Ana G. Liste

Unha ducia de filmes e actividades do festival Novos Cinemas

O Novos Cinemas, Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, que se celebra entre o 14 e 19 de decembro, recibiu achegas de case corenta países e seleccionou 24 filmes para esta sexta edición, dos cales 14 están dirixidos por mulleres. Un total de 26 cineastas emerxentes, coas súas primeiras ou segundas obras, estarán presentes no festival, no que ademais contarán con tres estreas no Estado entre as súas seccións competitivas. Toda a información sobre a programación e as entradas, aquí

  1. 01

    'Cando toco un animal', de Ángel Filgueira

    Ángel Filgueira, que estivo nunha edición anterior no LAB do Novos Cinemas, participa este ano xunto á produtora Silvia Fuentes co filme que estivo medrando neste tempo: Cando toco un animal. Ambos manterán un encontro na Casa das Campás o día 17 ás 12.30h onde se proxectarán por primeira vez algunhas imaxes da película. 

  2. 02

    Foco con María Pérez Sanz

    A directora e guionista María Pérez Sanz protagoniza o Foco desta sexta edición do Novos Cinemas, con coloquios e a proxección das obras Ejercicio 2 (2015), Ejercicio 3 (2013), os videoclips feitos para Tulsa Yo no nací así (2021) e Autoretrato (2021), e as súas dúas primeiras longametraxes: Malpartida Fluxus Village (2015) e Karen (2020), na que recrea algunhas escenas da vida da escritora Isak Dinesen, interpretada pola cantante Christina Rosenvinge. No Teatro Principal os días 18 e 19. 

  3. 03

    Novos Cinemas LAB

    Nesta edición do Novos Cinemas LAB participan os proxectos cinematográficos Guajes, de Ana Sierra; La adolescencia infinita, de Víctor Soho [na imaxe]; Laguna el ministro, de Antonio Llamas e Lucas G. Torralbo; e Treinta grados de separación, de Paula Pérez López. Estarán titorizados pola directora, guionista e actriz Elena Martín; Isona Admetla, coordinadora do fondo para a cinematografía Berlinale-World Cinema Fund; o montador Ricardo Saraiva; e o músico e produtor Xavi Font.

  4. 04

    'A Virxe Roxa', de Marcos Nine

    En exclusiva no Novos Cinemas, despois da súa estrea na Seminci, o filme A Virxe Roxa, de Marcos Nine, abre o festival o día 14 no Teatro Principal ás 20.30h. A película conta a historia de Aurora Rodríguez, que en 1933 mata a tiros á súa propia filla, Hildegart, mentres esta durmía. A moza, con só dezaoito anos, era unha das feministas máis destacadas da Segunda República Española. 

  5. 05

    'Matria', de Álvaro Gago

    O día 18, ás 12h na Casa das Campás, o cineasta vigués Álvaro Gago presenta nun encontro co público o seu último traballo, a súa primeira longametraxe, Matria, da que amosará imaxes en exclusiva. 

  6. 06

    'La luna representa mi corazón', de Juan Martín Hsu

    Unha das estreas no Estado desta edición é o filme de Juan Martín Hsu La luna representa mi corazón, unha produción de Arxentina que participa na sección Latexos, con propostas de marcado carácter autobiográfico como esta: "Nun período de 7 anos viaxo dúas veces a Taiwan para coñecer a miña nai. Teño preguntas sobre o asasinato do meu pai, un feito que aconteceu en circunstancias que nunca se esclareceron".

  7. 07

    'Negro Púrpura', de Illa Bufarda

    O filme documental Negro Púrpura, dirixido por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, estará presente no festival nunha sesión para escolares cun coloquio coas súas produtoras. A película de Illa Bufarda conta a historia do cornello, o fungo alucinóxeno do centeo que se exportou desde Galicia. 

  8. 08

    Obradoiro con Adrián Canoura

    Adrián Canoura, artista multidisciplinar e creador audiovisual, comparte as súas experiencias no obradoiro Videohipnose. Experimentar co cinema na era dixital. As pezas proxectaránse na inauguración do festival, o día 14 ás 16.30h no Teatro Principal. 

  9. 09

    'Eles transportan a morte', na sección oficial

    O día 17, ás 21.30h no Teatro Principal, poderá verse Eles transportan a morte, a primeira longametraxe de Helena Girón e Samuel M. Delgado, que manterán un coloquio posterior co público. Esta coprodución entre España e Colombia sucede no ano 1492 e conta a historia de tres homes da tripulación de Cristóbal Colón, que pretenden evitar as súas condenas a morte.

  10. 10

    'Espíritu Sagrado', de Chema García Ibarra

    O director Chema García Ibarra clausura o festival o día 19 co seu debut na longametraxe, Espíritu Sagrado, centrada na historia de José Manuel e o resto de membros da asociación ufológica Ovni-Levante, que se reúnen semanalmente para intercambiar información sobre mensaxes extraterrestres e abducións. García Ibarra tamén vai desenvolver o obradoiro Os entes, xunto a Leo Díaz, que traballa con el nos seus proxectos desde a dirección de arte, na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

  11. 11

    'Berg', na sección oficial a concurso

    Berg é a primeira longametraxe de Joke Olthaar, unha experimentada creadora teatral que centra as súas obras na natureza ou as representa en contornas naturais. Participa na sección oficial e pode verse o día 16, ás 19h, no Teatro Princial, cun coloquio con Joke Olthaar e André Schreuders, director de fotografía do filme, unha experiencia sobre a insignificancia do ser humano en contraste coa paisaxe.

  12. 12

    '¿Qué hicimos mal?', de Liliana Torres

    A cineasta catalá Liliana Torres reflexionará sobre ¿Qué hicimos mal?, un proxecto no que se converte no motor dramático do seu filme, combinando a autoexposición, a autoexploración e a ilustración do seu itinerario amoroso e sentimental para afrontar a inestabilidade emocional que condiciona a existencia. O día 16, ás 10h, estará na Casa das Campás para comentar este filme, que pasou polo Novos Cinemas LAB.