Praza Pública

Unha ducia de futbolistas galeg@s de elite

Deportivo e Lugo enfróntase este sábado nun partido histórico. Non menos de dez futbolistas galegos poderán coincidir no céspede de Riazor, nunha época dourada para os xogadores autóctonos. Cun Celta cheo de canteiráns na elite e varios rapaces da terra na Primeira División e noutras ligas internacionais, Galicia volve agromar no balompé. Tamén no fútbol feminino, onde temos a nosa maior estrela. Velaí vai un equipo para unha hipotética selección galega, baseado naquel polo que apostaran os lectores de Praza.

  1. 01

    Diego López, un porteiro entre os máis grandes

    O gardameta de Paradela ocupa a portería do Madrid, tras relegar ao banco unha estrela como Casillas. En Primeira, Yoel crece día a día no Celta, mentres Rubén, Mariño ou Roberto destacan tamén nos seus equipos. Na Segunda, Dani Mallo e José Juan pelexan por un posto no Lugo.

     

  2. 02

    Hugo Mallo, un lateral de categoría

    O marinense Hugo Mallo sería o lateral dereito desta hipotética selección galega. Internacional en varias categorías coa selección española, Jonny é outro galego que pelexa por un posto con el no Celta. No Deportivo, Seoane tamén conta para Fernando Vázquez.

  3. 03

    Pablo Insua, un central de moito futuro

    Unha das mellores novas para o Deportivo deste ano é a confirmación entre a elite de moitos dos seus canteiráns. O central Pablo Insua é, sen dúbida, un dos líderes desta nova xeración criada en Abegondo na que tamén destaca Uxío, outro defensa galego que xa debutou como titular no equipo de Fernando Vázquez.

  4. 04

    Andrés Túñez, 'exiliado' no fútbol de Israel

    Internacional absoluto por Venezuela, o central deixou o Celta neste verán para marchar cedido ao Beitar de Xerusalén e logo de que Luis Enrique lle comunicase que non contaba con el. David Costas, outro canteirán do conxunto celeste, foi unha das novas apostas do técnico asturiano para completar a defensa.

  5. 05

    Roberto Lago, outro produto da canteira celeste

    Xogando agora no Getafe, Roberto Lago foi un dos futbolistas claves no ascenso en na permanencia do Celta na tempada pasado. Criado na Madroa, segue agora en Primeira no equipo madrileño. En Segunda, o ourensán Manu mantense como titular indiscutible no Lugo nas tres últimas tempadas.

  6. 06

    Oubiña, o temón do Celta

    Capitán e símbolo do Celta, leva anos liderando o mediocampo do Celta de Vigo, desde que debutara xa hai máis dunha década e logo de varias e importantes lesións. O seu posto, o de mediocentro defensivo, é un nos que Galicia pode presumir de ter máis recambios. Seoane no Lugo, Álex Bergantiños no Deportivo ou Fran Rico no Granada son outros dos expoñentes da canteira galega.

  7. 07

    Juan Domínguez, un mozo que exerce de líder

    O rapaz de Pontedeume segue a coller galóns nun Deportivo onde ninguén dubida que é el quen marca o ritmo do xogo. Debutante con Lotina en Primeira hai xa varios anos, en Segunda descóbrese como un dos futbolistas máis importantes da categoría. Trashorras, en Rayo e na elite, segue a dar leccións da súa clase, ao igual que Carlos Pita, o temón do gran Lugo.

  8. 08

    Álex López, un ferrolán todoterreo

    Poucos futbolistas máis destacados e con maior crecemento que este ferrolán que acumula goles nesta tempada co Celta. Sacrificado, de gran disparo e moi bo chegador, a súa evolución semella non ter teito. Rafinha, compañeiro seu no equipo vigués; Diego Castro, mediapunta do Getafe: ou o coruñés Juan Carlos son outros galegos que o poderían acompañar no mediocampo.

  9. 09

    Thiago Alcántara, un 'brasilego' no gran Bayern

    Fillo do ex céltico Mazinho e irmán do celtista Rafinha, criouse en Vigo e ben axiña marchou para a canteira do Barcelona, equipo onde logrou facerse un oco entre a constelación de estrelas que conformaban Iniesta ou Xavi. Decidiu cambiar de aires neste verán para acabar no Bayern de Múnic, posiblemente o mellor equipo do mundo na actualidade. Denís, outro vigués na canteira do Barça, albisca tamén o futuro ao que xa chegou Iván Pérez, un compostelán que destaca este ano no Lugo.

  10. 10

    Iago Aspas, ao asalto da 'Premier'

    Logo de se converter no grande ídolo do celtismo nas últimas tempadas, o dianteiro de Moaña decidiu facer as maletas para probar sorte nun dos equipos máis grandes e históricos do fútbol mundial. O nove do Liverpool leva xa varias semanas lesionado, pero aspira a facer carreira nunha das mellores ligas do mundo. No Deportivo, outro dianteiro da casa, Luís Fernández, intenta facerse  un nome na elite do fútbol.

  11. 11

    Rodrigo, unha estrela no Benfica

    De orixe brasileira e criado tamén en Vigo, destacou na canteira do Real Madrid e acabou no Benfica, onde vén de marcar un gol decisivo na Liga de Campións. Outro galego, o coruñés Lucas Pérez, destaca tamén fóra de España, no PAOK de Salónica grego, onde xa é unha das súas estrelas.

  12. 12

    Vero Boquete e o seu inigualable palmarés

    Se hai un futbolista que destaca en Galicia ese non é home. Verónica Boquete, capitana da selección española, considerada unha das mellores xogadoras do mundo e triunfando na liga sueca -unha das máis duras do planeta-, segue a acumular títulos. Vén de gañar o campionato de Suecia tras destacar nos Estados Unidos e en España. O seu vindeiro obxectivo, xogar o próximo Mundial.