Unha ducia de equipos que achegan xogadores á Irmandiña
Deportivo e Celta, con cadanseus catro futbolistas, son os clubs que máis xogadores achegan á convocatoria da selección galega de fútbol de cara ao partido do vindeiro 20 de maio ante Venezuela. Pero o futbolista da terra está a triunfar por todo o mundo. Equipos da Liga española, inglesa e italiana tamén terán representación na reestrea da Irmandiña en Riazor.
-
01
Celta e Deportivo
Oito xogadores, catro celestes e catro deportivistas, representarán os dous grandes do fútbol da terra no partido da selección galega do vindeiro 20 de maio. Liderados polos seus goleadores e ídolos locais -Iago Aspas e Lucas Pérez-, Sergio Álvarez, Jonny, Hugo Mallo, Álex Bergantiños, Mosquera e Juan Domínguez completan a achega nun partido no que a rivalidade queda a un lado.
-
02
Manchester City
Nado en Coristanco (1997), José Ángel Esmorís Tasende, Angeliño, pasou seis anos na canteira do Deportivo ata que os grandes se fixaron nel. Lateral esquerdo, fichou polo Manchester City e foi internacional con España en categorías inferiores. Xogou cedido no New York City xunto a futbolistas como Villa ou Pirlo e debutou nesta tempada no primeiro equipo dos citizens na FA Cup.
-
03
UD Levante
Xogador vigués a piques de cumprir 26 anos, o porteiro Diego Mariño pasou polo Santa Mariña, Rápido de Bouzas, Areosa e Sárdoma antes de pasar á canteira do Villarreal. Logo dun paso polo Valladolid, asentouse en Primeira co Levante, co que vén de descender a Segunda División.
-
04
Valencia CF
Dous xogadores achega o Valencia á selección galega. Antonio Barragán, nado en Pontedeume aínda que andaluz de adopción, pasou pola canteira do Sevilla antes de recalar no Liverpool e no Deportivo para asentar logo no Valladolid e agora no equipo ché. Participou xa coa Irmandiña en anteriores etapas. Pola súa banda, Santi Mina, canteirán celeste, deixou Vigo para viaxar á cidade do Turia e continuar amosando toda a súa proxección.
-
05
Getafe CF
Canteirán celeste, abandonou o equipo vigués e suma a terceira tempada no Getafe. Roberto Lago, de 30 anos, foi un dos habituais nas últimas convocatorias da selección galega. Con ampla experiencia no fútbol profesional, volverá disputar un partido coa Irmandiña.
-
06
Granada CF
Fran Rico, do Portonovo, suma xa cinco campañas no Granada logo do seu paso pola canteira do Real Madrid e anteriormente polo Pontevedra. Natural de Portonovo e de 27 anos, este mediocentro é un dos capitáns do conxunto andaluz.
-
07
Rayo Vallecano
Nado en Rábade en 1981, Roberto Trashorras destacou desde moi novo e do Racing Villalbés pasou axiña á canteira do Barcelona. Debutou co primeiro equipo azulgrana e marchou ao filial do Real Madrid. Sempre gabado pola súa enorme calidade, alcanza agora no Rayo Vallecano o seu maior recoñecemento logo de pasar polo Numancia, Las Palmas e o Celta. Será, moi probablemente, o capitán da Irmandiña.
-
08
AS Roma
Con tan só 26 anos, Iago Falque é un dos futbolistas con máis experiencia en diferentes equipos. Nado en Vigo, con tan só dez anos marchou á canteira do Barcelona, onde botou sete tempadas. De aí, a Juventus, o Bari, o Villarreal, o Tottenham, o Southampton ou o Almería, ata que o bordou nunha nova cesión ao Rayo. Fichou polo Genoa e a Roma pagou máis de 15 millóns de euros por el tras unha gran tempada no Calcio.
-
09
Villarreal CF
Canteirán do Celta, Denis Suárez (Salceda de Caselas, 1994) é unha das grandes sensacións desta temporada. Figura do Villarreal, marchou da Madroa cara ao Manchester City ben novo para logo destacar na canteira do Barcelona. Logo de pasar polo Sevilla, triunfa no equipo amarelo antes de regresar, moi probablemente, ao Camp Nou despois do verán.
-
10
Sheffield Wednesday
O ferrolán Álex López, de 28 anos, destacou na canteira do Racing ata que marchou ao Narón para espertar o interese de equipos como Celta e Deportivo. Finalmente, recalou no club celeste, onde estivo sete tempadas ata que nesta foi cedido ao histórico Sheffield Wednesday, co que loita por ascender á Premier League.
-
11
SD Eibar
José Ignacio Peleteiro Ramallo, máis coñecido como Jota, natural da Pobra, debutou en Segunda División co Celta con 19 anos para fichar logo polo filial do Real Madrid, onde case non dispuxo de oportunidades. Fichou polo Eibar e liderou o equipo vasco ao seu histórico ascenso a Primeira para logo marchar ao Brentford inglés e volver neste inverno ao conxunto gipuzkoano.
-
12
Stoke City
José Luis Sanmartín Mato, Joselu, naceu en Alemaña (1990) pero criouse en Silleda. Debutou co Celta con tan só 18 anos en Segunda e axiña chamou a atención do Real Madrid, que o fichou para a súa canteira. Destacou no club branco ata que decidiu emprender unha aventura no seu país de nacemento. Xogou e triunfou no Hoffenheim, Eintracht de Fránkfurt e Hannover ata que foi comprado polo Stoke City inglés, onde suma catro goles esta tempada.