Unha ducia de festivais galegos para o verán no que recuperamos a 'normalidade'
Achégase un verán moi especial: o primeiro que viviremos con normalidade unha vez superada a pandemia de COVID-19, que marcou os dous últimos anos. E que é un verán sen festivais de música? Estas citas tamén recuperan a normalidade, con múltiples citas dun extremo a outro do país e con estilos para todos os gustos. Aquí amosamos apenas unha ducia. Comezamos?
-
01
Portamérica
Non foi o primeiro festival do ano (xa tivéramos, entre outros, o FIV de Vilalba e o inicio do Terraceo en Vigo), pero sérvenos para dar o disparo de saída a esta ducia. O Portamérica foi o protagonista indiscutible da primeira semana de xuño. Hai uns días pasaron pola Azucreira de Portas, en Caldas de Reis, Lori Meyers, Delaporte, WOS, Nathy Peluso, Bizarrap ou os galegos Baiuca, Xoél López e Grande Amore, entre moitas outras bandas e artistas.
Grande Amore estará, ademais, no festival Atlantic Pride da Coruña, entre o 7 e o 10 de xullo
-
02
O Son do Camiño
Estamos en Ano Xacobeo e entre as citas multitudinarias destaca unha vez máis O Son do Camiño, que acollerá o Monte do Gozo, en Compostela, cuxa preparación se viu afectada este venres por un accidente laboral dos operarios que montaban un dos escenarios. Entre o 16 e o 18 de xuño por alí pasarán The Chemical Brothers, Anuel AA, Liam Gallagher e tamén C. Tangana e Nathy Peluso.
Outra das grandes citas do Xacobeo será o Morriña Fest, na Coruña, que do 15 ao 17 de xullo reunirá a Maluma, Ozuna, Black Eyed Peas ou Franz Ferdinand.
-
03
Resurrection Fest
Un dos momentos máis agardados do ano é o regreso do Resurrection Fest, que hai tempo que esgotou as súas entradas. Entre o 29 de xuño e o 3 de xullo Viveiro recibirá decenas de milleiros de seguidores e seguidoras de metal, heavy e outras variedades de rock guitarreiras e pesadas. Na cabeza do cartel bandas como Judas Priest, Sepultura, Gojira, Korn, Sabaton, Mastodon ou Deftones.
-
04
Festival de Ortigueira
O Festival de Ortigueira regresa do 10 ao 17 de xullo ("o máis longo da historia") cun cartel de primeiro nivel, no que destacan Baiuca, Tanxugueiras, Luar na Lubre, Xosé Lois Romero e Aliboria, ademais de Wolfstone e os Red Hot Chilli Pipers.
-
05
Atlantic Fest
Do 15 ao 17 de xullo terá lugar en Vilagarcía de Arousa o Atlantic Fest, polo que pasarán Izal, Los Planetas, Fangoria, La Casa Azul, Andrés Calamaro ou María Arnal i Marcel Bagés
-
06
Sinsal
Un dos festivais máis singulares de Galicia é o Sinsal. Primeiro, polo seu espazo: a Illa de San Simón. E, en segundo lugar, porque o seu cartel é sempre secreto e o público asistente só o coñece ao chegar á illa, confiando na coidada selección dos organizadores, que adoitan traer unha programación de gran calidade, con artistas de primeiro nivel e nomes emerxentes da escena internacional.
-
07
Festigal
O Festigal, organizado pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova, celebra unha nova edición o 24 e 25 de xullo en Compostela. No Campus Sur da capital galega actuarán Tanxugueiras, A Banda da Loba, Familia Caamagno, Bratzantifa ou Berto
-
08
17 graos Ribeira Sacra
Do 29 ao 31 de xullo a Ribeira Sacra acolle este festival, que une música de calidade, escenarios de gran beleza e o atractivo vitivinícola e gastronómico da comarca. Encabezan o cartel Teenage Fanclub, Maika Makovski, Manel ou Eladio y los Seres Queridos
-
09
Festivala
O 26 e 27 de agosto Vilagarcía de Arousa acolle o Festivala, un festival con entrada de balde e subtitulado "mulleres creando" no que só actuarán bandas femininas. Entre elas A Banda da Loba, De Vacas ou as Kumbia Queers
-
10
Osa do Mar
Xa chegando ao final do verán, o 2 e 3 de setembro, Burela acolle unha nova edición do festival Osa do Mar, polo que pasarán Berto, Anabel Lee ou Arde Bogotá, entre outros
-
11
Festival da Poesía do Condado
Esa mesma fin de semana, o 3 de setembro pero no outro extremo do país, Salvaterra do Miño acolle unha nova edición do seu Festival da Poesía, que na súa parte musical trae unha completa programación na que destaca a presenza de Mercedes Peón, Dakidarría ou Os Resentidos
-
12
Revenidas
Do 7 ao 11 de setembro, Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) acolle o Revenidas, polo que pasarán Tanxugueiras, La Pegatina, Baiuca, SFDK, Lendakaris Muertos, Talco, Zoo ou Ladilla Rusa