Unha ducia de lembranzas sobre Vidal Bolaño
Seis actrices. Seis actores. Así está conformado o elenco desta escena bolañesa que se representa este venres nesta Praza-escenario. Uns destellos, uns simple trazos e un feixe de anécdotas para lembrar unha vez máis neste 2013 a dimensión artística e persoal dun referente para toda a profesión. Dende Dorotea Bárcena a Luís Iglesia, pasando por Ruben Ruibal, Belén Constenla, Morris ou Evaristo Calvo. Todos eles lembran o Roberto director, o Roberto camarada ou, en palabras de Pilar Pereira, o Roberto “xenio”
-
01
DOROTEA BÁRCENA
“Con el perdeuse, mentres non se demostre o contrario, o gran dramaturgo de Galicia. O mellor autor de teatro de noso. Marchou moi novo e perdemos unha grandísima cantidade de historias que marcharon con el e que nunca nos contou. Foi unha perda, un roubo para o noso teatro perdelo tan pronto. Era un gran amigo meu e lembro os aspectos daquel Roberto juerguista, daquel Roberto dramaturgo. Lembro cando tiveramos ese enfrontamento tremendo co conselleiro Portomeñe. Eu estaba dirixindo no CDG e, por decreto, ese conselleiro tachouno, dicía que non podía traballar. Borrouno simplemente. Moito loitamos xuntos para que nunca máis pasaran esas cousas”
-
02
LUÍS IGLESIA
“Cando era novo, e ser novo implica moitas veces ser algo parvo, pensei que podía escribir teatro. E ía ao teatro cuns amigos moitas veces e, nunha ocasión fun ver unha obra coa que pensaba que tiña moitas cousas en comúns coa que estaba escribindo eu. Esa obra era Agasallo de sombras e non tardei en decatarme de que para escribir cousas así non valía eu nin valía calquera. Anos despois, tropecei co seu director, con Roberto Vidal Bolaño e foi el quen me foi metendo na dobraxe e no teatro. E en todo o tempo que traballei con el nunca cambiou nada a fonda admiración que espertaba en min”.
-
03
MÓNICA CAMAÑO
As xornadas de ensaio con RVB eran longas, para quen quixer, porque se ben o traballo na escena era organizado e remataba coa tardiña, tiñan continuidade nas cervexas do faladoiro literario-histórico-político ata entrada a noite de Doentes. E na sombra daquel grupo de traballo, escorrentaba os medos da esixencia que Roberto me impuña na escena. Unha vez delatoume un meu mozo, nos tempos da Urraca do Xelmírez: “Sei cando lle toca ensaiar a escena porque nin come”. E Bolaño retoume a convidalo a comer cando cociñase polbo ao xeito que me aprendera miña nai. Cataba a cada quen e cantábachas, pero esixía sen te anular. Animaliños, o último proceso de ensaios, foi un gozo para os tres “animaliños”: parecía traballar para nós, e estaba a construír o seu texto máis complexo. En agosto do 2002, Teatro do Aquí fora convidado á Feira de Ciudad Rodrigo e houbo que traducir o espectáculo: a min preocupábame a tradución da “dos ascensores” que traballaramos co seseo e gheada de Cangas e faleille a Roberto se facelo con acento arxentino, ou andaluz... el respondeu que o fixera como falaría a de Cangas en español, rematando cun rotundo “Que aprendan idiomas!”
-
04
RUBÉN RUIBAL
“A min gústame moito aquilo que tanto repetía de que el facía teatro para os que non ían. Creo que nunca entendín moi ben o que realmente quería dicir de entre as moitas cousas que poden entenderse, pero cada vez sospeito con máis datos que levaba razón: seguimos facendo teatro para os que non veñen. Creo que non debería dicilo precisamente nun medio como este, porque se me van botar os lectores enriba;, ou precisamente si, se cadra este é un dos medios máis axeitados para dar aquela mensaxe de Roberto: levamos décadas facendo teatro no que se cumpren desexos de xente que parece que non quere velos cumpridos; levamos décadas facendo teatro para vós, os que non vides. Tamén me gusta recordar, por levar a contraria e falar mal del, unha anécdota dun acto en Santa Isabel no que lle botaron a bronca por non poñerse en pé cando soou o himno galego (e esta non ten nada que ver coa anterior, falo completamente en serio).
