Montse Dopico

Unha ducia de dereitos perdidos ou mutilados

A crise económica e os sucesivos recortes (de salario, de prestacións...) están sendo acompañados nos últimos anos por outros recortes, de dereitos individuais ou colectivos que foran conquistados e asentados durante décadas e que, en moitos casos, pensamos que estaban totalmente asegurados e garantidos. Viuse que non. Haberá que pelexar para recuperalos.

  1. 01

    Dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo e sobre a súa propia vida

    A lei do aborto que prevé aprobar o goberno do PP no Estado non só afasta o Estado español da maioría dos países europeos, senón que supón unha volta a tempos predemocráticos. As mulleres volverán ser tuteladas, como antano, á hora de dicidir non só sobre o seu útero, senón sobre a súa vida, cunha lei de supostos que obrigará a moitas a regresar aos abortos clandestinos e inseguros.

  2. 02

    Dereitos das persoas dependentes a unha atención axeitada garantida polo Estado

    A novidade principal achegada pola Lei de Dependencia foi recoñecer como dereito o que até entón foran servizos do Estado de Benestar. O goberno do PP deroga, de facto, esta lei, vía orzamentaria, reforzando á súa vez os roles tradicionais de xénero, nos que as mulleres seguen a ser as principais coidadoras de dependentes e menores.

  3. 03

    Dereito a unha atención sanitaria rexida polo principio de universalidade

    O Real Decreto Lei de 2012 sobre "sostenibilidade" do Sistema Nacional de Saúde liga a condición de beneficiario da atención sanitaria pública ao status de asegurado, excluíndo colectivos como os inmigrantes sen papeis e obrigando, por exemplo, aos parados maiores de 26 anos sen recursos a acollerse a unha modalidade de "beneficencia". A este decreto uniuse o repagamento de medicamentos, que ademais de ser ineficaz e ineficiente castiga especialmentea sectores especialmente vulnerables como os enfermos crónicos ou os pensionistas.

  4. 04

    Dereito a un ensino público favorecedor da equidade

    O informe PISA sinalaba, ano tras ano, os bos resultados do sistema educativo do Estado español en canto ao fomento da equidade. A LOMCE consagra, pola contra, un principio demandado polas elites que arelan a segregación do alumnado por clase social, que é a “elección de centro”. Un ensino concibido como carreira de obstáculos, que encamiña o alumnado que precisa de maior apoio aos itinerarios que máis dificultan a mobilidade social, será a guinda do pastel da reprodución do actual sistema de clases, cun reforzo, unha vez máis, da segregación por sexos ao favorecer o mantemento con fondos públicos de centros que separan nenos e nenas.

  5. 05

    Dereito dos traballadores e traballadoras á súa participación efectiva na definición das súas condicións laborais

    A reforma laboral non só demostrou, ao longo do 2013, os seus éxitos na creación de desemprego vía despedimentos masivos, senón que desequilibrou de tal xeito a balanza das relacións laborais en favor do empresario que reduciu o papel das persoas empregadas a meras receptoras da imposición dunhas condicións cada vez máis precarias. O traballo low-cost semella, así, a estratexia escollida polo goberno español para refrotar a economía.

  6. 06

    Dereito a unhas pensións de xubilación dignas

    O poder adquisitivo dos pensionistas reduciríase, segundo o cálculo dos sindicatos, nun 28 por cento nos próximos 15 anos, a consecuencia da reforma das pensións proposta polo Goberno español ao abeiro das recomendacións do 'Comité de Expertos', destinada a favorecer a contratación de seguros privados.

  7. 07

    Vulneración do dereito á vivenda

    Despois do incumprimento sistemático do mandato constitucional da regulación do solo para impedir a especulación, unha Lei Hipotecaria que, segundo o Tribunal de Xustiza da Unión Europea é incompatible coa normativa comunitaria de protección do consumidor, favorece os desafiuzamentos e ignora as demandas sociais con respecto á dación en pago e outras cuestións, polo que o dereito a unha vivenda digna e adecuada queda en papel mollado.

  8. 08

    Dereito ás redes de prestacións sociais de proximidade xestionadas polos concellos

    A Lei de racionalización e sostibilidade da Administración Local, segundo advertiron o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Educadores e Educadoras Sociais, supón un retorno aos modelos asistencialistas e de beneficiencia, a través do desmantelamento do actual sistema, baseado nas servizos sociais como dereito cidadán.

  9. 09

    Vulneracións do dereito de manifestación

    As multas coas que a Delegación do Goberno galego trata de amedrentar os movementos sociais, segundo teñen denunciado Queremos Galego, Contraminacción, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, Stop Desafiuzamentos ou diferentes asociacións de afectados polas preferentes, serviron de ensaio xeral da chamada Lei de Seguridade Cidadá, que favorece mesmo a penalización da resistencia pasiva ao considerar infracción grave, multada con até 30.000 euros, a desobediencia á autoridade, que mesmo podería chegar a ser xulgada como delito de resistencia.

  10. 10

    Vulneracións do dereito de manifestación

    As multas coas que a Delegación do Goberno galego trata de amedrentar os movementos sociais, segundo teñen denunciado Queremos Galego, Contraminacción, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, Stop Desafiuzamentos ou diferentes asociacións de afectados polas preferentes, serviron de ensaio xeral da chamada Lei de Seguridade Cidadá, que favorece mesmo a penalización da resistencia pasiva ao considerar infracción grave, multada con até 30.000 euros, a desobediencia á autoridade, que mesmo podería chegar a ser xulgada como delito de resistencia.

  11. 11

    Vulneración dos dereitos lingüísticos dos galegos

    Tras anos de incumprimento da Carta Europea das Linguas Minoritarias, tanto a LOMCE, que impón a presenza do castelán como lingua vehicular, como a aplicación do decreto sobre o galego aprobado polo Goberno da Xunta, xunto aos incumprimentos por parte desta da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sancionan a violación dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes e a perpetuación da situación do idioma propio como lingua B.

  12. 12

    Vulneración da liberdade de expresión

    A Lei de Seguridade Cidadá prevé multas de entre 1.000 e 30.000 euros por unhas virtuais e inconcretas "ofensas ou ultraxes" a España ou ás súas institucións, así como aos seus símbolos ou himnos. O 2014 deparará ademais, sen dúbida, novidades arredor dos intentos de impedir o dereito de autodeterminación dos pobos, que a comunidade internacional ten recoñecido alén dos casos de descolonización en diversas circunstancias.

  13. 13

    Dereito a unha xustiza igual para todos

    O “tasazo” pronmovido polo ministro Gallardón a finais do 2012 comezou xa a dar resultados no 2013, en termos de acceso desigual á xustiza en función da renda. Igual que a Lei de Seguridade Cidadá, a medida trata de obstaculizar, de facto, o dereito dos cidadáns a facer valer, precisamente, os seus dereitos.