Unha ducia de éxitos olímpicos galegos
Galicia leva a Londres 2012 doce representantes. E doce son tamén os éxitos históricos dos deportistas galegos nos Xogos Olímpicos. Desde a prata dos futbolistas en Amberes 1920 até as últimas medallas de David Cal en Pequín 2008. Polo medio, os metais de Ramos Misioné, Fernando Romay ou Pérez Rial e outros menos coñecidos como os do redondelán Pedro Cea, un mito futbolístico no Uruguai.
-
01
Tres galegos na prata de fútbol en Amberes 1920
Tres futbolistas galegos inauguraron o medalleiro olímpico do país nos Xogos celebrados en Amberes en 1920. Ramón González, Moncho Gil e Luis Otero gañaron a prata coa selección española de fútbol nun equipo no que había históricos como Ricardo Zamora ou o mesmo Pichichi. O equipo gañou a Dinamarca e perdeu con Bélxica, pero na fase de consolación venceu a Suecia, Italia e os Países Baixos para acadar o segundo lugar no podio.
-
02
Os dous ouros do emigrante Pedro Cea
Nado en 1900 en Redondela, o galego Pedro Cea segue sendo un mito no Uruguai. Formou parte da heroica selección de fútbol que gañou o Mundial de 1930 ante Arxentina, pero tamén da que logrou dúas medallas de ouro nos Xogos Olímpicos de París, en 1924, e en Ámsterdam, en 1928. Conserva a marca de ser o único xogador da historia que marcou nunha final dunha Copa do Mundo e duns Xogos Olímpicos.
-
03
As dúas medallas de Ramos Misioné
Case 50 anos tardou Galicia en volver contar cun medallista olímpico. En Montreal 1976, o padexeiro Luis Gregorio Ramos Misioné acadou a medalla de prata no K-4, nun equipo que compartía con José María Esteban Celorrio, José Ramón López Díaz e Herminio Menéndez. En Moscú 1980, o galego volveu colgarse unha medalla, desta vez o bronce xunto a Herminio Menéndez no K-2 1.000 metros.
-
04
Enrique Míguez, outra medalla para o piragüismo galego
O piragüismo volveu dar alegrías á delegación galega nuns Xogos Olímpicos. Desta vez tocoulle ao padexeiro de Tui Enrique Míguez, que gañou o bronce en C-2 500 metros xunto a Narciso Suárez Amador.
-
05
Fermando Romay, un membro máis dun equipo histórico
O coruñés Fernando Romay foi un dos integrantes dunha selección española histórica que acadou a prata no baloncesto, logo de perder a final contra os Estados Unidos de Michael Jordan por 96 a 65. O segundo posto foi toda unha vitoria, logo de vencer a poderosa Iugoslavia (74-61).
-
06
Alejandro Avecilla, unha prata de 'exhibición'
O coruñés Alejandro Avecilla, mito do hockey sobre patíns galego, formou parte do equipo español que conseguiu a prata nos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, onde este deporte foi un dos que se disputaron como exhibición, polo que os seus metais non contabilizaron no medalleiro oficial.
-
07
David Cal comeza a escribir a súa lenda en Atenas
O padexeiro de Hío (Cangas) converteuse en Atenas 2004 no primeiro campión olímpico galego tras vencer na final de C-1 1.000 metros. Tan só uns días máis tarde, obtivo a prata no C-2 500 e converteuse xa no deportista olímpico máis laureado na historia de España, xunto a Joan Llaneras e Arantxa Sánchez Vicario.
-
08
José Antonio Hermida, o galego de Puigcerdá
A José Antonio Hermida chámanlle Pepiño Pistolas. Fillo de galegos, galegofalante e catalán de adopcion, conseguiu a medalla de prata en ciclismo de montaña en Atenas 2004. Campión europeo e do mundo de campo a través, é outra das bazas do país para Londres, onde disputará os seus cuartos Xogos Olímpicos.
-
09
Dous metais máis para o padexeiro David Cal
De novo o piragüismo e de novo David Cal. O do Hío, que foi o abandeirado do equipo español en Pequín 2008, conseguiu dúas pratas en C-1 500 e 1.000 metros, pasando a ocupar xa un lugar privilexiado entre os deportistas máis laureados da historia olímpica estatal.
-
10
O sorprendente ouro de Perucho
Unha das maiores alegrías e sorpresas da delegación española en Pequín foi a medalla de ouro conseguida, tamén en piragüismo, polo galego Carlos Pérez Rial, Perucho, e o catalán Saúl Craviotto, que sorprenderon na final do K-2 500. Outro galego no máis alto do podio.
-
11
Echávarri e Paz, unha parella de éxito
Fernando Echávarri, cántabro asentado en Galicia desde cativo, e o galego Antón Paz, colgáronse a medalla de ouro en vela. A súa vitoria na clase tornado foi a recompensa xusta a un traballo de anos por parte dos dous regatistas.
-
12
A hora de Javier Gómez Noya
O triatleta Javier Gómez Noya, que acumula éxitos a nivel mundial e europeo, era unha das principais bazas para o deporte galego nos Xogos de Pequín en 2008. Un problema estomacal impediulle acceder ao podio, aínda que obtivo unha meritoria cuarta praza, sumada á quinta do ordense Iván Raña. En Londres, o ferrolán é un dos favoritos a subir ao podio. É a súa hora.