Ou que era un tipo tan raro o Roberto, tiña tanto admiración polo xénero humano, que ás veces se pensaba que todos os que traballabamos con el podiamos ter as capacidades, interpretativas por exemplo, que el tiña; e claro, case nunca era así. Polo que supoño que baixaba da nube amorosa e traballaba nese outro terro no que se defendía tan ben que é o da crítica.
E xa para rematar, como unha soa anécdota non dá para nada, teño que recoñecer que admiro especialmente na obra de Roberto o seu carácter todo-terreo. No tempo que eu traballei con el fixo farsa, desgracia, traxedia, comedia, esperpento, algo de teatro infantil aínda que dicía que "ninguén fai catedrais para nenos", teatro histórico, westerns... Gústame moito aquela cita súa dunha entrevista nos anos 80 na revista Público na que dicía que perseguía sentirse incómodo no traballo, que buscaba non repetirse se non tentar atravesar espazos e retos que lle fixesen repetirse esas mesmas preguntas para as que non temos resposta ou temos miles. Claro que el o dicía moito mellor e non sei onde metín ese texto”
-
05
BELÉN CONSTENLA
“A primeira vez que vin a Roberto, eu aínda non me dedicaba ao teatro. Mais, dende pequena era espectadora e teatral. E fun ver ao Liceo de Ourense o seu Laudamuco. Impresionoume. A segunda foi un tempo despois, no café Derbi de Compostela... Eu non podía deixar de observar a mesa onde estaba sentado con outros compañeiros. Falaban en alto e rían. Eu admirábaos e sentíaos inalcanzables. Anos despois, eu andaba xa vivino en Santiago e traballaba na miña segunda obra como profesional. Unha noite, no Maycar, foi el quen se achegou e falou comigo por vez primeira. “Es boa, rapaza! Un día traballaremos xuntos!” Traballar con Roberto e coñecelo significou a certeza de que alcanzara un soño: ser actriz e pertencer ao teatro. Pola súa presenza, as súas palabras, o seu dicir, o seu riso, a súa ironía, vehemencia, xenerosidade, compañeirismo, o seu compromiso, a súa liberdade... Por todo iso, Roberto é teatro!”
-
06
XÚLIO LAGO
"Noutros tempos, cando eramos máis novos, en Compostela, os da tropa do teatro tiñamos sona de ser xente moi mal levada, de estar en bronca constante. Non era certo, mais esa era imaxe que de nós transcendía polo hábito que tiñamos de discutir do divino e do humano. Un dos meirandes discutidores era Roberto e a súa voz manifestábase das máis poderosas, tanto polo poder con que a natureza dotou a súa gorxa como pola firmeza conque sempre defendía as súas opinións, e supoño que non sempre crería estar no certo, pero manifestábase como se tal; había naquelas sesións case diarias, como un exercicio para mover ideas, pensamentos, opinións, que en moitos casos tan só durarían a noite na que tiñan lugar.
Na discusión atopaba Roberto ese marco no que mover as ideas. E as veces, probablemente sen ser consciente, defendía o contrario do que días semanas atrás. Eu, escoitándoo, descubrinme ás veces mudando tamén de opinión. O mesmo que ás veces me sucede cos filmes con xuízos: ora acredito no fiscal, ora na defensa, ora no fiscal, ora na defensa. Roberto, como home de teatro , ben podía facer hoxe de fiscal e mañá de avogado defensor. E convencerme. O un e tamén o outro"
-
07
PATRICIA DE LORENZO
“Cando fixemos Rastros, lembro que había moitísimos cambios de vestiario. Eran uns 23 e algúns rapidísimos. Entón, detrás do escenario, axudábame Belén Quintáns. Por iso, ela nunca puido ver a obra completa dende o patio de butacas. Un día, non estaba Belén no seu sitio e estaba Roberto. Díxome que ese día o facía el, que sen problema. Eu negueime, non me fiaba dos seus dedos nin da súa velocidade. Son cambios moi rápidos e con Belén estaba todo ensaiado. Así que Roberto, que non debería estar moi convencido, aceptou que me negara e Belén axudoume co vestiario. Nunca viu a obra completa a pobre. E tamén lembro que, daquela, unhas das escenas ía vestida de noiva. E Roberto dixo: “Ponte aí, que che vou sacar unha foto de noiva para a túa nai”. E fíxoo e esa foto está a día de hoxe na casa de meus pais, xunto as fotos de voda dos meus irmáns”
