Unha ducia de festas galegas
O solsticio ou San Xoán é o sinal de saída para o verán, unha estación que trae consigo unha fervenza de festas por todo o país. Urbanas ou rurais, de costa ou de interior, todas coinciden en poñer a proba a capacidade festeira, gastronómica e musical da concorrencia. Velaquí unha ducia de exemplos.
-
01
Cacharelas de San Xoán na Coruña
O 23 de xuño é día de carretar leña e todo tipo de enseres polas rúas da Coruña, especialmente para a xente máis nova. Mozos e mozas elaboran as súas propias cacharelas nas principais praias da cidade pero tamén en barrios tradicionais coma o dos Mariñeiros, no que a enorme lumeirada se acompaña coa regulamentaria sardiñada. Ao longo de todo o país, sexa costa ou interior, esta é unha das festas con máis seguimento do ano, un inicio do verán que en 2013 terá a recompensa do carácter festivo do día 24. Moitos piden que esa excepción se transforme en norma.
-
02
Arde Lucus
Comezou no inicio da década pasada como un experimento do Concello lugués e agora non son poucos os que ven o Arde Lucus como un segundo San Froilán. Desta volta co reto engadido de cadrar co San Xoán a festa que recrea o pasado castrexo da cidade da Muralla, o Arde Lucus ten como ingrediente fundamental o altísimo grao de participación da veciñanza luguesa, tanto na confección e lucimento de atuendos de época como na asistencia ao importante número de actos programados.
-
03
Festa da Dorna de Ribeira
En 1948 a Comandancia de Mariña de Vilagarcía organizou, co gallo das Festas do Carme, a rifa dunha dorna. Os premiados resultaron ser moitos e a embarcación resultou ser unha maqueta duns cincuenta centímetros, que foi bautizada o 24 de xullo cunha botelliña de auga destilada, acto que derivou en festa e baile. O que resultou unha anécdota tornou en tradición auspiciada pola Real Confraría da Dorna e, tras un período de decadencia nos 80, a Festa da Dorna volveu renovada a finais desa década. Ribeirenses e foráneos organízanse en peñas e, como cantaron Os Diplomáticos de Monte Alto, "non se sabe no mundo doutra festa máis rachada".
-
04
Rapa das bestas en Sabucedo
Unha das tradicións máis antigas da Terra de Montes é a rapa das bestas. Nada cunha vocación práctica, marcar os cabalos que viven en liberdade no monte, derivou nunha festa que xa ten dimensión internacional e que, ademais da propia baixada dos animais ao curro, inclúe programa musical e gastronómico para a primeira fin de semana de xullo.
-
05
Carrilanas de Esteiro... o caso é non levar golpes
Quen dixo medo, habendo hospitais? Esta é unha das filosofías de fondo das carrilanas de Esteiro, o encontro máis retranqueiro de vehículos sen motor que acolle Muros na terceira fin de semana de xullo. Cun pouco de imaxinación, algo de arte para comoñer a carrilana e un chisco de ousadía para non lle temer ás rabuñaduras, é unha das festas máis competidas do verán galego.
-
06
"A festa maior de todos os galegos"
O 25 de xullo é unha das xornadas con máis festas por metro cadrado no país. O Día Nacional de Galicia é o Día de Santiago en infinidade de parroquias e en Compostela é o día grande das Festas do Apóstolo, que na capital comparten protagonismo cos actos do Día da Patria. Vinculado a este celébrase o Festigal, que contribúe a que a cidade ferva de actividade e festa na que Castelao definiu como a "festa maior de todos os galegos". Na programación oficial ten especial protagonismo a montaxe audiovisual ao abeiro dos "fogos do Apóstolo".
-
07
Feira e festa da música e da arte en Pardiñas
Pardiñas é feira, é festa e é festival. A primeira fin de semana de agosto o entorno do coñecido como "balneario dos pobres", no concello chairego de Guitiriz, convértese nunha celebración da música, da artesanía e da gastronomía. Consolidado como un dos festivais ineludibles do verán galego conserva case intacto o carácter de festa popular, onde familias enteiras poden compartir as mellores viandas mentres ao carón os festivaleiros máis novos se recuperan da noite anterior. O mérito, da asociación Xermolos, que xa ten cartaz para 2012.
-
08
Romaría viquinga de Catoira
Nos primeiros días de agosto -este ano cadra o día 5- as hostes nórdicas remontan o Ulla e tentan desembarcar ao pé das Torres do Oeste. Escóitanse aturuxos e berros de loita, baten as espadas e corre o viño. A loita adoita remata sendo gastronómica e musical, e o que invade a ría de Arousa é a festa.
-
09
A Maruxaina de San Cibrao
O segundo sábado de agosto San Cibrao celebra o seu mar lembrando a mítica serea que, segundo a quen se lle pregunte, auxilia ou seduce e confunde os mariñeiros, os mesmos que a portan ata o xuízo na praia do Torno. Acompañada por unha comitiva de candeas e farois, é xulgada e indultada polos veciños da vila, que culminan a celebración con música tradicional e a imprescindible queimada.
-
10
O Lugnasad de Bretoña
Segundo a tradición celta o Lugnasad é a festa do deus Lugh e supuña o inicio do verán. Eran unhas grandes celebracións de máis de dúas semanas, que incluían dende feiras de gando ata gastronomía en abundancia. Pero o punto fundamental era a elección, por parte de mozos e mozas de cada vila, da parella coa que pasarían o inverno seguinte. Tratábase dun matrimonio con data de caducidade, xa que cada ano podían renovalo volvendo unir as mans a través dun penedo furado, ou non facelo. Nos primeiros días de agosto esta milenaria tradición lémbrase en Bretoña, na Pastoriza, onde aos desfiles e ás vodas se lle unen a música e a queimada.
-
11
Romaría do Bo Xantar do Naseiro
O cuarto domingo de agosto familias enteiras de Viveiro soben ao monte de San Roque. Ás beiras do río Naseiro mozos e maiores instalan durante a fin de semana verdadeiras vivendas nas que abonda o bo comer e o bo beber. Entre a música e o exceso gastronómico celébrase a que podería ser considerada versión acuática da festa das carrilanas de Esteiro, o descenso do río Landro.
-
12
A Istoria de Ribadavia
En tempos de superávit de feiras medievais a Festa da Istoria de Ribadavia segue a ser unha das celebracións de época máis documentadas e con maior tradición. O último sábado de agosto a capital do Ribeiro volve ás súas orixes, dende a roupa ata a moeda, cos maravedís circulando como diñeiro de curso legal. Dende señores ata irmandiños gozan dunha celebración que, como non podía ser doutro xeito, inclúe tamén o bo xantar.