron tanta polémica. O Sindicato SAT quixo poñer en evidencia que crise -máis alá de obxectivo de déficit- significa fame, e que mentres as grandes superficies tiran alimentos ao lixo moitas familias sobreviven como poden. O ciclo de lexitimidade das políticas de austeridade rematou cando xente coma el comezou a dicir o evidente: o capitalismo desbocado e sen freo mata.
-
04
Os políticos que merecen a pena plus ultra
A diferenza do clásico e abundante supervilán patrio, popularmente coñecido coma facha, non creo que sexamos o centro do universo coñecido. Nin tampouco que Spain sexa unha, ou especialmente grande, nin tan libre como din. Iso si, hai que recoñecerlle capacidade de adaptación a esta especie: hai poucos anos o liberalismo xunto coa masonería, o separatismo e o comunismo era un cancro a extirpar radicalmente. Hoxe profésanlle mais fe que ao brazo incorrupto de Santa Teresa. Só ao económico e sempre que lle beneficie a unha minoría. Por iso no 2012 mereceu a pena reparar nalgunhas voces emerxentes desa outra Europa que combate a catastroika: Ana Drago, Catarina Martins, Alex Tsipras, Jean-Luc Mèlenchon
-
05
David Reboredo
O vigués se non é un heroe non lle anda lonxe. O que resulta incontestable é que con el se comete unha desproporcionada inxustiza habendo tanto supervilán ceibe. Se non o liberan pasará tempo nas mazmorras evidenciando que hai cidadáns de primeira e cidadáns de terceira. Outro símbolo do regreso ao pasado. Claro que non se apelida Urdangarín nin é de alta alcurnia -xa o sabemos- pero entre outras moitas cousas a CE1978 falaba de reinserción, e tal e que sei eu... Podes asinar aquí pola petición do seu indulto.
-
06
A cidadanía rebelde e combativa
Os milleiros e milleiros que saen ás rúas e se organizan en plataformas a pé de barrio ou de vila contra os superviláns á marxe da dureza do día a día. A media ducia de millóns de desempregados. A maioría social agredida é un superheroe colectivo. A cidadanía activa e consciente da condición de cidadán que observa como o vai perdendo todo: STOP Desafiuzamentos, SOS Sanidade Pública, os iaiofrautas, os mineiros, o conglomerado de organizacións arredor do 15-M e o 25-S, a xudicatura que ve como se degrada a Xustiza impartida no nome de El-Rei e as mareas brancas e verdes son boa mostra. A histórica xornada paneuropea de loita do 14-N tamén.
-
07
Gandeir@s e mariñeir@s
O diezmo enfeudado non se paga hoxe en maravedíes. O leite e o peixe sae a toda velocidade da Gallaecia dirección “mercado global” á mesma velocidade coa que Edgewater extraerá o ouro galego camiño de Roma, mentres importamos produto porque non importamos nada. Deplorable a súa situación. Os superviláns, ao seu.
-
08
O xornalismo auténtico
Ou aquel que se fai a pesares de todo, contra vento e maré. Na nosa terra, despois dun ano nefasto onde pecharan varios xornais escritos en galego, outros abriron. Proxectos colaborativos, ao marxe da plutocracia e sustentados en boa medida polos socios e os lectores en contraposición á visión unicamente lucrativa e mercantilista da información, á des-profesionalización do xornalismo e á invasión do poder político na súa independencia. Sirvan Praza e Dioivo, entre outros, coma exemplo.
-
09
Elvira Murcia
Esta dependente encadeouse varias xornadas consecutivas -de noite e con frío- diante do Palau da Generalitat valenciá para protestar polos recurtes e a inaplicación da Lei de Dependencia. Resposta da Administración: o silencio mais silencioso. A sensibilidade e consideración das institucións medievais é ilimitada. Mais os números cantan, e cantan alto e claro. Segundo a Plataforma en Defensa da Lei, 30.000 persoas morreron nesa comunidade esperando pola súa aplicación.
-
10
Superpublica
O superheroe dos estudantes asturianos que defenden a educación pública e din estar #hastalosbolonios do desmantelamento programado da calidade da Universidade debido ao proceso privatizador enfermizo e imparable.
-
11
Xosé Manuel Beiras Torrado
O histórico líder nacionalista galego regresou con forza ao panorama da política institucional da man da coalición Alternativa Galega de Esquerda despois dunha brillante campaña electoral que, en poucos días, permitiu centrar a atención e centrar o debate nos seus xustos termos para o tempo presente. Foi quen de superar en apoio social ao BNG e vai ser, a bo seguro e xunto ao superheroe colectivo, o peor pesadelo do supervilán Feijóo durante a lexislatura.
-
12
O pobo grego e os pobos sometidos do mundo
O ano 2012 foi nos países do Sul de Europa o ano da baixada aos infernos que propón a debedocracia dos superviláns. No berce da civilización occidental e dos pensadores mais sofisticados ensaiase a cruzada contra a Democracia que ameaza con estenderse ao continente enteiro no 2013, onde fará mais frío. Winter is coming. Mais non hai que esquecer que son moitos os lugares do planeta aqueixados da peste do frío, da fame, da guerra ou do exterminio. A cara B da Historia. As rutinas que non se ven porque non se contan, agochadas entre o lixo en Perú, nunha mina de diamantes en África, nunha favela brasileira, en Palestina, no Sahara ou na selva colombiana. O 99% é superheroe e ten o dereito todo de coller unha ducia de ovos e lanzala á cara a ese 1% de superviláns que os ten tan cadrados como para permitir que todo isto aconteza.