-
08
EVARISTO CALVO
“Roberto era unha persoa de magnífica calidade humana, moi respectuosa, cun gusto moi amplo no teatro e no cine. Lembra que fixeramos xuntos unha xira por España adiante e eu tiña información privilexiada a nivel gastronómico, porque eu xa fixera unha xira semellante con Ollomoltranvía e sabía ben onde se podía comer. Despois, cando el ía con outras xiras, sempre collía o teléfono e chamábame e dicíame: “Evaristo! Estamos en tal pueblo de Castela, onde carallo se come ben aquí?”. E utilizábame como unha especie de guía Michelín con pernas. E facíame moita graza e ilusión que me chamase por iso. “É que Evaristo sabe comer de carallo”, dicía. Pero agora xa non tanto, xa perdín un pouco de sibaritismo”
-
09
PILAR PEREIRA
“No ano 82 fixeran en Madrid o intento de facer unha semana cultural con xente de Galicia. Fora na Casa de Campo e fixeran un espectáculo. A min chamáranme para facer uns recitados e por alí apareceu Roberto Vidal Bolaño e tamén Rodolfo López Veiga. Eu preguntáralles que tal todo por Galicia, que novidades había e eles estaban preocupados por dicirme algo en concreto. E chegaron a confesarme que o meu marido se divorciara de min. Eu alegreime, aplaudín, que el pagara o divorcio e todo. Con Roberto cheguei a traballar moito xuntos e os dous tiñamos un carácter forte e discutiamos moito. E eu sempre teño un punto crítico e a el comentáralle que escribía demasiado rápido. Tiña a necesidade de facer unha obra ao ano e eu penso que, se se tomara as cousas con máis calma, todas as súas obras serían posiblemente como Días sen gloria, que me parece un texto perfecto e redondo. Ás veces penso que fallaba niso e dicíallo, pero en calquera xeito era un xenio con moito que contar”.
-
10
VÍCTOR MOSQUEIRA
“A primeira vez que currei no CDG fora en Espectros, dirixido por Manuel Lourenzo e Roberto era actor e iluminador. E lémbrome cando estabamos por eses tempos con Roberto e García Marcos, Santi Prego e mais eu. E nolos dous sempre andabamos con Stanislavski por aquí e por alá. Até que un día Roberto díxonos: “Deixádevos de Stanislavkis e parvadas e tomade isto”. E deunos esa bebida infame que tomaba sempre, que era creo lembrar xenebra con kas de laranxa. E dende aquela bautizamos esa bebida con ese nome, era un Stanislavski. Outra cousa que recordo así agora foi cando el codirixira a primeira Salomé xunto a Eastman, eu ía facer un papel, pero ao final non foi para min. E Roberto dicíame despois: “Eu a ti déboche unha. Déboche unha”. E marchou sen pagar esa débeda.
-
11
MORRIS
“Cando ensaiabamos Saxo Tenor, Vidal Bolaño facía do pai da protagonista. Pero despois, saíulle un programa na TVG ou na TVE, non lembro, que era unha especie dun país na mochila con Alfredo Conde. Non lembro moi ben. Daquela el marchou e substituíno Vicente Montoto. E notabamos unha cousa que cambiara por completo: a forma que tiña ese personaxe de chamar pola filla. Roberto facía un sonoro “LO-LA”, acentuando e poñendo toda a forza no “LA”. E estabamos afeitos a iso. Cando chegou Vicente, comezaba a berrar ese nome normal e a nós dábanos a risa e chamabámoslle a atención en broma. Diciámoslle: Vicente, non tes nin idea, aquí Lola dise doutro xeito, como fai Roberto”.
-
12
ANABELL GAGO
“Cando representabamos O desengano do prioiro, alá por 1997, actuamos en Vigo, no García Barbón. E sufrimos un prexuízo que, por desgraza dá a impresión de que regresa. Como eramos unha compañía galega, o teatro non nos permitía ir á sala de arriba, metíanos na de abaixo. E o espazo que había era moi pequeno para unha montaxe como aquela, que eramos moitos actores e con moita escenografía. Tropezabamos e dificultábase a obra. Por iso, ao comezo, Roberto saíu a falar co público e explicoulle o que acontecía. Díxolles que o que ían ver non era a montaxe que tiña que ser nin na que preparara a compañía. O público revolucionouse, todos puxeron reclamacións e montouse un bo cristo. Apoiaron un xesto de Roberto que serviu para eliminar ese prexuízo. Era un home comprometido que non se cortaba cando tiña que dicir as cousas claras”