Unha ducia de destinos para saborear os Ancares e Terras de Burón
Esta semana percorremos os Ancares e Terras de Burón, un Xeodestino cunha chea de atractivos turísticos históricos e naturais, ideais para unha escapada de fin de semana, que ben pode coincidir con algunha das moitas festas gastronómicas que dan conta da fartura dos alimentos producidos nestas terras, comezando pola Festa da Androlla deste domingo en Navia de Suarna. Nelas, ademais, pode completarse un Pasaporte Gastronómico que dá dereito a sorteos e premios. O Xeodestino traballa dentro do Grupo Operativo Gayas, impulsando a cociña do territorio e os proxectos agrogandeiros como un motor dinamizador do turismo e da economía rural.
-
01
Na Fonsagrada, a Festa do Butelo
A pasada fin de semana (11-12 de febreiro) celebrouse na Fonsagrada a Festa do Butelo, declarada Festa de Interese Turístico Galego. O butelo é un produto típico da montaña lucense que se elabora con costela e outras partes carnosas de porco, adobadas e afumadas con leña de carballo, embutidas nun estómago do mesmo animal.
Na Fonsagrada hai moito que ver, pero o percorrido pode comezar na Seimeira de Vilagocende, un espectacular salto de auga natural de máis de 50 metros, posiblemente o maior de Galicia, que remata nunha pequena lagoa. Chégase con facilidade, camiñando por unha pista entre carballos e piñeiros. Ao chegar, unha ponte e pasarelas de madeira facilítannos o tránsito por unha zona dominada por unha mesta fraga de postal.
-
02
En Navia de Suarna, a Festa da Androlla
Este domingo 19 celébrase en Navia de Suarna a Festa da Androlla, un saboroso produto tradicional da montaña lucense, composta dunha tripa grosa de porco que se enche de costela e outras partes carnosas animal, adobadas e afumadas con leña de carballo. Sérvense cocidas acompañadas de garavanzos, verdura ou formando parte dun bo cocido.
Falar de Navia de Suarna é falar do río que atravesa boa parte deste concello e que lle dá nome. E hai que comezar destacando a Ponte medieval da Pobra, mal chamada "romana" e moi característica pola súa forma tan elevada no centro, o que dá idea da altura das enchentes do río. Nas beiras do Navia podemos gozar de varias áreas recreativas, coma O Cochoso, As Veigas ou O Vanzado.
-
03
En Pedrafita, a Festa do Queixo do Cebreiro
O 7 de abril ten lugar en Pedrafita a Festa do Queixo do Cebreiro, declarada de Interese Turístico Galego. Este delicioso queixo fresco, de pasta branca e singular forma de fungo ou chapeu de cociñeiro, xa era moi apreciado na corte do rei Carlos III e outras monarquías europeas do S. XVIII, sendo un dos máis caros de Europa. Actualmente conta con denominación de orixe que garante a súa calidade.
En Pedrafita hai que pasar polo Conxunto Etnográfico do Cebreiro, onde se atopa o Santuario de Santa María a Real, igrexa de estilo prerrománico e fundada no século IX. A lenda conta que as reliquias gardadas neste santuario serían o Santo Graal galego.
-
04
En Negueira de Muñiz, a Festa do Viño
Unha semana despois da Festa do Queixo, o 15 de abril, Negueira de Muñiz acolle a Festa do Viño, declarada de Interese Turístico Galego, na que as adegas da zona dan a probar os seus viños do ano. Esta é unha pequena zona vitivinícola, a única de Ancares Terras de Burón e con dominio da variedade "branca lexítima", o que lle engade un atractivo visual especial.
En Negueira de Muñiz poden visitarse aldeas con moito encanto como Santalla ou Ernes, o muíño de Seira, as capelas de Vilaseca ou Pieiga ou a Igrexa de Negueira, construída a finais do século XV e que conserva un retablo barroco do XVIII.
-
05
Na Pontenova, a Festa da Troita
O 1º de maio ten lugar na Pontenova a Festa da Troita, declarada de interese turístico galego e que rende homenaxe ao río Eo e a súa longa tradición pesqueira de troitas e salmóns. Durante toda a xornada sucédense degustación de troitas, concursos de pesca, exposición de produtos, actividades deportivas e actuacións musicais.
Na Pontenova é obrigado visitar os fornos de Vilaoudriz, vestixio do pasado industrial e mineiro da zona. O mineral de ferro que se extraía no lugar transportábase ata o porto de Ribadeo nun ferrocarril construído en 1902 e que na actualidade se converteu nunha vía verde
-
06
En Láncara, a Festa da Tenreira
Tamén o 1 de maio celébrase en Láncara a Festa da Tenreira, declarada de interese turístico galego, que pon en valor a carne acollida á Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega con degustacións, concurso e exposición de gando.
