Miguel Pardo

Unha ducia de fitos e frases de Arsenio Iglesias

A Coruña, o deportivismo e todo o mundo do fútbol despediu a pasada fin de semana entre grandes mostras de cariño a Arsenio Iglesias, falecido aos 92 anos, mito do club coruñés pero unanimemente querido pola súa retranca e filosofía de vida.

  1. 01

    "Un rapaz de aldea"

    Arsenio Iglesias naceu na Baiuca (Arteixo), na Noiteboa de 1930. Foi o menor de nove irmáns, fillos dunha familia labrega. "Un rapaz de aldea", definiuno -como el tamén se autodefinía- a súa familia na carta de agradecemento tras o seu falecemento. "Pasábase moita fame; ás veces penso que nos criamos de casualidade", confesaría a Xosé Hermida na súa obra Arsenio, el fútbol de El Brujo

  2. 02

    "Son aldeán, si, pero non parvo"

    Arsenio debutou co Deportivo con 20 anos, en Primeira División, no campo de Les Corts contra o Barcelona. O equipo coruñés perdeu 6-1 e el marcou o gol da honra para o equipo galego. A lenda contou durante anos que pediu perdón polo tanto ao porteiro culé, o histórico Ramallets. Negouno sempre. "Son aldeán, si, pero non parvo". Na imaxe, nun partido posterior, con figuras como Luís Suárez ou Pahíño. 

  3. 03

    "Tiña a enfermidade do fútbol"

    Arsenio xogou 146 partidos co Deportivo e marcou 33 goles durante seis temporadas, todas elas en Primeira. Juan Acuña, mítico porteiro deportivista e ídolo da infancia de Arsenio, dicía del que "tiña a enfermidade do fútbol", polo seu compromiso e esforzo. En 1955 foi convocado pola selección española para un encontro fronte a Francia pero non chegou a debutar.

  4. 04

    "A calor acababa comigo"

    Arsenio Iglesias foi traspasado ao Sevilla, onde só estivo unha temporada, aínda que disputou dous partidos da Copa de Europa e anotou dous goles. Foron moitas as ocasións nas que lembraba o sufrimento que lle provocaba a calor en Andalucía. "Acababa comigo", dicía sobre unha circunstancia que logo sufriría en Granada, onde xogou seis temporadas e disputou e marcou nunha final de Copa. Deixaría o fútbol logo de dous anos no Oviedo e a súa retirada en Albacete. 

  5. 05

    "O Deportivo é o meu equipo, o que me deu todo"

    O xornalista e historiador coruñés Rubén Ventureira conta que na casa de Arsenio Iglesias, ao contrario do que se puidese pensar, só había unha foto de fútbol: a da cabezada de Beci que dera o ascenso ao Deportivo en 1971 ante o Rayo. Foi o primeiro éxito de Arsenio como adestrador do equipo, ao que chegara só meses antes. Logo adestraría con éxito a Hércules, Zaragoza ou Burgos, entre outros, ata que regresou ao Dépor nos anos 80. "O Deportivo foi o máis importante, o meu equipo, o que me deu a oportunidade de todo", lembraba.

  6. 06

    "Cuánto he sufrido, Martín"

    "Cuánto he sufrido, Martín. Pensé que moría". Con esta frase, Arsenio Iglesias celebraba emocionado unha salvación agónica en Primeira na promoción contra o Betis en 1992, abrazado ao capitán, Martín Lasarte. Poucos anos antes, un gol de Vicente Celeiro salvaba o club no tempo engadido de baixar a 2ªB e, moi probablemente, da desaparición. Na celebración, outro abrazo histórico entre Iglesias e o goleador. 

  7. 07

    "Mucho que decir y poco que contar"

    A rolda de prensa máis recordada de Arsenio. "Mucho que decir y poco que contar", empezou dicindo logo de que o Deportivo perdese unha Liga tras errar Djukic un penalti no último minuto da última xornada. "Tuvo que darse todo así. Muchas gracias, hasta la próxima y que Dios reparta suerte", rematou unha intervención gabada pola serenidade e o saber perder. Ao ano seguinte, gañou a Copa do Rei. "A derrota é máis humana", sentenciaba. 

  8. 08

    "Son galego ata máis non poder; tiña unha morriña tremenda"

    Logo de deixar o Deportivo, Arsenio compartiu o banco da selección galega con Fernando Vázquez durante varios anos. Lonxe de manifestar o seu ideario político, si amosou unha fonda galeguidade e un carácter arquetípico. "Son galego ata máis non poder; fóra sempre tiña unha morriña tremenda", dicía. Tampouco deixou de reivindicar a súa orixe aldeá e humilde: "Hai xente que pensa que son un tipo demasiado rural; tanto me ten. Son aldeán, e punto", dixo.

  9. 09

    "Non che hai xenio como Arsenio"

    "Non hai Dépor sen Arsenio e Arsenio sen Deportivo". Os Diplomáticos de Monte Alto dedicaron ao adestrador deportivista un emblemático tema da que era unha figura totémica para a banda e para moita mocidade dos barrios coruñeses. "Marchou Arsenio, só nos queda o fútbol", diría Rómulo Sanjurjo, acordeonista do grupo, cando deixou o Deportivo. "É un ideal de boa persoa e de bo galego", resumía Xurxo Souto, cantante e líder. 

  10. 10

    "Arsenio, para nós sempre serás o mellor"

    "Arsenio, para nós sempre serás o mellor". A frase luciu en diferentes pancartas e diferentes momentos no fondo de Riazor para homenaxear o técnico de Arteixo, xa fose na súa despedida en 1995 (que se pode ver no vídeo adxunto) ou na homenaxe en 2016. Agradecido sempre a eses "nenos descamisados e sen durmir", a afección máis nova sempre foi a gran valedora do veterano técnico. 

  11. 11

    "Orde e talento"

    Así resumía Arsenio o que, na súa opinión, era a base do fútbol: "Orde e talento". Ese sería o seu ideal futbolístico, o dun xogo que foi admirado tantas veces pero criticado tamén moitas. "Acusábano de conservador, pero con bos futbolistas facía que os seus equipos xogasen divinamente", explicaba Carlos Ballesta, inseparable compañeiro do técnico de Arteixo no banco. "Honrado, traballador e cunha visión do fútbol extraordinaria", engadía. 

  12. 12

    "A xente esquecerase de min"

    Foi, se cadra, a frase máis equivocada de Arsenio. Logo de abandonar o Deportivo, amosábase convencido de que acabaría sendo "un tipo normal, un cidadán máis dos que andan pola rúa". "A xente esquecerase de min, claro que se esquecerá", insistía. Non foi esquecido daquela nin despois. Nin moito menos co seu falecemento. Milleiros de persoas pasaron pola capela ardente, despedírono en Riazor e ante o seu busto e ovacionárono no estadio. "Arsenio, tú nunca te irás", di un cántico habitual no campo de fútbol.