Ifrit

Unha ducia de filmes do Fantasporto 2013

Contra o vento e as mareas da crise que ameazan con converternos a todos en incultos, o Festival Internacional de Cinema de Porto Fantasporto, chega á súa 33ª edición. Aínda que hai xa algunhas edicións que deixou o apelido de fantástico polo camiño este xénero e afíns seguen a ser o prato forte dun dos principais festivais especializados do mundo. Do 25 ao 28 de febreiro celébrase o Pré Fantas e do 1 ao 10 de marzo o festival propiamente dito.

  1. 01

    Mama (Andrés Muschietti, 2013)

    Este filme, producido por Guillermo de Toro, e que xa leva dúas semanas nas nosas carteleiras será o que inaugure o festival o 1 de marzo no Grande Auditório Rivoli do Teatro Municipal de Porto. Os filmes xa estreados no Estado español ou vistos noutros festivais como Sitges son un dos problemas de sempre do Fantasporto e as distribuidoras portuguesas. Pantasmas e nenas non entenden diso.

  2. 02

    Salvage (Lawrence Gough, 2009)

    O Pré Fantas (do 25 ao 28 de febreiro) é unha boa forma para ir quecendo motores con filmes menores doutras edicións, como este sanguento filme inglés de supervivencia.

  3. 03

    Zibahkhan (Omar Khan, 2007)

    Hai xa cinco anos puiden presenciar, xunto cun escollido grupo de valentes, a presentación en Fantasporto por parte dos seus produtores, Andrew Starke e Pete Tombs, do primeiro filme pakistaní de terror, Hell's Ground. Unha máis que loábel colección de gore, American gothic en versión Pakistán, diálogos de libro e un par de ingredientes da súa propia colleita. Para non esquecer: o asasino do esmagacabezas. No Pré Fantas poderemos volver disfrutar del.

  4. 04

    Pieta (Kim Ki-duk, 2012)

    Xa na sección competitiva Semana dos Realizadores, chega o último filme do recoñecido director coreano, famoso polas súas escenas evocadoras e poéticas, e que volve tratar un tema social nun ambiente de intricadas relacións persoais. Gañador do León de Ouro de Venecia, ainda non ten data de estrea.

  5. 05

    Insensibles (Juan Carlos Medina, 2012)

    En Fantasporto sempre se coida de maneira especial o cinema feito no estado español. Ademais da proxección da produción galega O Apóstolo (Fernando Cortizo, 2012), este filme catalán, que tivo moi boa acollida en Sitges e na Semana de Donosti, é o outro escollido.

  6. 06

    Thale (Aleksander Nordaas, 2012)

    Se vos mergullades asiduamente entre os trailers de YouTube é bastante posíbel que xa virades este rabo. O cinema fantástico e de terror escandinavo leva os últimos anos con bastante presencia nos programas dos festivais. Desta volta preséntannos unha personaxe do folclore nórdico, a sedutora huldra. Non esperedes ver isto nas nosas carteleiras

  7. 07

    The Red Shoes (Michael Powell e Emeric Pressburger, 1948)

    O filme cumple 65 anos e é un dos homenaxeados do festival. Unha boa oportunidade para ver este clásico do cinema de baile en pantalla grande.

  8. 08

    Aniki Bobó (Manoel de Oliveira, 1942)

    Outro dos homenaxeados e que neste caso cumpre oitenta anos é a primeira longametraxe do centenario director. Unha historia de nenos que ten lugar na cidade de Porto.

  9. 09

    La planète sauvage (René Laloux, 1973)

    A coprodución francesa-checoslovaca de animación de culto poderá ser desfrutada en pantalla grande, coa banda sonora composta polos portugueses Beautify Backyards e que interpretarán en directo, nunha ocasión única e especial

  10. 10

    Codependent Lesbian Space Alien Seeks Same (Madeleine Olnek, 2011)

    Hai filmes con títulos irresistíbeis e, sen dúbida este é un deses. Unha comedia en branco e negro feita desde a admiración ao cinema de ciencia ficción dos anos 1950.

  11. 11

    The Weight (Jeon Kyu-hwan, 2012)

    Unha sección onde é raro non atopar algo interesante é a tamén competitiva Secção Oficial Orient Express. Cun total de ata sete filmes, este de Corea do Sur é un dos máis rechamantes

  12. 12

    Robot & Frank (Jake Schreier, 2012)

    O día 9 de marzo proxectarase este filme na clausura oficial, pola noite terá lugar o imperdíbel Baile dos Vampiros e o día seguinte saberemos os gañadores das distintas categorías. Fantasporto, rematou. Algúns xa veriades este filme o ano pasado en Cineuropa. Se non, teredes que agardar ata a súa estrea comercial o 26 de xuño de 2013 co título de Un amigo para Frank e dobrado ao castelán.