Sara Torreiro

Unha ducia de independencias

O resultado das eleccións do domingo en Cataluña marcará, en boa medida, o vieiro das forzas soberanistas. A victoria que as enquisas lle dan a este polo, parece indicar que os cataláns se senten oprimidos polo Estado Español. Pero no noso día a día tamén hai unha morea de cousas das que, cada un, como suxeito oprimido, terá que independizarse algún día e tamén outro bo feixe de citas históricas que recordan ao proceso que están a pasar os nosos veciños.

  1. 01

    A da casa

    Cando te independizas do fogar de teu pai e túa nai descubres que había un proceso manual para que a túa roupa volvese limpa ao armario e que podes sobrevivir só a base de pasta con atún e latas de sardiñas. Ao final daste conta de que a vida na dictadura da casa tampouco estaba tan mal...

  2. 02

    A de Sudán do Sur

    Foi o último país do mundo que se independizou dos seus veciños do norte, no 2011. Dous anos despois sumíronse nunha Guerra Civil que continúa entre as súas dúas principais etnias: os dinkas e os nuer.

  3. 03

    A da vida de parella

    Cando cambias de estado civil e volves estar solteira ou solteiro súmeste nun mundo de resacas e esmorgas que tiñas esquecido desde os vinte. Derivado do teu desorde vital, na túa casa nunca hai auga e rematas tomando esa noxenta auga da billa para todos os días nos que pola mañá te prometes non volver beber. Logo chega a época na que te preguntas que demo estás facendo coa túa vida e na que tanta festa empeza a cansarte e volves ser unha persoa de ben.

  4. 04

    As dos 90

    Os primeiros anos desta década foron pródigos no nacemento de novos países. O desmembramento da URSS e de Iugoslavia fixeron que aparecesen países por todos lados. E con iso rematábase aquela marabilla de URSS capital Moscova e ter medio mapamundi aprendido. Así, en marzo e maio de 1990 independizáronse Lituania e Letonia respectivamente. Seguiron a súa estela no 1991 Xeorxia, Eslovenia, Croacia, Estonia, Ucraína, Bielorrusia, Moldavia, Kirguistán, Uzbekistán, Macedonia, Taxikistán, Armenia, Azerbaixán, Turkmenistán, Kazaxistán, no 1992 Bosnia e Herzegovina e no 1993, Eslovaquia. Volvan ler a lista, cantas capitais saben?

  5. 05

    A da hipoteca

    Tras vinte ou trinta anos chega unha das mellores independencias da túa vida. Rematou o suor frío cada vez que sube o Euríbor. E a túa casa xa é túa. E ademais é unha independencia dobre: da hipoteca e do banco. 

  6. 06

    A dos cravos

    Non foi unha independencia territorial pero si popular da ditadura salazarista, a máis lonxeva de Europa. A revolución comezou en Portugal no 1974, ás once menos cinco minutos da noite do 24 de abril cando o xornalista João Paulo Diniz transmitiu a coñecida canción "E depois do Adeus", de Paulo de Carvalho, na radio Emissores Associados de Lisboa. O 25 de abril, ás 0:25 horas, a Rádio Renascença transmite Grândola Vila Morena, unha canción revolucionaria do Zeca Afonso, prohibida polo réxime. Esa era a segunda sinal pactada para ocupar os puntos estratéxicos do país.

    Celeste Caeiro foi a primeira muller que lle deu un caravel a un soldado porque, segun ela "non tiña outra cousa". Horas máis tarde, todas as floristeiras traballaban para que a ninguén lle faltase un, convertendoos, así, nunha icona de liberdade. 

  7. 07

    A da permanencia

    Cando non tes que pagarlle unha penalización á túa compañía para que deixen de chucharche (voluntariamente) sangue (e cartos) sínteste xenial. Logo pasas a ter unha nova opresora (compañía telefónica) á que te vendes polo último modelo de Iphone.

  8. 08

    A de México

    Foi unha desas polas cales no Imperio Español deixou nacer e poñerse o sol e puxo fin ao dominio español nos territorios de Nova España. O seu antecedente foi a invasión de Francia a España no 1808 e extendeuse desde o Grito de Dolores, o 16 de setembro de 1810 ata a entrada do Exército Trigarante á Cidade de México, o 27 e setembro de 1821.

    A independencia neste contexto está en relación co marco da Ilustración e as revolucións liberais do XVIII.

  9. 09

    A do whatsapp

    Cando quedas horas (ou días) sen cobertura ou se che estropea o móbil independízaste temporalmente do whatsapp e ninguén che botará en cara eses dous acusadores tics azuis aos que non contestaches. Logo, cando todo volve á normalidade recibes, así de golpe, cincocentas mensaxes de outros tantos contactos. E só podes pensar: Deixádeme viviiiiiiir!!!!!.

  10. 10

    A da moda

    Non hai tiranía como a das tendencias. Esta tempada cadros, a outra pantalóns de campá, na seguinte pitillos, esta cuñas, a próxima rizos, na que vén liso... E así ad aeternum. Hai quen se independiza delas e vai ao seu aire (e seguramente vive máis tranquilo e cómodo).

  11. 11

    A galega

    A primeira República Galega independente da española foi no transcurso do 27 de xuño de 1931. Non durou moito, só unhas horas. Pero xa saben: o bo, se breve, dúas veces bo. Activistas composteláns como Pedro Campos Couceiro ou Alonso Ríos declararon que a solución para os problemas de Galiza non era integrarse na II República Española, senón crear a I República Galega. Precisamente, Alonso Ríos foi nomeado presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega.

  12. 12

    A catalá?

    Este domingo despexaranse incógnitas ao redor desta última independencia. Que resultados terán as forzas soberanistas? Abondarán para seguir dando pasos na independencia? Teremos respostas proximamente.