Unha ducia de discos do pop-rock galego
Que complicado resulta resumir corenta anos de pop en doce (ou quince) discos; hai moito álbumes que poderían estar e non están, dende logo. Pero alá van, unha escolma dunha ducia (e algún máis) de alfaias do pop-rock galego, dende Andrés Dobarro a Triángulo de Amor Bizarro, de Siniestro Total aos Diplomáticos ou Los Piratas. Algúns moi obvios, na mente de calquera, e outros non tanto.
-
01
Me llamo Andrés Lapique do Barro (1970)
Se se pode falar dun disco fundacional do pop galego é este. Unha ducia de alfaias pop: O tren, Corpiño xeitoso, San Antón, Vou a Bueu, Teño saudade, Para che falar de amor..., que conseguiron encabezar as listas musicas do Estado. E en galego! Para que despois falen de Manel. Viva Andrés Dobarro!
-
02
¿Cuándo se come aquí? (1982)
Quince temas gravados en tres días pola formación orixinal de Siniestro Total: Julián Hernández -batería e coros-, Miguel Costas -guitarra e coros-, Germán Coppini -voz- e Alberto Torrado -baixo-. Punk en estado puro: Matar hippies en las Cíes, Ayatolah! ou Todos los ahorcados mueren empalmados.
-
03
Golpes Bajos (1983)
Un ano máis despois de estar cantando Ayatolla!, Germán Coppini grava con Golpes Bajos este ep de cinco cancións, moi distinto ao que facía con Siniestro pero que tanto influíu a moitas bandas dos anos oitenta e mesmo da actualidade. Ou é que Vetusta Morla, Maga ou Love os Lesbian inventaron algo?
-
04
Nin falta que fai (1986)
Escuros coma o inverno na costa atlántica, Radio Océano demostraron con este excelso disco de post-punk que Ian Curtis tiña que ter nacido en Elviña. Terra Cha, Hago cine con mi coche, Esto no es Hawaii (nin falta que fai) ou por suposto Coma o vento conforman un excelente disco que non tivo continuación. E iso que non está Narcisismo.
-
05
Aerolíneas Federales (1986)
Aerolíneas Federales naceron no punk pero practicamente inventaron o pop español. No seu disco de debut, homónimo, entregaron trece hits que escoitados 25 anos despois non perden frescura, e están a demostralo nos seus concertos desde 2012. A movida viguesa daba para moito.
-
06
Jei (1990)
Podíase coller calquera outro disco dos Resentidos: Fracaso Tropical, Delikatessen, Vigo capital Lisboa, Fai un Sol de carallo... Pero Jei é un disco redondo e maduro e foi elixido pola Rockdelux coma o mellor álbum do Estado en 1990. E en galego. Para que logo falen de Lisabö!
-
07
Os Quinindiolas (1991)
Tiña que haber un tapado nesta lista. E son Os Quinindiolas, o grupo liderado por Xelís de Toro, acompañado por Fran Pérez (Narf) e Pepe Sendón, que en 1991 gravou este ep (na onda de Os Resentidos), que introducía en Galicia e en España algunhas cousas que só anos máis tardes serían realmente populares: rap, hip-hop, pop, música negra... Todo entraba nestes cinco temas que non foron editados até 2009, grazas á Regueifa.
-
08
Santa Compaña (1994)
“¿Quién no hizo alguna vez locuras por una mujer? / ¿Quién no quiso alguna vez algo que no pudo tener?...". Los Suaves teñen unha praza en Ourense e merecerían moito máís. Maldita Sea mi Suerte ou San Francisco Express tamén son discos excepcionais, dende logo, pero quedamos con Santa Compaña.
-
09
Avante Toda (1995)
O bravú xa tivo a súa ducia e se cadra merecería algún disco máis na desta fin de semana, pero dende logo quen non podían faltar son Os Diplomáticos de Montealto. E o seu terceiro disco, que só por conter Ghaiteiro ou Fura futbolín, é un dos grandes álbumes da música galega.
-
10
Media Circus (1998)
Non todo o mundo coñecerá este disco nin aos propios Fulsomes, un dos mellor expoñentes da riquísima (e pouco reivindicada) escena musical de Compostela nos anos noventa. Producido por Paco Loco, este disco deixounos con gañas de máis.
-
11
Fábrica de Chocolate (1999)
Aviso: Non hai ningún disco de Deluxe nesta lista. Non porque non teña álbumes moi bos, dende logo, senón porque se nos mergullamos na súa traxectoria, chegamos inevitablemente a Elephant Band e ás súas melodías pop con orixe nos Beatles ou nos Small Faces. E porque queríamos poñer este vídeo no que Xoel parece saído dunha clase de terceiro da ESO :).
-
12
El Artista Adolescente (2001)
Dar Ful Ful eran Marco Maril e Xabi Font. Marco seguiu despois facendo grandes cousas en Apenino, pero antes deixounos este disco, moi inspirado en Family, e que queda na historia como unha fermoso cambio de paradigma no pop español.
-
13
Todo sigue intacto (2002)
Dáme a impresión de que comeza a ser un tópico falar do bos que eran Ápeiron e que foi unha mágoa que o seu único disco non tiveses sucesor. Pero é que é moi bo, e é unha mágoa. E iso que Emilio Jose dixo varias veces que gravaran moitas máis cancións e que algunha vez escoitaríamos de novo o grupo. Mentres, temos a Emilio.
-
14
Relax (2003)
Relax é un disco excepcional. Los Piratas separáronse xusto cando estaban a facer os seus mellores traballos (Ultrasónica e Relax), e despois Iván Ferreiro seguiu o seu camiño, máis irregular, pero con moi boas cancións igualmente. Inerte, Audrey, Tio Vivo ou Reiniciar merecen unha escoita atenta.
-
15
Triángulo de Amor Bizarro (2007)
O primeiro disco de Triángulo de Amor Bizarro -e perdón pola contundencia- segue sendo o mellor álbum de debut dunha banda de pop en España dende o Super8 dos Planetas. Dende a primeira canción até a última o disco mantén as distorsións e reverberacións, as contundentes baterías e as melodías pop nun equilibrio perfecto e cunha rabia que deixou coa boca aberta a moitos.
-
16
Clic (2008)
Rematamos con esta xoia que hai catro anos gravaron Magín Blanco e os Burgas Beat de Ourense. O propio Magín comparou este experimento co que levaran a cabo Wilco e Billy Bragg coas cancións de Woody Guthrie. Un disco de pop clásico, nin máis nin menos, pero absolutamente brillante.