Unha ducia de libros que arrecenden a mar
Achégase a fin do verán e das vacacións. Aquí propoñemos unha ducia de lecturas que nos conectan cun protagonista indiscutible da paisaxe galega: o mar. Presente na literatura galega xa nas cantigas de Martín Códax –Ondas do mar de Vigo, / se vistes meu amigo?–, o mar serve de pano de fondo, de compañeiro, de espazo para a calma, de lugar de traballo, de camiño que percorrer ou incluso de protagonista supremo para moitas das historias que se contan na nosa lingua.
-
01
'Mar adiante', de María Victoria Moreno
Publicada inicialmente no ano 1973, Mar adiante (Xerais) é a primeira novela en lingua galega de María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras de 2018. A novela, editada coas ilustracións de Manuel Uhía, conta a historia dun barco-escola, o Arroás, no que os rapaces aprenden falando co capitán, observando as estrelas ou xogando na borda. No barco-escola cóntanse contos, cántanse cancións e apréndese a predicir o tempo.
-
02
'Man de Camelle', de Carmen Hermo
En Man de Camelle, editado por Kalandraka, a artista plástica Carmen Hermo homenaxea a Manfred Gnädinger a través dunhas ilustracións a lapis que rescatan o patrimonio do alemán de Camelle, que pasou os seus últimos anos nesta punta da Costa da Morte mimetizándose co Atlántico.
-
03
'De catro a catro', de Manuel Antonio
Inventaremos frustradas descobertas
a barlovento d′os horizontes
para acelerar os abolidos corazóns
d′os nosos veleiros defraudados
Manuel Antonio escribiu este De catro a catro a bordo do pailebote Constantino Candeira entre 1926 e 1927 nun caderno contable. A colección Rescate de Alvarellos Editora en coedición co Consorcio de Santiago reproduce nunha edición facsimilar as características do manuscrito orixinal, co que o editor Ánxel Casal traballou para sacar do prelo a primeira publicación destes poemas en marzo de 1928.
-
04
'Veu visitarme o mar', de Rosa Aneiros
Premio Losada Diéguez de Creación Literaria en 2005, Veu visitarme o mar (Xerais), de Rosa Aneiros,conta a historia de Alba, unha bióloga que revive as lembranzas da catástrofe do Mar Exeo cando ve que a historia se vai repetir co Prestige: ″É a noite do 12 de novembro de 2002; e mentres as dúbidas e o seu enzoufado estado de ánimo a consomen por dentro, unha marea negra empeza a camiñar a grandes alancadas pola superficie do mar″.
-
05
'Os fillos da fame', de Ismael Ramos
Chego no barco. Parece que rompésemos o coiro da auga.
Unha ferida de escamas que se pecha tras de nós. Así é o monstro.
Os fillos da fame (Xerais) é o segundo poemario publicado por Ismael Ramos, con el obtivo o XVIII Premio Johán Carballeira de Poesía en 2015. Nais, pais, fillos, mariñeiros, feridas, sorrisos. A vida. Todo isto atopamos nos poemas do poeta da Picota (Mazaricos).
-
06
'Balea', de Federico Fernández
Balea é un gran mural a dobre cara, pregado como un acordeón, e con forma de libro. Federico Fernández e Germán González idearon este artefacto editado por Kalandraka que nos permite introducirnos no interior dunha gran balea metálica que se atopa no fondo do mar. No seu interior, multitude de seres vivos agardan para inventar con eles toda clase de historias.
-
07
'Aquí comeza o mar', de Blanca Riestra
Blanca Riestra recibiu en 2021 o Premio Blanco-Amor coa novela Aquí comeza o mar, editada por Galaxia. A autora definiu o libro como unha "reflexión propia sobre a evolución dunha xeración, do meu entorno, tamén de xénero, dun país e dunha lingua que é un luxo e un privilexio". É unha sorte de retrato da Coruña na década dos oitenta a través dunha crónica de sociedade con protagonistas que moitos lembrarán.
-
08
'Poemar o mar', de Antonio García Teijeiro
Unha serea poeta
aló, no fondo do mar,
fai cantigas coas cunchas
que ninguén sabe cantar.
Antonio García Teijeiro recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2017 polo seu libro Poemar o mar, editado por Xerais. Este poemario, que forma parte dunha triloxía con En la cuna del mar ePalabras do mar, conta coas ilustracións de Xan López Domínguez.
-
09
'Contos do mar de Irlanda', de Xurxo Souto
Medre o mar! Así comezaría Xurxo Souto a falar deste libro, Contos do mar de Irlanda (Xerais), no que se achega ao día a día dos mariñeiros para trasladar aos que quedamos en terra algunhas desas historias que todos os que van o mar escoitaron nalgunha ocasión. Estes contos levaron o Premio Irmandade do Libro ao Libro do Ano 2014.
-
10
'Fina a pirata', de Helena Villar Janeiro
Helena Villar Janeiro asina esta agarimosa historia dunha nena dos Ancares cuns atributos e uns amigos moi especiais. Fina a pirata, editado por Galaxia coas ilustracións de Abi Castillo, transcorre un pouco lonxe do mar, pero como se di neste conto: ″Algunhas veces o mar pode ser de mentira″.
-
11
'O último barco', de Domingo Villar
Domingo Villar deixounos nos seus libros unha homenaxe á cidade de Vigo e comarca, e mais á ría viguesa. Na súa triloxía de novela negra, desde Ollos de auga, pasando por A praia dos afogados, ata O último barco (todos eles editados en galego por Galaxia) o inspector Leo Caldas asiste a unha serie de acontecementos que non deixan de vinculalo co mar, ao que tamén acode nos momentos de reflexión.
-
12
'Os fillos do mar', de Pedro Feijoo
Nun pazo xunto á praia de Canido, en Vigo, comeza Os fillos do mar (Xerais), de Pedro Feijoo. Unha novela que vai atrapando ao lector para levalo polo Vigo da actualidade e cara a atrás no tempo ata a mesma Batalla de Rande de 1702. Con esta novela o autor vigués acadou o premio literario ''Arcebispo Juan de San Clemente'' e o premio Frei Martín Sarmiento. A historia destes personaxes continúa en Os fillos do lume, que se publicou cinco anos despois, en 2017, tamén pola editorial Xerais.