Marcos Pérez Pena

Unha ducia de Equipos galegos históricos

Na fin de semana do derbi (do noso serbi), queremos facer un percorrido por aqueles equipos que marcaron unha época no fútbol. Non só o Superdépor ou o Celta de Mostovoi, Karpin e Mazinho, senón tamén o Pontevedra do hai que roelo, o Racing de Ferrol subcampión da Copa do Rei, os onces de Ourense e Lugo que estiveron en Segunda ou mesmo o singular Juventud de Cambados de finais dos oitenta.

  1. 01

    Hai que roelo!

    Nos anos sesenta o Pontevedra era o equipo de moda. En 1963 o Pontevedra ascendeu a Primeira División, curiosamente un 14 de abril, aniversario da Segunda República. 2.700 socios e un presuposto de pouco máis de dous millóns de pesetas; o equipo máis modesto da categoría acadou no lustro seguinte xestas históricas: foi subcampión de inverno na tempada 1965-66, foi líder en dúas ocasións, o 10 e o 28 de novembro de 1965, derrotou tres veces ao Real Madrid en Pasarón (por tres a cero en 1967, mesmo), e gañoulle ao Barça no Nou Camp en 1966. O Deportivo era un equipo ascensor, e o Celta estaba en Segunda (ascendeu en 1969, ano no que coincidiron tres equipos galego na máxima categoría), polo que o Pontevedra era o representante do fútbol galego no segundo lustro dos anos sesenta

    O Pontevedra mesmo chegou a ser portada do Pravda, a través do seu capitán, Cholo, o xogador máis representativo daquel equipo, condutor de autobús, e dos 11 titulares o único que nacera na cidade. Cando o Pontevedra conseguiu o liderado, en novembro de 1965, o Pravda salientou na súa portada que na aburguesada e millonaria liga española, o líder era un equipo de proletarios cuxo capitán conducía un autboús.

  2. 02

    Os diaños verdes

    Tamén o Rácing de Ferrol tivo a súa época dourada, que agora, no medio da táboa da Terceira División, semella ben lonxe. Estivo 34 tempadas en Segunda, na que foi un equipo habitual nos anos 30, 40 e 50, e de novo a finais dos 60. A comezos da pasada década, o equipo verde volveu gozar de glorias deportivas, con seis tempadas máis na división de prata.

    Pero sen dúbida o que máis loce no seu palmarés é o subcampionato de Copa que acadou en 1939. Perdeu na final por 6 a 2 ante o Sevilla, nun país en guerra no que as zonas de retagarda, como Galicia, se atopaban nunha situación menos extrema. Foi unha final moi extraña, disputada en Barcelona, que acababa de ser conquistada polas tropas franquistas, e querían deste xeito marcar o seu dominio.

  3. 03

    A primeira participación europea dun equipo galego

    Tamén os mellores anos do Celta tiveron un prólogo. A comezos dos setenta os celestes, dirixidos por Juanito Arza, chegaron a participar na Copa da UEFA, despois de rematar a tempada 70-71 na sexta posición. Non tivo moita sorte na competición e foi eliminado na primeira rolda polo Aberdeen escocés.

  4. 04

    A primeira Década de Ouro do Dépor

    Antes do Superdépor o conxunto herculino tivo unha Década de Ouro, nos anos cincuenta, na que mesmo chegou a acadar o subcampionato de Liga na tempada 49-50, ficando a tan só un punto dun Atlético de Madrid que gañou a liga na derradeira xornada. En 1957 o equipo descendeu e comezou unha etapa de conxunto ascensor, que continuou varias décadas. Acuña, Franco, Pedrito, Botana, Moll, Ponte, Guimeráns, Dieste, Ponce, Tino, Cheché Martín..., precederon o Superdépor

  5. 05

    Ourense e Lugo, tamén en Segunda

    Ourense e Lugo non forman parte da Primeira División do fútbol galego, pero tamén gozaron de anos de brillantez, nos que chegaron a xogar en Segunda. 

    O Ourense xogou durante sete tempadas consecutivas na Segunda División nos anos sesenta, e despois de dous fugaces regresos nos setenta, de novo nos noventa ascenderon, permanecendo catro tempadas, até 1999.

    O Lugo tivo unha traxectoria semellante, aínda que permaneceu sempre en categorías máis baixas, e só chegou a xogar unha tempada en Segunda División, na 92-93. A estancia só durou un ano nunha complicada tempada que iniciou Xulio Díaz no banco e terminou Rodríguez Vaz.

     

  6. 06

    O Compos, como non

    Poucos equipos acumularon tantas simpatías coma o Compostela que brillou na Primeira División na segunda metade dos noventa, entre 1994 e 1998, chegando a acadar o subcampionato de inverno na 95-96. Fabiano, Penev, Nacho, Passi, Mauro Ohen... e Caneda. Un equipo que ilusionou toda unha cidade e que hoxe pelexa por ascender a Terceira.

  7. 07

    O singular Xuventude de Cambados

    O Xuventude de Cambados merece un lugar nesta ducia pola sigularidade do seu auxe e caída. A finais dos anos oitenta, presidido por Sito Miñanco, ascende de Preferente a Segunda B en tres anos e na tempada 89-90 rematou en cuarta posición, quedando cerca de ascender a Segunda. Tres anos permaneceu na división de bronce, cuns orzamentos por riba do esperable, e hoxe alterna a Preferente e a primeira autonómica.

  8. 08

    Un dos equipos que mellor xogou ao fútbol

    Mostovoi, Karpin, Revivo, Mazinho, Gustavo López, Michel Salgado, Otero, Geli, Juanfran, Cáceres, Sergio, Caballero, Cadete, McCarthy... todos dirixidos por Víctor Fernández. Un equipo que non gañou ningún título (fóra dunha Intertoto), pero que impresionaron a Europa enteira, na UEFA e na Champions. O mellor Celta da historia, que por exemplo na UEFA 99-00 eliminou a Liverpool, Benfica, Aston Villa e a Juventus de Zidane (4-0 en Balaídos).

  9. 09

    E que dicir do Superdépor?

    Liaño, Voro, Djukic, Ribera, Mauro Silva, Manjarín, Donato, Fran, Nando, Claudio, Bebeto. Un once que toda unha cidade chegou a aprender de memoria e a recitar unha e outra fin de semana. De equipo ascensor a mataxigantes, cunha estrela (Bebeto), un líder (Fran) e un símbolo (Arsenio). Gañou unha Copa do Rei e perdeu unha Liga. Seguramente tiña menos calidade que o Dépor de Mackaay, Valerón, Tristán, Djalminha ou Víctor. Pero aquel foi especial.

  10. 10

    A 'Roja' máis galega

    Non era a Selección galega, pero a selección española campiona de Europa en 1964, na que estaban Luís Suárez, Amancio, Marcelino, Veloso e Reija, era ben galega. Non só eran varios xogadores, senón que varios deles (Amancio e Suárez, nomeadamente) eran algúns dos mellores futbolistas do momento. E Marcelino, por suposto, que con aquel gol lle fixo crer a Franco que gañara a Guerra Fría.

  11. 11

    E a Irmandiña

    Porque si houbo unha selección galega, non foi un soño. Despois dunha década de mobilizacións, por fin no Nadal de 2005 a Irmandiña disputou o seu primeiro partido internacional, en Compostela fronte a Uruguai. Como dicían Xesús Ron e Miguel de Lira, "Uruguai é guai, pero para guai, Galiza". Despois viñeron os partidos contra Ecuador, Irán e Camerún, na Coruña e Vigo.