Unha ducia de ingredientes dunhas festas patronais
A Ascensión, en Compostela, pode ser considerada o punto de inicio dun longo ciclo de festas que se estende ata o San Froilán de Lugo, xa no outono. Polo medio hai multitude de festas, dende as máis anticuadas ata as máis modernas, dende as máis exóticas ás máis achegadas á tradición do país. En moitas delas os concellos e comisións instalan un recinto feiral no que non adoitan faltar algúns destes ingredientes.
-
01
Algodón de azucre
Son pequenos postos nos que un artiluxio xira sen parar para dar lugar a esas nubes rosas tan atractivas como pegañentas. Hainas doutras cores, pero iso xa é cousa da modernidade.
-
02
Os churros
Antes abondaban 100 pesetas para saciar o gusto dos churros. Agora cómpren cando menos dous euros para ter unha cantidade minimamente aceptable. Sexa na primavera ou en pleno verán, churros son sinónimo de festa e de graxiña a caer pola bolsa de papel.
-
03
A noria xigante
Dende hai anos, unha habitual das principais festas patronais do país e mirador privilexiado das cidades nas que se instala. Mesmo chegou a ser escenario de curiosas fotos electorais.
-
04
O Scaléxtric
Tamén chamada Autopista peaje, en función do seu propietario. Son eses vehículos minúsculos que ao xeito do xoguete, percorren un camiño marcado ad infinitum, xeralmente subindo por un paso elevado e volvéndoo baixar. Non apto para maiores de oito anos.
-
05
Os cabaliños
Tamén coñecido como tiovivo, os cabaliños ou caballitos foron quen de aplicar o poder da metonimia para, nalgúns lugares, servir para nomear todos os aparellos da feira. Poden ir sós ou escoltados por outros vehículos.
-
06
O polbo
A mellor herdanza das feiras de verdade e, posiblemente, o ingrediente máis transversal das festas, dende as parroquias máis pequenas ata as cidades. Hai quen di que no interior sabe mellor, pero non imos alimentar o debate...
-
07
Os viños de Aragón
Son varias décadas as que os maniquíes maños levan xirando por múltiples festas galegas sen que, cando menos polo momento, desen rematado de pisar a uva. O produto ten un aquel a medio camiño entre o viño do Porto e o viño de misa.
-
08
A carreira de camelos
Os e as participantes guindan as bólas aos buraquiños; canto máis arriba cheguen, máis avanza o camelo. A carreira desenvólvese entre senlleirísimas rimas lanzadas polo señor da tómbola. Tremendo invento.
-
09
Os coches de choque
O tempo e o espazo pararon nos coches de choque. Nas últimas décadas pouca cousa cambiou alí, agás os prezos. Musiquiña de factura electrónica, personaxes inconfundibles e mestres da condución conviven con gloria ou mágoa, segundo as circunstancias.
-
10
As cadeas
Hai quen tamén as chama "cadeiras voadoras". Anexas a un tiovivo ou independentes, son esas cadeiras que dan voltas e se elevan no aire a grande velocidade provocando mareo e diversión a partes iguais.
-
11
As alboradas
Foguetes a primeira hora da mañá para espertar a parroquia, a vila ou a cidade. Xusto a continuación, a música das gaitas anuncia que é día de festa.
-
12
As orquestras
Hai quen as idolatra e hai quen as aborrece. Hai quen é da Paris de Noia e hai quen é da Panorama, sen cambio posible. Hai tempo que as de maior dimensión tornaron en auténticos espectáculos masivos e multimedia con verdadeiras lexións de fans.