David Lombao

Unha ducia de filmes máis ou menos galegos

Este sábado a asociación compostelá A Gentalha do Pichel  fai acopio dunha boa dose de retranca para acoller unha proxección de "cinema expandido" co filme La casa de la Troya, de 1959, como protagonista. Este senlleirísimo evento sérvenos de escusa para lembrar uns cantos filmes que, con maior ou menor fortuna, retrataron o país cando falar de cinema galego, en sentido estrito, era case ciencia ficción. Sorrían, por favor.

  1. 01

    La Casa de la Troya

    Comezamos polo filme que nos serve de pretexto. Nel, un novísimo Arturo Fernández interpreta a Gerardo Roquer, un madrileño estudante en Compostela que namora perdidamente de Carmiña, unha moza galega de boa familia que non está disposta a relación ningunha mentres o seu pretendente non remate a carreira. Costumes estudantís de onte e hoxe, xente elegante, paisaxes coa pensión compostelá descrita por Pérez Lugín como centro de todas as cousas. Unha xoia.

  2. 02

    En la red de mi canción

    Mariano Ozores presentounos en 1971 a Andrés (Andrés Dobarro), fillo dun empresario vigués da pesca que recea de herdar a empresa familiar porque pensa máis na música. Na súa vida crúzase Elena, interpretada por quen daquela era coñecida como Conchita Velasco, para tentar pechar un acordo pesqueiro, pero... Amor (e música)!

  3. 03

    La vieja música

    Martín Lobo (Federico Luppi) é un arxentino que busca un antigo amor. Con este obxectivo desembarca en Lugo e, aínda que non ten especial idea de baloncesto, logra converterse en adestrador do Breogán, que tenta levar adiante a base do que aprende en vídeos e libros. Unha postal lucense de 1985, por Mario Camus.

  4. 04

    La familia y uno más

    Un deses edulcorados filmes españois dos anos 60. Un dos galáns da época, Alberto Closas, interpreta un viúvo con 15 fillos (!) cuxo traballo como aparellador o leva de Madrid á Coruña. Alí coñece unha muller mexicana que viaxou a Galicia por negocios e coa que vive na cidade un breve e castísimo romance.

  5. 05

    Botón de ancla

    Adaptación ao cinema da novela de José Luis de Azcárraga sobre tres amigos que van para membros da Armada previo paso pola Escola Naval de Marín, onde teñen diversos avatares amorosos. O libro tornou en filme por primeira vez en 1948, cun mozo Fernando Fernán Gómez acompañado de Xan das Bolas. A comezos dos 60 Miguel Lluch realizou un remake a toda cor con estrelas da época como os integrantes do Dúo Dinámico ou Miguel Gila.

  6. 06

    Divinas palabras

    José Luis García Sánchez levou en 1987 ao cinema a obra de Valle-Inclán que mestura tópicos e realidades da Galicia de comezos do século pasado. Ollo ao inicio do relato: a muller dun sancristán de aldea leva polas feiras un neno con hidrocefalia a xeito de macabra atracción. A súa cuñada enfróntase a ela porque ten o mesmo propósito.

  7. 07

    Polizón a bordo

    Dirixida por Ramón Torrado en 1940 Polizón a bordo foi o primeiro gran éxito de Suevia Films, a produtora do prolífico Cesáreo González. A comedia ten como protagonista ao galego Manucho Loreiro, que emigra a América como polizón e que triunfa no medio de diversos enredos laborais e, como non, amorosos.

  8. 08

    Camino de Santiago

    Superprodución televisiva de Antena 3 que, no ano xacobeo 1999, meteu a Charlton Heston a resolver un suposto crime ritual acompañado de actores como Anthony Quinn ou Robert Wagner. A canle investiu 1.600 millóns de pesetas nesta miniserie de tres capítulos que basea o seu percorrido polo Camiño no xogo da oca. O seu rigor histórico é relativo, toda vez que mestura feitos reais con invencións totais, tales como a existencia dun labirinto catedralicio en Lugo.

  9. 09

    Cotolay

    Non saímos do Camiño e internámonos un chisco máis no mundo bizarro. En 1966 José Antonio Nieves perpetrou Cotolay (el niño y el lobo) para ofrecer a súa particular versión da lenda segundo a cal San Francisco de Asís chegou a Compostela para atender a orde divina de fundar un convento. O que na lenda era un carboeiro pasa a ser un neno de curta idade que no filme torna nunha caste de promotor inmobiliario medieval. Cousa fina.

  10. 10

    Miss Ledyia

    Considerado o primeiro filme rodado en Galicia. Data do ano 1916, cando José Gil realta a historia da chegada dunha moza estadounidense e do seu tío á Illa da Toxa para pasar unhas vacacións. Alí están refuxiados os reis de Suavia, que temen un atentado anarquista. No filme é posible ver, ademais, a Castelao interpretando a un pastor protestante.

  11. 11

    Al servicio de la mujer española

    Jaime de Armiñán elixiu Galicia como escenario para contar a historia de Irene Galdós, condutora dun programa radiofónico baseado nas chamadas da audiencia co que se obsesiona Julio Hernández, empresario conserveiro.

  12. 12

    Alalá (los nietos de los celtas)

    Rodada en 1933, en plena II República, para levar ao cinema o libro Los nietos de los celta. Pontevedra, Rianxo e Vigo son os escenarios da historia do emigrante retornado Jorge Samiera, que se dispón a herdar as propiedades do seu tío. Unha meiga chamada Úrsula revélalle parte do seu pasado pero advírteo de que non se achegue a unha vila chamada Portomar.