Unha ducia de edificios e espazos desaparecidos en Galicia
A polémica aberta nas últimas semanas polo intento de privatización dun privilexiado espazo do litoral da cidade da Coruña a cargo da Autoridade Portuaria trouxo á actualidade a lembranza da praia do Parrote, eliminada a través dun recheo. En todas as cidades e vilas de Galicia houbo edificios ou espazos emblemáticos que deixaron de existir (sobre todo nos anos do desarrollismo franquista, mais non só) en nome dun certo concepto de progreso. Do Edificio Castromil de Santiago ao Gran Teatro de Lugo, pasando pola Fábrica de Lápices de Ferrol ou as múltiples desfeitas que sufriu a cidade de Vigo. Por non falar da moi distinta faciana que hai tan só unhas décadas presentaban vilas costeiras como Malpica ou Sanxenxo.
-
01
A Coruña desaparecida
A praia do Parrote e o antigo cárcere que se situaba ao seu carón non non os únicos elementos desaparecidos na Coruña. Poderíamos comezar unha longa enumeración pola Casa Gótica que ata 1936 aínda se atopaba a poucos metros deste areal. E nesta lista de arquitecturas perdidas tería que estar, necesariamente a antiga sede de Caixa Galicia, na rúa Santo Andrés, substituída posteriormente por outro inmoble, máis novo e con moito menos encanto.
Tamén hai que falar do Teatro-Circo Emilia Pardo Bazán, construído en 1903 na Mariña, con capacidade para ata dúas mil persoas, e derrubado en 1915.
Ou do Atlantic Hotel, construído en 1923 e derrubado en 1967 para dar paso ao actual Hotel Atlántico.
Tamén desapareceu a Igrexa dos Xesuítas, situada en Juana de Vega, un edificio sen excesivo valor arquitectónico pero de rechamante fachada. Neste caso, iso si, o derrubo foi obrigado polos erros na súa construción e a mala calidade dos materiais empregados.
O mesmo que o lavadoiro público do Orzán. En realidade, desapareceron a maior parte dos moitos lavadoiros que se distribuían pola cidade. Pero sen dúbida, o do Orzán era o máis espectacular.
A lista -tan só na cidade da Coruña- podería encher por ela mesma varias ducias, lembrando a moi distinta fachada que hai cen anos presentaba a zona do Obelisco, ou o desaparecido Castelo de San Diego (eliminado nunha ampliación do Porto), ou os muíños de vento da Gramela e Santa Margarida, ou o Teatro Linares Rivas, ou o Cine Cuatro Caminos...
-
02
Vigo, a cidade que se perdeu
Porén, se hai unha cidade en Galicia que sufriu os males da tolemia inmobiliaria e a destrución do seu patrimonio arquitectónico previo, esa foi Vigo. Son varias as obras publicadas que percorren as pegadas e recordos desa urbe desaparecida, dende Vigo, arquitectura perdida (Flashback Ediciones) ata Vigo, la ciudad que se perdió (Deputación de Pontevedra). Este fermoso vídeo amosa un bo número destes edificios, e reconstrúe o aspecto que terían as súas rúas e prazas se non foran derrubados ou terriblemente transformados
O Cine Royalty, o Teatro Tamberlick, o Edificio Rubira, o Cine Odeón, o Edificio Agencia Escalera, o Villa de París, o La Molinera, o Conde de Torrecedeira, o Gran Café Colón, o vello Mercado da Laxe, o Hotel Continental, a Casa de Baños La Iniciadora, o antigo Hospital Xeral, a Mala Real Inglesa... Por non falar do Castelo de San Sebastián, da antiga fachada do Berbés, tan diferente hoxe. Ou da Illa da Toralla.
Cine Royalty
Casa de Baños La Iniciadora
Hotel Continental e Mercado da Laxe
Mala Real Inglesa
O Areal
-
03
En Compostela, o Edificio Castromil
Sen dúbida, á hora de falar de arquitecturas desaparecidas, en Compostela vén á mente o edificio Castromil, que ocupaba o espazo que hoxe corresponde ao centro da Praza de Galicia. Neste caso, aínda que o derrubo se levou a cabo en 1975, aínda en plena ditadura, si houbo un movemento de protesta contra a súa demolición, liderado polo Colexio de Arquitectos. De nada serviu, e este fermoso inmoble só existe hoxe en fotografías e no recordo. Pola súa singularidade, pódense citar tamén os pavillóns que conformaban a Exposición Rexional de 1909, que xa foran deseñados para ter unha vida efémera.
-
04
Ferrol obreiro
En Ferrol poderíamos elixir varios elementos, e casualmente (ou se cadra non tanto) moitos deles fan referencia ao carácter obreiro e fabril da cidade. Entre eles, a Escola Obreira, da que o pasado ano se conmemorou o centenario da súa inauguración (1916) e o 40 aniversario dende o seu derrubo (1976). Ou a vella Fábrica de Lápices, demolida en 2011. Ou o Barrio de Esteiro ao completo, primeiro núcleo obreiro da cidade, construído no século XVIII en paralelo coa creación do Arsenal e derrubado case por completo nos anos 70 e 80.
-
05
Lugo: Gran Hotel e Edificio de Barras
O Gran Teatro, derrubado aínda en 1996, e o Edificio de Barras Eléctricas son seguramente as dúas construcións desaparecidas máis salientables da cidade de Lugo
-
06
Ourense: Adoratrices, Hotel Roma...
A información máis completa sobre as arquitecturas perdidas da Cidade das Burgas está no blog Ourense 3D, que non só ofrece imaxes antigas e unha boa contextualización de cada elemento, senón que achega reconstrucións en tres dimensións dos distintos inmobles. Podemos citar, a xeito de exemplo, o Convento das Adoratrices, construído en 1909 cunha fermosa fachada modernista. Ou o Hotel Roma (situado na Rúa do Progreso)
-
07
Pontevedra: Lourizán, A Moureira...
En Pontevedra, podemos facer referencia máis que a edificios concretos a espazos que desapareceron ou que foron tan transformados que resultan irrecoñecibles. Por exemplo o barrio mariñeiro da Moureira. Ou, sobre todo, a propia zona de Lourizán, ocupada por recheos e polo complexo industrial de ENCE-Elnosa e á que xa lle dedicamos unha ducia hai cousa dun ano
-
08
O Gran Hotel da Toxa
Fóra das cidades tamén desapareceron moitos edificios singulares. Por exemplo o Gran Hotel da Toxa, substituído por un edificio moito máis vulgar.
-
09
Aquela Malpica
O litoral sufriu grandes transformacións, e non precisamente para ben. Abonda con ollar fotos antigas de varias vilas mariñeiras. Un bo exemplo pode ser o de Malpica
-
10
E aquel Sanxenxo
O caso de Sanxenxo pode ser paradigmático, sobre todo porque nesta turística vila as transformacións do seu espazo litoral seguen a producirse na actualidade (véxase a recente agresión á praia da Panadeira)
-
11
Fisterra, Noia, Viveiro, Verín...
Fisterra, Noia, Viveiro, Verín... As imaxes antigas da maior parte das vilas galegas permiten observar a Galicia que foi e, nelas, inmobles a espazos que xa non existen ou que son dificilmente recoñecibles
-
12
...E a praia do Parrote
Volvemos ao comezo, á lembranza da desaparecida praia do Parrote, na Coruña, que serviu de fío para este percorrido por edificios e espazos perdidos en cidades e vilas galegas. Unha praia aínda lembrada por moitos veciños e veciñas do barrio, o lugar onde moitos e moitas delas coñeceron o mar.