Unha ducia de heroes e heroínas
Non levan disfrace e, as máis das veces, tampouco traxe e gravata para daren discursos grandilocuentes. Teñen moito mérito pero son humildes e adoitan fuxir dos focos. Ao longo do 2013 atopamos diversos exemplos de persoas cuxos actos cotiáns ben poderían ser considerados como heroicos.
- 01
A veciñanza de Angrois
Na noite do 24 de xullo, xusto tras o desafortunado descarrilamento do Alvia, a veciñanza desta parroquia compostelá botouse ás vías do tren para tentar salvar vidas e en moitos casos, conseguírono. O tren estragoulles o campo da festa e marcounos para sempre, pero converteunos en exemplo de civismo.
- 02
O persoal do ensino público
Imparten máis horas de clase por menos salario e asumen materias que non lles son propias. No caso do rural, enfróntanse ao peche de unidades e, en xeral, moito deste persoal docente busca fiestras para desenvolver o seu traballo con eficacia no medio do océano dos recortes e defender a escola pública. Tamén deron a batalla fronte á LOMCE mentres, dende San Caetano, se lles dedican eloxios e mostras de desconfianza.
- 03
O persoal sanitario
A loita do persoal da sanidade pública galega ficou resumida na folga dos primeiros días de decembro. Como os e as docentes, os traballadores e traballadoras do Servizo Galego de Saúde navegan tamén no medio do océano dos recortes e das carencias materiais. Segundo Feijóo, estes servizos teñen a mesma garantía de público "que a Catedral de Santiago". Agardemos que non sexa exactamente así.
- 04
As persoas sen ingresos
En apenas catro anos os fogares galegos nos que non entra ningún ingreso medraron un 63% e son xa máis de 30.000. Neste contexto, máis de 12.000 nenos e nenas viven nun núcleo familiar nos que ninguén pode desenvolver un traballo remunerado. Todas estas persoas dan un exemplo de supervivencia cotiá e de heroicidade fronte ás dificultades diarias, pero tamén fronte aos slogans da suposta "luz ao final do túnel".
- 05
As mulleres
Seguen obrigadas a percibir un salario medio un 23% inferior ao dos homes só por razón de xénero. Seguen a morrer vítimas da violencia machista contra a que agora se loita con menos recursos públicos. E seguen a enfrontarse a unha conxuntura política na que os gobernantes teiman en relegalas ao rol de esposa e nai.
- 06
A mocidade que sobrevive baixo mínimos
A xente nova é unha das principais vítimas das enormes cifras de desemprego e tamén da precariedade facilitada dende instancias oficiais. Moitos seguen a loitar por teren un futuro no país, pero moitos e moitas víronse xa obrigadas a colleren as maletas.
- 07
Coidadores e coidadoras
A poboación galega envellece sen cesar mentres esvae ante os seus ollos a lei que se presentou como esperanza para que non se pode valer por medios propios. As reformas gobernamentais poden provocar que máis da metade das persoas dependentes que reciben axudas queden sen elas e, neste contexto, as persoas coidadadoras -agora tamén sen axudas- adquiren de novo unha importancia capital.
- 08
Pensionistas
Son, cada vez máis, o sostén fundamental de moitos fogares. Se emigraron, agora enfróntanse a sancions que nin sabían que existían mentres sofren tamén novos repagamentos sanitarios e ven perigar o seu poder adquisitivo.
- 09
As persoas estafadas polas preferentes
Foron unhas das principais vítimas da codicia dos xestores das entidades financeiras e tamén da reestruturación do sector bancario. En Galicia teñen o rostro de persoas de avanzada idade que lles confiaron os seus aforros ás antigas caixas de aforro. Tiñan preferentes e non sabían o que eran, pero si souberon que se dispuñan a perder ata o 70% dos seus cartos. Agora, os novos xestores de Novagalicia Banco prometen solucionar o problema.
- 10
O persoal do naval
Están cheos de promesas pero faltos de traballo. No caso da ría de Vigo a compra de Barreras por parte de Pemex abriu algunha fiestra á esperanza dende a certeza de que o centro de decisión está xa na outra beira do Atlántico. Mentres, Ferrol clama pola súa supervivencia.
- 11
O mundo da cultura
Sinalado e recortado, o mundo da cultura galega sobrevive no medio da crise e "contra a mentira". Son protectores e protectoras dun legado cultural e dunha lingua propia mentres, nos ámbitos gobernamentais, o monstro do Gaiás segue a ser o principal centro de atención. Sen apoio oficial, o público é aínda máis fundamental.
- 12
Deportistas do país
Javier Gómez Noya, Antón Ruanova, Verónica Boquete... Son só tres nomes dunha constelación de deportistas que levan o nome de Galicia polo mundo lonxe da vontade de seren estrelas e do deporte convertido en negocio. Sen seleccións propias e coa proximidade dos gobernantes só en caso de triunfo, a súa é tamén unha heroicidade digna de mención.