Unha ducia de frases sobre Luísa Villalta das persoas que a coñeceron
Ás veces as persoas que nos queren son -en conxunto- quen mellor nos coñecen e quen mellor nos poden definir. Na biografía Abonda con vivir (Xerais), Montse Dopico entrevistou a decenas de amigos e amigas de Luísa Villalta, que compartiron actividade con ela nos moi diversos ámbitos nos que a homenaxeada nas Letras Galegas desenvolveu a súa traxectoria. Así, trazan un retrato da coruñesa: exixente, implicada, crítica, vital, empática..., que aquí repasamos a través dunha ducia de frases.
-
01
“Onde había algo inxusto, alí estaba Luísa”
"Onde había algo inxusto, alí estaba Luísa”, di Chisco Fernández Naval, que no libro fala, sobre todo, do Poemario Papagaio, que a autora asinou coa fotógrafa Maribel Longueira, un libro incómodo para moitos que afonda na problemática da prostitución e da especulación inmobiliaria na Coruña,
-
02
“Antes era a mente. En 'Ruído' xa está o corpo"
Eva Veiga analiza a súa obra poética e a evolución que seguíu dende Música Reservada, a Ruído e En Concreto. “Antes era a mente. En Ruído xa está o corpo. Por iso fala de roturas. Cáelle o mundo en pedazos que ten que erguer. A música é outra porque aparece ela enteira (...) En En Concreto está no mundo. Luísa ten un sentido social e político da poesía porque quere que a poesía afecte a quen a lea”
-
03
"Hai unha posición feminista no conxunto da obra villatiana"
Henrique Rabuñal: “Hai unha posición feminista no conxunto da obra villatiana. Un cuestionamento de como se elabora socialmente a dialéctica masculino/feminino e unha conciencia de como a sociedade limitou as posibilidades das mulleres para viviren unha vida plena e autónoma”.
Rabuñal fala sobre todo da creación dramática de Luísa Villalta, nunha análise que se podería estender ao resto da súa obra. Por exemplo en As certezas de Ofelia, que retrata unha Ofelia "moito máis esperta" que a personaxe shakesperiana, destaca tamén Manuel Lourenzo.
-
04
“Era, máis que unha profesora, alguén que te acompaña no teu proceso vital”
Vitor Suárez foi alumno seu no IES Isaac Díaz Pardo de Sada e no libro lembra, entre outros aspectos a súa actividade como docente. “Era, máis que unha profesora, alguén que te acompaña no teu proceso vital”. "Facíache sentirte importante, valorada. Alentábate a seguir escribindo, a participar en recitais", di Isa Aldao, outra das súas alumnas
-
05
"Era dos 80 por xeración biolóxica, pero era moi permeábel ás correntes dos 90"
Luísa Villalta tiña unha conexión moi directa coas persoas novas, fosen alumnas os autoras que estaban a comezar na creación. Unha delas foi Yolanda Castaño, que fala desa conexión que a achegou ás poetas da xeración dos 90, persoalmente e estilisticamente: “Era dos 80 por xeración biolóxica, pero era moi permeábel ás correntes dos 90 e, ademais, polo seu propio talante tamén se vía moi próxima á xente nova. E isto puido penetrar na súa poesía”.
-
06
“É a cidade dos desherdados, das vítimas, dos seres marxinais"
Xosé María Álvarez Cáccamo fala sobre En Concreto, o libro que gañou o Premio de Poesía Espiral Maior e na que a Cidade é protagonsta. Pero que cidade? “É a cidade dos desherdados, das vítimas, dos seres marxinais, a urbe babélica dos inmigrantes, dos colectivos proletarios, do submundo da prostitución, dos ámbitos degradados. A poeta identifícase coa multitude agredida polo Poder e pronuncia con vigor a súa protesta”
-
07
“A Luísa gustáballe moito escoitar, que en política non é fácil, porque é un mundo moi masculino, moi dado á confrontación"
Encarna Otero compartiu espazo con Luísa Villalta no BNG e en Esquerda Nacionalista: “A Luísa gustáballe moito escoitar, que en política non é fácil, porque é un mundo moi masculino, moi dado á confrontación. No BNG había unha rede de mulleres, que eramos poucas, da cal ela formaba parte fundamental”.
-
08
“Tiña unha conciencia da acción moito máis próxima á nosa que á de moitas persoas da súa xeración"
Carlos Santiago compartiu espazo con Luísa Villalta no Foro Negro que seguíu á mobilización de Nunca Máis en 2003: “Tiña unha conciencia da acción moito máis próxima á nosa que á de moitas persoas da súa xeración, desenganadas co activismo. Ela entendeuse con nós, practicamente mozos imberbes, en dous minutos”, destaca
-
09
“Ela buscou o seu propio camiño"
“Ela buscou o seu propio camiño. Saíu do corsé onde a meteran porque non estaba cómoda, creo, co mundo elitista. Precisaba vida”, conta Xurxo Souto, que destaca a conexión entre música e literatura na obra de Villalta (que ela mesma teorizou) e, ademais, a forma en que a autora "reivindicaba a Coruña Popular da que ninguén falaba".
-
10
“Non tiña interese no éxito, na fama literaria"
O seu amigo Miguel Anxo Mato Fondo subliña que “non tiña interese no éxito, na fama literaria. Nin no perfil de escritor presente en todos os saraos institucionais. Estaba absolutamente en contra da cultura oficial”, unha característica que puido apartala do centro do sistema literario galego no seu tempo.
-
11
"Doe reler o escintilante da súa poética porque foi unha voz que, se ben respectada e querida, non se coñeceu ben no seu momento"
Estíbaliz Espinosa analiza o recoñecemento que no seu tempo tivo a obra de Luísa Villalta, que xulga escaso: “Ela falou do silencio e da voz silenciada en moitas ocasións quizais porque existía unha relación estreita entre o silenciamento da cultura galega e o da súa propia obra. Doe reler o escintilante da súa poética porque foi unha voz que, se ben respectada e querida, non se coñeceu ben no seu momento, apenas foi traducida nin promocionada (...) Sosteño que Luísa, como Xela Arias, non foi recoñecida como merece porque ningunha das dúas foi moi lida polos seus”
-
12
"Os seus ensaios están moi por riba da media. E que dicir da súa narrativa, tan ignorada?”
O mesmo opina Pilar Pallarés, referíndose sobre todo á súa obra non poética: “Coido que era máis valorada por outros poetas que pola crítica. Os seus ensaios están moi por riba da media. E que dicir da súa narrativa, tan ignorada?”. Neste senso Ana Romaní engade unha apelación "urxente", a necesidade de "ler a Luísa Villalta"