Alberto Ramos

Unha ducia de de superviláns de 2012

Non hai pan para tanto chourizo. E, dende logo, neste 2012 non hai ducias para tanto supervilán. Mexaron por nós, mallaron en nós e ríronse de nós. Parecen os malvados dun mal cómic, mais non son debuxos. Son de carne e óso, e coa súa forma de actuar nestes violentos anos dez, deixaron ás claras que son superviláns. E dicimos superviláns por non dicir expresións máis grosas. Velaquí vai unha pequena mostra... Seguramente haxa moitos outros.

  1. 01

    O antidisturbio coma ente

    Aínda que seguramente a maioría deles non saiban quen é Max Weber, os antidisturbios aplican a súa máxima do lexitimo monopolio da violencia por parte de estado até onde faga falla. Con menores, con adultos, na Praza de Cataluña de Barcelona ou na estación de Atocha. Son cousas da democracia, as hostias repártense ben. Non teñen cara visible, pero moito rostro si que gastan e arfan con cada porrada. A súa némese? Un camareiro de Prado votante do PP que, ao xeito dun Gandalf urbano, berrou ao seu xeito aquilo de “Non podes pasar”.

  2. 02

    O Goberno en pleno

    Si, todos eles xa son máis dunha ducia... Pero funcionan como unha única gran maquinaria de maldade. Sabemos que, como dixo Gallardón, gobernar é “ás veces repartir dor”. Quizais os antidisturbios reparten de forma máis democrática as hostias, pero o Goberno non está tan claro que o faga. Cada quen ten un poder diferente de supervilán. O presidente, Mariano Rajoy, incumpre sistematicamente o que di en campaña. Gallardón reparte dor e consegue que avogados, xuíces, fiscais e cidadáns, que nunca están de acordo, se encabronen por igual. Wert... Que dicir de Wert? É coma un touro castigado... Todos e cada un deles teñen un poder diferente.

  3. 03

    O Borbón

    O seu poder de malvado é facer que o annus horribilis de Isabel II de Inglaterra sexa unha anécdota minúscula. O seu verdadeiro ano comezou cun xenro vasco que xogaba ao balonmano e coas contas bancarias. O Borbón respondeu con aquilo de que todos somos iguais ante a xustiza. Vaia... todos, todos... Iguais, iguais... Segundo se mire. Despois marchou a África a disparar contra elefantes protagonizando un capítulo propio de La Codorniz. Hai quen di que pediu perdón, pero pedir perdón e dicir “lo siento” non é o mesmo. Non lembro quen o dixo, pero a monarquía non se lle perdoa. Ou acéptase como é ou córtaselle a cabeza.

  4. 04

    Andrea Fabra

    Gran deputada e mellor filla. Ten un pronto un chisco visceral, que lle fai estar no Congreso e cargar con malas palabras -parece ser- contra a bancada socialista. Aínda que moitos  malpensados consideraron que con aquel polémico “que se jodan” se refería aos millóns de parados. Cospedal dixera que “o seu comportamento era censurable”, mais non foi  expedientada polo PP. “Teríamos que abrirlle expediente á metade dos membros da Cámara polas expresións e xestos que se ven alí”, xustificouse Cospedal. Se cadra, non era mala idea.

  5. 05

    Juan Luis Cebrián

    Un supervilán con maiúsculas, cuxo poder é afundir o prestixio de calquera cabeceira. Sobre todo se tivo que ver na súa creación. “Isto é meu e rómpoo cando quero”, seguramente pensou. O ERE en El País retratouno ás claras. “Non podemos seguir vivindo tan ben”, laiouse ante o comité de redacción dun diario que, cada día que pasa e dende hai moito tempo, sorprende cos seus editoriais. Din por aí que cobrou o ano pasado 13 millóns de euros... Non se pode vivir tan ben, debe ser certo... Polo menos, foi a medicina que lle aplicou a 129 traballadores.

