Unha ducia de éxitos e retos do movemento de indignación
O movemento de indignación que comezou aquel 15 de maio de 2011 achégase aos dous anos. Este sábado manifestacións en toda Galicia e no resto do Estado reavivarán o movemento nas rúas e pedirán transparencia e democracia participativa, unha auditoría cidadá da débeda, e a defensa dos servizos públicos. A denuncia da corrupción será tamén protagonista nas marchas. Nestes case dous anos os movementos sociais suman notables éxitos e tamén algúns retos pendentes. As cousas non van mellor que hai dous anos, pero cando menos todos e todas somos máis conscientes do desastre.
-
01
Definir a axenda pública
O 15M non inventou nada, todas as súas reivindicacións xa estaban aí e eran defendidas por moitos partidos e colectivos. Pero o grande éxito consiste en que o rescate bancario ou os desafiuzamentos ocupan as portadas dos medios e ninguén se pode abstraer da súa existencia. En certa maneira o 15M consegue que os seus opoñentes ideolóxicos se teñan que poñer á defensiva.
-
02
Ruptura co modelo da Transición
O movemento de indignados fala con absoluta normalidade dun novo proceso constituínte e cre superados os consensos sobre os que se forxou a Transición Política. Un discurso que hai apenas dous anos estaba reservado a algúns grupos de esquerda hoxe forma parte do debate político cotián.
-
03
Emenda ao bipartidismo
España era até hai dous anos esencialmente bipartidista e PP e PSOE reunían o 80% dos votos. Os primeiros chamamentos do 15M resumíanse nun "non os votes", referido principalmente aos dous grandes partidos e a CiU. Hoxe as enquisas amosan que ese bipartidismo vai rachando aos poucos. Tamén en Catalunya ou Galicia.
-
04
A ruptura das desconfianzas e as fidelidades
O Rei vai espido! As revolucións comezan con algo así. O 15M foi promovendo un certo relativismo e un descremento da meirande parte das institucións que levaran o peso do sistema: dos partidos, aos sindicatos, pasando pola igrexa ou os medios de comunicación. Esta ruptura das fidelidades de todo tipo éstá sendo unha chamada de atención para que todos, xornalistas incluídos, nos libremos de moitos vicios adquiridos.
-
05
Xiro á esquerda
O 15M foi quen de arrastrar cara a ideas e valores de esquerda, ou cando menos progresistas, a boa parte dos defraudados co sistema. Tamén funcionou como fiscalizador dos partidos esquerdistas, obrigándoos a manter e afianzar as súas propostas de transformación social.
-
06
Os métodos
Soubo manter boa parte da metodoloxia que definiu o movemento dende un inicio: asemblearismo, horizontalidade, acción directa e non-violencia. Á vez evitou ser instrumentalizado e tamén ser queimado ou desaparecer mesmo sen ter estrutura
-
07
Converxencia e coñecemento mutuo
A pesar das reticencias iniciais, que as houbo, o movemento aprendeu a traballar conxuntamente con diferentes movementos sociais progresistas: feministas, ecoloxistas, veciñais, antidesafiuzamentos..., e tamén sindicatos e partidos. Todo iso acabou levando a un bo coñecemento mutuo e ao traballo conxunto entre todos.
-
08
Cambio xeracional
Nun país no que adoito se goberna e se fai politica para os maiores e se esquece aos menores de 40, o movemento nutriuse dunha xeración moi ben formada pero en risco de ser expulsada do futuro. Tamén foi un laboratorio para que moitos comezasen a facer politica.
-
09
Devolverlle a política á xente
Os damnificados pola crise sufrían illados. Grazas ao 15M decatáronse de que o seu problema non é individual senón social. Sentíronse maioría.
-
10
Éxitos concretos
Ademais das vitorias simbólicas ou discursivas, cada desafiuzamento paralizado e algunha que outra iniciativa lexislativa supoñen éxitos concretos que dan sentido ao movemento.
-
11
Retos e perigos
Con todo o 15M debe enfrontar moitos retos e tarefas pendentes. Algún deles é unha tarefa continua: por exemplo para non verse absorbido polo curtopracismo que hoxendía o marca case todo. Tamén resistir as sempre presentes tentacións de instrumentalización. E tarefas ainda non completadas: asentarse no mundo do traballo ou nas zonas rurais lonxe das grandes cidades
-
12
Seguir crecendo e converxendo
O movemento é masivo pero está lonxe de ser hexemónico ou de ter acadado os seus obxectivos. E non os acadará se non completa o proceso de converxencia e unidade de acción con outros movementos e forzas sociais.