Marcos Pérez Pena

Unha ducia de lugares que visitar se non hai praia

Cantas veces fuches á praia este verán? En xuño a calor non se decidiu a chegar, e xullo vai polo mesmo camiño. Pero en Galicia pódense facer moitas cousas aínda que non faga sol, pódense visitar moitos lugares mesmo se non hai opción de pisar a area. Na costa, e tamén no interior, que no verán tamén existe, non vai ser todo praia, praia, praia..Ofrecémosche doce propostas para saír da casa esta fin de semana e gozar da natureza.

  1. 01

    Muiño de Marea do Pozo do Cachón

    O muiño de marea do Pozo do Cachón, en Muros, foi construído no primeiro cuarto do siglo XIX e rehabilitado en 1990. É un dos meirandes deste tipo que se conservan en toda a península. A visita a Muros, sempre recomendable, pode completarse seguindo pola costa cara ao norte, pasando por Louro, Carnota e Lira, até chegar á fervenza e o mirador do Ézaro e as abas do Monte Pindo.

  2. 02

    Monte da Peneda, Redondela

    Un lugar singular e pouco coñecido para as persoas que non son da comarca, pero que ofrece unhas vistas excepcionais da Ría de Vigo e ademais permite ver unha fermosa capela e os restos dun castelo. Ademais, consérvase un túnel, que atravesa a montaña e que se cre que é unha antiga mina romana. Máis información, no blog turismoenxebre

  3. 03

    Illa de San Simón

    Baixando dende o monte, pódese aproveitar para visitar a Illa de San Simón, que mantén un encanto enigmático, que procede non só da súa localización, aberta cara a Ponte de Rande, senón pola súa historia, de leprosería e hospital para as corentenas dos barcos que chegaban a Vigo até a cadea e campo de concentración franquista. Un bo plan para calquera sábado.

  4. 04

    Pozas da Chavasqueira

    Os ourensáns levan toda a vida sen praia e non lles vai tan mal. Entre outras cousas por lugares coma as pozas da Chavasqueira. Tamén son coñecidas coma Caldas do Bispo, pois foi un bispo (que sempre souberon vivir moi ben) quen as mandou acondicionar. Tanto o día coma os seráns ou a noite son ideas para probar os 43 graos de temperatura das súas augas.

  5. 05

    Parque do Pasatempo

    En Betanzos está o Parque do Pasatempo, un espazo único no mundo, construído polos irmáns García Naveira, que ao volver á súa vila despois de anos en América, non só se dedicaron a construír escolas, senón que quixeron realizar unha grande obra para que os seus veciños contemplasen as marabillas do mundo e da ciencia. 

  6. 06

    Rota dos Muíños do Folón e do Picón

    Os muíños dos ríos Folón e Picón, no Rosal, foron declarados hai un tempo Ben de Interese Cultural, e sorprende como foron construídos, e como se manteñen na abrupta pendente da montaña. Pero como en case todo, o máis bonito é o camiño que leva a eles, unha rota que se fai en hora e media e que permite gozar dunhas fantásticas vistas. Iso si, este verán víronse cercados polo lume, aínda que ningunha das 67 construcións foi directamente afectadas.

  7. 07

    Ancares e Navia de Suarna

    Dos Ancares aprovéitase todo, e neles poden visitarse Doiras, Piornedo, pódese subir (ou tentalo cando menos) o Mostallar, ou percorrer as brañas que aínda se conservan. E un non pode esquecerse de pasar por Navia de Suarna, para ver sobre todo a súa fermosa ponte medieval.

  8. 08

    A senda do Río Mao

    Podemos imaxinar unha rota de fin de semana: dende Santo Estevo de Ribas de Sil até San Pedro de Rocas, deténdose noutras capelas e mosteiros e nos balcóns que permiten admirar a beleza da Ribeira Sacra. E combinándoo cun percorrido pola Senda do rio Mao, cerca de Parada de Sil, unha rota de sendeirismo que realiza parte do seu percorrido por pasarelas de madeira.

  9. 09

    Pena Trevinca

    Todo galego debería subir, cando menos unha vez na súa vida, a Pena Trevinca, que para algo é o teito de Galicia, ou cando menos iso aprendemos no colexio. Son moi recomendables as rotas de sendeirismo que levan até o monte, atravesando as lagoas que se sitúan no seu pé.

  10. 10

    As Fragas do Eume

    Algúns descubríronas con aqueles terribles lumes do 2012 que ameazaban con destruílas, pero moitos aínda lle deben unha visita. Paga a pena. O verán pode ser un momento ideal para visitalas, protexerse da calor nas súas frescas sombras e mollar os pés no río. Pero tamén resultan espectaculares en outono ou primavera, coa natureza en todo o seu esplendor, cruzando as súas fráxiles pontes e pasando por Caaveiro nunha das varias rotas de sendeirismo.

  11. 11

    Os bunkeres de Franco

    Haberá xente á que non lle guste, dende logo, pero outros atopan delicioso o turismo por restos industriais ou por, coma neste caso, restos de construcións militares. Na costa norte de Ferrolterra, chegando a Valdoviño, consérvanse algúns dos bunkeres que Franco mandou construír para protexer a súa ditadura dunha posible invasión aliada no final da Segunda Guerra Mundial. E o escenario é inmellorable, esa costa atlántica que a medida que nos desprazamos cara o norte se vai facendo máis dura e máis alta. Até chegar aos cantís da Garita de Herbeira, os máis altos da Europa continental, con 614 metros de caída libre até o mar.

  12. 12

    O Courel

    O Courel é recomendable visitalo en calquera época do ano, se cadra máis aínda na primavera ou no outono. Pero tamén no verán, perseguindo as pegadas de Uxío Novoneira e de María Mariño, percorrendo os soutos, localizando albarizas, cubrindo a pé as súas rotas...