  6. 06

    Paco Marhuenda

    O director de La Razón ten o superpoder de facer que milleiros de persoas esperen polas noites a ler as súas portadas. Milleiros de twitteros viven ao borde do ataque de ansiedade por coñecer como este facho do xornalismo retrata á realidade do acontecido no día. Sen pelos na lingua nin pudores nas portadas, Marhuenda converteuse nun referente. Estudantes, sindicalistas, políticos, nacionalistas, traballadores... todos teñen espazo no seu retablo de marabillas que crea cada día.

  7. 07

    Caneiro

    O escritor  non ten tantos superpoderes  nin tan terribles como os anteriores. As súas capacidades son bastante máis insignificantes, mais Caneiro estase a converter nun referente a seguir no twitter. Tanto se pelexa con outros escritores, como lanza odas espectaculares a Núñez Feijóo ou encabrona a media profesión xornalística con comentarios sobre o peche de El País Galicia. Se non che pregunta algunha vez aquilo de “¿Y usted que lee?”, non es ninguén no twitter.

  8. 08

    Gerardo Conde Roa

    Pasou moi rápido de alcalde eufórico e de supervilán a bufón, a xoguete roto, a monifate. O tránsito deuse en tan só dez meses de mandato. Hai un ano, por estas datas, bailaba encantado no Obradoiro entre asnos e mama noeles. E tamén xunto ao actual alcalde de Santiago, Ángel Currás. Despois chamou repugnante a Leo Bassi e descubriuse que debía a facenda unhas facturas do IVE por uns 300.000 eurillos. Empregando o título do libro de José Precedo: Conde Roa, caso perdido.

  9. 09

    Rodrigo Rato

    Poderíamos falar de Gayoso, poderíamos falar de Méndez ou de calquera outro máximo xefazo de moitos bancos e caixas arruinadas, rescatadas, perpetradores de desafuizamentos e responsables da situación de preferentes. Pero escollemos a Rodrigo Rato. E por que? Porque a súa representatividade do sector financeiro é impresionante. Ademais, ser director do FMI dáche un nivel de supervilán difícil de equiparar. E, ademais, representaba unha das grandes fábulas da democracia española: a suposta gran xestión económica do PP. Pois vai ser que non...

  10. 10

    A troika

    A Unión Europea (premio Nobel da Paz), o Fondo Monetario Internacional e o Banco Central Europeo. Os seus representantes na terra, seica, son os homes de negro. Se gobernar é ás veces repartir dor, a troika e os homes de negro son os mellores gobernando.  Os seus consellos e indicacións fannos mellores, axúdannos no día a día e permítennos ter menos capacidade de decisión. No fondo é un favor, decidir é ben difícil. Que fariamos nós sen eles? Os seus poderes de supervilán son impresionantes.

  11. 11

    Díaz Ferrán

    Parecía que era un supervilán xa amortizado, pero o pasado sempre volve con fame atrasada. Díaz Ferrán foi o patrón de patróns e lembramos estes días unha gran frase súa: “hai que traballar máis e cobrar menos”. El entendeuno ao revés, traballou menos e cobrou moitísimo, din que lingotes de ouro. Un clásico dos superviláns deste estado en franca descomposición.

  12. 12

    E ti a quen escolles?

    CC OO por despedir traballadores coa reforma laboral contra a que se manifestou día si e día tamén; Jesús Vázquez, conselleiro de Educación e Cultura que non para de recibir “nons” xudiciais ao seu decreto do galego; Francisco Vázquez, ex alcalde da Coruña que compara as políticas lingüísticas co nazismo; Carlos Dívar, ex presidente do Tribunal supremo que se foi a Puerto Banús (hai que ser cutre!) con cartos públicos; o político imputado prototípico, do partido que sexa e que firmou o que sexa; Guillermo Collarte, deputado que cos seus 5.000 euros de ingresos non chegaba a fin de mes... Non hai pan para tanto chourizo nin ducias para tanto supervilán neste 2012. Esta só é un mostra? Cantos máis faltan? Cal escollerías ti?