Miguel Pardo

Unha ducia de éxitos deportivos galegos que non ocupan portadas

Entre a enchenta de fútbol e outros deportes maioritarios que ocupan a maior parte das informacións, unha morea de equipos e deportistas galegos colleitan éxitos á marxe dos focos máis alumeantes e das portadas. Balonmán, hóckey ou rugby, entre outros, achegan vitorias a unha Galicia que é moito máis que un balón e dúas porterías.

  1. 01

    O rugby feminino

    O CRAT Universidade da Coruña lidera a División de Honra feminina logo da súa última vitoria e avantaxa en sete puntos o seu perseguidor, o INEF de Barcelona. O equipo galego continúa coa boa traxectoria dos últimos anos e varias das súas xogadoras adoitan ser convocadas pola selección española. O Blüsens Universidade de Vigo loita tamén na máxima categoría masculina.

  2. 02

    O Guardés e o Porriño, destacados na elite do balonmán

    O Mecalia Atlético Guardés e o Balonmán Porriño son os dous representantes galegos na División de Honra feminina do balonmán estatal. Dúas vilas pequenas son a sede dos dous principais equipos da disciplina en Galicia, que mantén a súa praza na Asobal masculina da man do Cangas Frigoríficos do Morrazo. Ademais, o Guardés alcanzou as semifinais da última edición da Copa.

  3. 03

    O auxe do fútbol sala feminino galego

    Seis dos dezaseis equipos que compoñen a máxima categoría do fútbol sala feminino estatal son galegos. O Burela Pescados Rubén, agora segundo clasificado, é o actual campión de Liga e da Copa, mentres que o Cidade das Burgas, a Ponte Ourense, o Poio Pescamar, o Viaxes Amarelle da Coruña e o Valdetires Ferrol son os outro representantes do país na elite dun deporte que sempre destacou en Galicia, que mantén tres equipos na División de Honra masculina.

  4. 04

    O hóckey máis aló do Liceo

    O Liceo da Coruña de hóckey sobre patíns é o equipo galego máis laureado de Galicia. Actual campión de Liga, acumula un palmarés impresionante ateigado de títulos europeos. Pero o equipo verde e branco non é o único representante galego desta disciplina na máxima categoría. O Cerceda, desde unha pequena vila, ten amarrada a salvación logo de acadar unha histórica clasificación para a Copa do Rei.

  5. 05

    O Olivo xa é campión e loitará polo ascenso

    O Olivo de Vigo, máximo representante do fútbol feminino en Galicia, vén de acadar o título na Segunda División. Logo de ser o primeiro equipo galego en xogar na máxima división estatal tras a creación da Superliga en 2001, agora loitará na fase de ascenso por regresar á elite. Tan só perdeu un partido nunha competición na que tamén están o Victoria da Coruña, o Barbadás, o Erizana, o Arousana e o Compostela.

  6. 06

    A honra galega nas traiñeiras

    Tirán e Cabo da Cruz defenderán este ano a honra galega na Liga ACT de traiñeiras. As regatas, tradicionais en Galicia, son case unha relixión en Euskadi, onde o combinado galego feminino venceu na prestixiosa Bandeira da Concha en varias ocasións malia a súa inferioridade orzamentaria, que afecta tamén aos equipos masculinos.

  7. 07

    Os triunfos do taekwondo

    As artes marciais tamén acadan importantes éxitos para Galicia. Nos últimos anos, a selección galega de taekwondo é das que máis vitorias consegue. Varias veces campión de España, o combinado galego non deixa de sacar novas promesas e importantes deportistas que acumulan títulos a nivel estatal e internacional.

  8. 08

    O fútbol gaélico que prende no país

    A teimosía de varios afeccionados fixo prender o fútbol gaélico en Galicia a partir da Coruña. Desde alí, varios clubs creáronse en todo país e incluso se chegaron a conformar dúas ligas e a selección galega, que xa disputou algún partido e foi recoñecida oficialmente pola federación internacional.

  9. 09

    A billarda

    En Galicia celébrase desde hai anos unha Liga Nacional de Billarda. Son varios os equipos que compiten divididos en cinco conferencias neste deporte tradicional ao que xogan desde cativos ata xente maior que lembra así este xogo que tanto se practicaba hai décadas. Agora, volve rexudir en numerosos puntos do país.

  10. 10

    A natación e as novas promesas

    Bea Gómez Cortés é a principal representante dunha nova fornada de importantes nadadores galegos. Con menos de 20 anos, a pontevedresa competiu nos Xogos de Londres e xa conta cun campionato do mundo júnior en 200 metros estilos, ademais dun cuarto posto en piscina curta nun campionato europeo absoluto en 200 metros braza.

  11. 11

    José Antonio Hermida e o ciclismo de montaña

    Campión mundial e europeo en varias ocasións, medallista olímpico en Atenas cunha prata e cuarto nos últimos Xogos de Londres, este catalán de pais galegos é o mellor representante español do ciclismo de montaña, malia que os seus éxitos só chegan aos medios cada catro anos e en ciclo olímpico.

  12. 12

    A vela que só agroma nos Xogos Olímpicos

    As galegas Támara Echegoyen e Sofía Toro acadaron o ouro olímpico na clase Elliott de vela nos últimos Xogos Olímpicos de Londres. Foi unha das últimas veces que este deporte chegou ás portadas dalgún xornal, malia que Galicia xa contou con importantes campións nos últimos anos.