Unha ducia de libros que chegan coa primavera
Coa primavera os libros volven á rúa. As feiras do libro xa comezaron o seu percorrido anual e as actividades para celebrar a lectura multiplícanse nestas datas. Seleccionamos algunhas das últimas publicacións das editoriais galegas, que darán moito para falar nos vindeiros meses.
-
01
'Como escorrentar un lobo', de Antonio M. Fraga
Antonio M. Fraga tira da fantasía para mostrar a crúa realidade de quen agarda un tráxico destino. Unha historia na que a bondade da protagonista, Noncia, guía unha aventura en primeira persoa na Polonia ocupada polos nazis dos anos corenta do século pasado. Publicado por Cuarto de Invernocomo parte do seu catálogo de literatura xuvenil, conta coas ilustracións de María Brenn.
-
02
'Trans0', de Branca Trigo
Unha noite de eclipse parcial, milleiros de persoas teñen o mesmo soño ao redor do mundo. Actívanse o pánico, a adoración e a dúbida. Branca Trigo publica en Malafera Trans0, que é en realidade o seu traballo final de grao, pero escrito dunha maneira non-normativa e completamente en verso. Un texto que aborda en parte a teoría queer e que xoga cos xéneros desde a escrita.
-
03
'O señor H', de Rosendo Cid
O señor H é mudo como a letra que o define, aínda que ninguén sabe se o é por nacemento ou por algunha decisión tomada nalgún momento da súa vida. Existen rumores que alimentan esta segunda teoría, sen dúbida máis atractiva, máis literaria se cadra. Viría dicir que por un escuro motivo –do que se barallan diversas causas– se impuxo a si mesmo un código de conduta que segue con rigorosidade. Sexa como for, nunca se lle oíu dicir unha palabra. Rodolfo e Priscila publica este libro do artista ourensán Rosendo Cid.
-
04
'Pel de cordeiro', de Ledicia Costas
Mariña presentía que ía morrer. Sucedería mentres lle extirpaban de dentro a criatura que estaba condenada a parir. Así comeza Pel de cordeiro, a nova novela de Ledicia Costas, moi agardada por todas as súas lectoras e lectores, a quen permitiu que a acompañaran no proceso de escrita que foi compartindo nun imperdible fío de X (antes Twitter). Estes primeiros días de maio chega ás librarías da man de Xerais e contará con presentación nas vilas e cidades do país ao longo dos vindeiros meses. “É probable que sexa a novela que mellor me describe”, asegura a escritora viguesa.
-
05
'As Jermanie', de María Alonso Seisdedos
A filóloga e tradutora premiada María Alonso Seisdedos debuta na narrativa coa novela As Jermaine, que vén de publicar a editorial Galaxia. As irmás Jermaine son cinco, non catro como se pode ver na foto de 1949 que ilustra a capa do libro. A súa existencia, que chegou á autora por casualidade, sérvelle para despregar unha historia “inverosímil e real a partes iguais”.
-
06
'A teta sobre o sol', de Olga Novo
Todo se distorsiona nos ollos que miran pero non ven e nas palabras que xulgan pero non crean. O primeiro poemario de Olga Novo, A teta sobre o sol, foi publicado inicialmente en 1996 por Edicións do Dragón, e agora regresa ás librarías nunha nova edición de Xerais. Gran oportunidade para redescubrir estes poemas iniciais dunha das poetas galegas máis destacadas de todos os tempos, Premio Nacional de Poesía en 2020 con Feliz Idade, entre outros recoñecementos.
-
07
'Un ruído provocado(r)', coordinado por Montse Pena Presas e Mercedes Queixas Zas
Marta Dacosta, Francisco Fernández Naval, Alexandrina Fernández Otero, Carmen Fernández Pérez-Sanjulián, Rosalía Fernández Rial, Maribel Longueira, Antía Otero, Roberto Pascual, Montse Pena Presas, Ana Pillado, Susana Sanches Arins e Cesáreo Sánchez Iglesias achegan a figura da artista Luísa Villalta, homenaxeada pola Academia Galega no Día das Letras deste ano. Laioventopublica este volume coordinado por Montse Pena Presas e Mercedes Queixas Zas que busca facer pensar sobre Villalta e todas as súas manifestacións artísticas.
-
08
'Os Malagana', de Giovanni Verga
Os Malagana, de Giovanni Verga, publicada no ano 1881, foi o cumio da carreira novelística do autor de Catania (Italia) e serviu de inspiración para a película de Luchino Visconti La terra trema(1948). Considerada a obra mestra de Verga, narra a historia de varias xeracións dunha familia de pescadores sicilianos que loita por manterse e medrar na súa vila. É a publicación máis recente da editorial Irmás Cartoné, con tradución de María Alonso Seisdedos.
-
09
'Osa', de José Ramón Alonso e Lucía Cobo
Kalandraka publica en galego o álbum ilustrado Osa, un relato sobre a maternidade escrito por José Ramón Alonso, coas ilustracións de Lucía Cobo e traducido por Manuela Rodríguez. Osa está soa e coa chegada do inverno busca un lugar para durmir. Unha mañá, a luz inunda o seu agocho, a súa tripa axítase e non é de fame. Un libro pensado para lectoras e lectores a partir dos cinco anos.
-
10
'Un anarquista', de Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras recupera o caso Scala, o incendio nunha sala de festas de Barcelona en plena Transición que foi vinculado pola Dirección General de Seguridad coa CNT. Unha desas historias ligadas coas ‘cloacas do Estado’ que o escritor e xornalista leva á ficción en Un anarquista, unha novela breve de lectura intensa, editada pola editorial Xerais.
-
11
'Lady Susan', de Jane Austen
Lady Susan publicouse máis de medio século despois do falecemento da súa autora, a célebre Jane Austen, que presenta unha novela epistolar na que se pode seguir a historia de como unha viúva busca un novo marido para ela ou un matrimonio para a súa filla desde diferentes puntos de vista. A novela publicouse orixinariamente en 1871, mais é probable que a súa escrita date de finais do século XVIII. Alejandro Tobar lévaa do inglés ao galego na edición de Hugin e Munin, que chegan ás cen publicacións con este libro.
-
12
'Gravidade cero', de Rena Ortega
A catalá afincada en Galicia Rena Ortega amplía a súa colleita de libros divulgativos e informativos na editorial Cumio con este Gravidade cero, un volume no que achega as particularidades do Sistema Solar para persoas a partir dos seis anos, a través de centos de ilustracións. Este libro recolle todo o imprescindible relacionado coa exploración espacial e o seu futuro, aseguran desde a editora.