Unha ducia de doces dos conventos galegos para pecar de gula en Semana Santa
Chega a Semana Santa, tempo de oración, repouso e de limitación nos excesos de todo tipo para a poboación cristiá. Porén, se algún pecado está permitido sempre este é o da gula. Será por isto que conventos e mosteiros galegos elaboran galletas, tortas e outros produtos de repostaría que adquiriron unha gran sona e que comercializan a través de distintas vías. Velaquí unha ducia de exemplos para pecar un pouco nas sobremesas.
-
01
'Bastoncitos de San José' do Mosteiro de Vilar de Astres
Un dos mosteiros galegos con máis actividade reposteira é o de Vilar de Astres (Ourense), na que vive unha comunidade de monxas clarisas, que elaboran panettones e unha selección de cinco galletas: Vilarcitos, Amoriños, Galletas de Nata, Damianitas e Bastoncitos de San José.
-
02
Mazapán de turrón de xema e coco das clarisas de Ribadeo
Tamén ten fama o convento de Santa Clara, en Ribadeo, que elaboran este mazapán de turrón de xema e coco, ademais doutros produtos de repostería.
-
03
Doce de leite dos monxes do Mosterio de Sobrado
Os monxes do Mosteiro de Sobrado elaboran dende hai anos un doce de leite que se vende "envasado ao silencio" e feito con "man de santo". A materia prima desta delicia con orixe riopratense é o leite da vacas frisonas que se xestiona dende o propio mosteiro.
-
04
Licor Eucaliptine dos monxes do Mosteiro de Oseira
Non é estritamente un doce, pero serve tamén para adobiar as sobremesas. Os monxes do Mosteiro de Oseira preparan e venden un gran número de licores: de cacao, de café, de herbas e tamén o eucaliptine, de 30 graos de contido alcólico e elaborado segundo unha antiga fórmula que combina melisa, macela, hisopo, menta, canela, cacao, artemisa, flor de sabugueiro e cravo, entre outras plantas.
-
05
Torta de Santiago do Mosteiro de San Paio de Antealtares
O Mosteiro de San Paio de Antealtares ten tamén sona polos seus doces, que inclúen pastas, galletas e tamén a inevitable Torta de Santiago elaborada no corazón co casco histórico compostelán.
-
06
Pastas do Mosteiro de San Vicente de Trasmañó (Redondela)
O Mosteiro da San Vicente de Trasmañó (Redondela) está especializado na elaboración de diversos tipos de pastas, que vende directamente, por internet e en feiras especializadas.
-
07
Pastas do Mosteiro de Ferreira de Pantón
Tamén elabora pastas o Mosteiro Cisterciense de Ferreira de Pantón, coñecido como "Mosteiro de San Salvador" ou "Mosteiro das Bernardas", en referencia ás monxas que o ocupan. Son famosas as súas golosas (galletas de manteiga) e tamén a súa torta de améndoa.
-
08
Peixiños das monxas clarisas de Tui
O Mosteiro de Santa Clara de Tui é famoso polos peixiños que elaboras as súas internas, unhas galletas de fariña de améndoa que se poden adquirir en varios comercios da localidade.
-
09
Pastas das monxas dominicas de Belvís, en Compostela
Tamén elaboran pastas as monxas dominicas do convento de Belvís, en Compostela, cunha merecida sona na cidade.
-
10
Amendoados do Mosteiro de Santa Bárbara, na Coruña
No Mosteiro de Santa Bárbara, situado na Cidade Vella da Coruña, as súas monxas elaboran estes amendoados
-
11
Amendoados do mosteiro de Valdeflores, en Viveiro
O convento de Valdeflores, en Viveiro, era coñecido pola calidade da súa repostería: tortas de améndoa, amendoados, brazos doces e polas súas galletas (bocaditos, cordiales, amarguillos e suspiros). Porén, un conflito interno na colectividade de monxas que ocupaba o edificio (derivado da desaparición de dous valiosos cantorais) acabou provocando o peche do convento en 2018 e, polo tanto, rematou coa actividade reposteira do lugar.
-
12
Xabón de mel e limón do mosteiro de Armenteira
Pechamos a ducia saíndo das doces sobremesas e incluíndo outro produto que tamén adquiriu unha gran relevancia nos últimos anos: a produción de xabóns que realizan os monxes do mosteiro de Armenteira a partir de aceites vexetais e con múltiples variedades (mel e limón, mandarína, castaña, aloe vera, camelia...).