En Láncara pode visitarse a Ponte Romana de Carracedo, construída en realidade no século XVI sobre a base dunha anterior, posiblemente romana xa que por aquí pasaba unha calzada. No termo municipal podemos achegarnos tamén á casa natal do pai de Fidel Castro, situada no núcleo de San Pedro de Láncara.
-
07
En Ribeira de Piquín, a Festa da Troita
Ribeira de Piquín ten tamén Festa da Troita, o 13 de maio, unha mostra da fartura do río Eo. Ese día todo xira en torno ao concurso de pesca, nas modalidades de rebaixa, cebo e mosca, seguido dunha comida popular e verbena.
No concello de Ribeira de Piquín pode visitarse a curiosa Igrexa dos Vaos, encalada en branco e na que destacan tres elementos: un reloxo solar feito en lousa en 1742, un gran pórtico cunha escaleira de madeira que nos leva ao campanario e, especialmente, cinco caveiras humanas incrustadas na parede oeste, sobre unha xanela que mira ao cemiterio.
-
08
Nas Nogais, a Festa da Empanada e dos productos dos Ancares
O 21 de maio As Nogais acolle a Festa da Empanada e dos produtos dos Ancares, que rende homenaxe a este produto cun concurso de empanadas para adultos e un infantil de repostería, postos de venda de produtos tradicionais da montaña, degustacións e verbena.
No Concello das Nogais paga a pena pasar polo Bosque da Ferraría de Grupa, unha compacta masa boscosa formada maioritariamente por castiñeiros e carballos, amieiros e algún acivro que leva ata a base da Torre de Doncos. Tamén se pode visitar o Castelo de Torés, de orixe medieval
-
09
En Cervantes, a Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña
En maio Cervantes acolle a Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, recuperada recentemente e que reúne un gran número de tratantes de gando no campo de San Román. Unha excelente oportunidade para vivir a esencia dunha feira tradicional de gando na montaña de Lugo.
No concello de Cervantes pódense visitar un gran número de atractivos turísticos, comezando pola aldea de Piornedo, o maior e mellor conservado, conxunto de pallozas de toda a Península, catalogado como BIC. Tamén o Castro de Santa María, o Conxunto etnográfico de San Román ou as igrexas de Donís e Cereixedo
-
10
En Pol, a Festa do Emigrante
Xa no verán, o 24 de agosto, en Pol celébrase a Festa do Emigrante, que ademais da imprescindible verbena ofrece unah gran comida popular e xogos infantís.
No concello de Pol pode visitarse a propia Área recreativa de Mosteiro, onde se celebra a festa, e tamén Capela das Virtudes en Xerbolés ou o Muiño do Mazo
-
11
En Meira, a Festa da Malla
Tres días máis tarde, o 27 de agosto ten lugar en Meira a Festa da Malla, declarada de interese turístico galego. Dende 1992 póñense de novo a traballar as vellas máquinas e, a pesar de ser pleno verán, mantense o costume para comer un saboroso cocido tradicional, acompañado ás sobremesas duns deliciosos bolos de vento.
No concello de Meira pode visitarse o Pedregal de Irimia, o punto onde nace o río Miño, ao fondo dunha morrena periglaciar formada por grandes bloques de cuarcitas que crean un embude de 700 metros de lonxitude. Tamén paga a pena o Mosterio de Santa María de Meira ou a Cascada da Mexadoira
-
12
En Baralla, o San Vitorio
Nesa mesma fin de semana, o 27 e 28 de semana, celébrase en Baralla o San Vitorio, patrón da localidade. A acto central do día grande da festa é a romaría campestre que ten lugar na magnífica área recreativa Manuel Fernández Arrojo, a beiras do río Neira
No concello de Baralla paga a pena visitar a Igrexa de Berselos, templo do románico rural de finais do século XII ou comezos do XIII que probablemente se construíu sobre outro de maior antigüidade. Tamén a Igrexa de Covas, igualmente románica.
-
13
En Baleira, a Festa do Mel
Xa en setembro, Baleira acolle a Feira do Mel, un dos produtos naturais que mellor se identifican cunha área de montaña como Os Ancares Terras de Burón, onde se producen algunhas dos mellores meles do Estado.
En Baleira seguimos o percorrido polo Conxunto tradicional de Cabreira e as Corrizas de A Cortevella, pequenas construcións circulares, de pedra nas que
se amoreaban os ourizos que caían dos castiñeiros. -
14
En Becerreá, a Festa do mar e da montaña
O percorrido finaliza en Becerreá o 7 de decembro coa celebración da Festa do mar e da montaña, un orixinal evento no que o protagonista é o mexillón.
O concello de Becerreá posúe incontables atractivos turísticos, entre os que destaca o bosque dos Grobos, unha ampla afloración de rocha calcaria, posiblemente os restos de covas que colapsaron por efecto da auga, onde a abundante humidade ten xerado un bosque frondoso e case máxico. Tamén o Mosteiro de Santa María de Penamaior, a Ponte de Gatin, de orixe romana, ou o núcleo do Cereixal, en plena Vía de Künig