María Yáñez

Unha ducia de maneiras de compartir, aforrar, colaborar e vivirmos máis felices

A crise implica unha mudanza profunda na nosa macroeconomía, facéndoa cada vez máis micro e non por gusto. Certo. Mais se sumamos os avances da sociedade dixital e uns cantos consellos sabios das nosas nais e avoas (antes de que nos deixaramos levar polo consumismo inconsciente), temos oportunidades de facer a nosa vida mellor e mellorar a dos demais. Velaquí unhas cantas ideas e iniciativas próximas que contribúen á transición global cara a un mundo mellor e máis sustentable. 

  1. 01

    Nolotiro.org

    "Aquí non se tira nada" é o principal mantra que os nosos maiores, criados na posguerra, nos tentaron inculcar, sen moito éxito, nas últimas décadas. É hora de facerlles caso e pensar que, se realmente queremos desfacernos das cousas que xa non precisamos, ademais de vendelas ou levalas ao punto limpo pode haber unha saída intermedia, que é regalarllas a alguén. Nos países avanzados é moita menos vergoña usar cousas de segunda man ca neste, así que se cadra hai que ir cambiando o chip. A web Nolotiro.org tece unha rede de xente que precisa desfacerse de cousas con xente que as pode precisar, e ponas en contacto. Vigo, A Coruña e Pontevedra están entre as localidades do mundo onde máis se usa este servizo, así que aproveitemos. E, falando de colaboración, a web anda buscando voluntarios para axudar a traducila ao galego. Pódese facer online de forma moi sinxela. 

  2. 02

    Mercar verde e próximo

    Fartos de que nos supermercados sexa máis doado atopar froitas e verduras do outro lado do océano que do país, cada día son máis os consumidores que buscan alternativas onde atopar produtos de proximidade e de temporada, pagándolle aos produtores un prezo xusto e aforrando intermediarios, máis se estes son grandes buques conxeladores que gastan moitísimo petróleo, igual ca o que se gasta en fabricar os innecesarios envases de plástico onde veñen moitos alimentos. Ademais das feiras, prazas e mercados de toda a vida, as novas cooperativas de consumo que hai en moitas cidades teñen as súas propias tendas, nas que se pode comprar por libre ou entrar na coperativa como consumidor habitual, e organizan tamén mercados. O Mercado entre lusco e fusco que se celebra en Compostela é só un exemplo de alternativa para a xente que traballa e non pode ir á praza pola mañá. E cada vez hai solucións máis variadas e cómodas grazas a internet, que permite mercarlle produtos de temporada, e tamén ecolóxicos, directamente aos produtores. Por exemplo, o proxecto Granxa Familiar da USC dispón dunha rede de agricultores e gandeiros por toda Galicia que venden por internet todo tipo de produtos da terra, dende froita e verdura ata fabas, viño, queixo, carne, marmeladas... Ademais permite poñerlles cara ás persoas que producen para nós e ter unha relación de confianza con eles, e algunhas granxas mesmo reciben visitas 

  3. 03

    Compartir coche, a ver se é certo

    Nun país cunha poboación tan disgregada coma a nosa e co transporte público tan limitado, sobre todo fóra do eixo A Coruña - Santiago - Vigo, o coche é unha necesidade para moita xente, e durante o tempo das vacas gordas era un ben que a maioría xente tiña e do que adoitaba dispoñer sen reparos no combustible ou no gasto que lle daba. E moito menos na contaminación. Iso de compartir coche era unha lata, e canto máis con descoñecidos. Mais agora todos agachamos as orellas un pouco e entendemos que o lóxico non é ir unha persoa soa nun coche, podendo ir dúas, tres ou catro máis. Tamén axuda, como en todas estas cousas, o cosmopaletismo de que lle poñan un nome en inglés, carpooling, para que a moitos lles pareza unha idea atractiva. Se non temos con quen compartilo podemos buscar en webs como Carpooling.es, Amovens ou Blablacar, ou en servizos públicos que xestionan en varios concellos como A Coruña, Lugo ou Vigo nos que se axuda a compartir viaxe ou prazas de aparcamento. 

  4. 04

    Compartir espazo de traballo

    Seguindo cos anglicismos, e a risco de parecernos a algunha das nosas admiradas revistas de tendencias, agora disque se leva moito o coworking: espazos de traballo compartidos onde profesionais, autónomos ou empresas poden alugar prazas nunha oficina na que traballa outra xente, e compartir así non só un espazo físico senón tamén ideas, procesos, convivencia... en definitiva socializar, algo que moitos freelance botan de menos, pois aínda que non teñamos horarios nin esteamos atados a unha mesa si que nos vén moi ben que nos dea o aire, saír da casa e estar con outra xente. Na Coruña e en Vigo hai pouco que naceron The Room e Espacio Nido, respectivamente, que ofrecen espazos de traballo para alugar a moi bo prezo e de xeito moi sensible, ademais de poder compartir servizos de internet, teléfono, luz, cociña, etc. Ademais os espazos son abondo versátiles para poder tamén usalos para reunións ou eventos, en lugares céntricos da cidade. Nas outras cidades e vilas cómpren moito estes novos lugares de coworking. Alguén cunha oficina ten un sitio de sobra?  Pois pode anotarse en Coworking Spain, onde a día de hoxe vemos máis prazas dispoñibles nas provincias da Coruña e de Ourense

  5. 05

    Compartir o sofá, ou o cuarto de convidados

    Parar de moca na casa dos amigos cando viaxamos é algo que todos facemos ou fixemos ata que nos entrou o pudor trintaneiro de non querer abusar da amizade e empezar a pagar un hotel. De todos xeitos a experiencia de habitar unha cidade como a viven os que están alí é algo que a hostalería non nos pode dar. E a outra moita xente tamén lle gusta recibir na súa casa forasteiros e coñecer xente nova. Así que outro palabro, o couchsurfing, leva xa uns anos extendendo unha rede en todo o mundo de persoas dispostas a compartir o seu sofá con estranos e tamén a gozar da hospitalidade doutros cando viaxa por aí. A propia comunidade valora as experiencias e os anfitrións / viaxeiros, para tentar evitar sorpresas. E cando xa se consolida esta comunidade vai máis alá e ofrece guía, consellos e amizade aos outros usuarios. En Galicia hai cando menos todos estes. E porque a ninguén lle veñen mal uns euros e o unha cama é unha cama, aínda que haxa que pagar algo por ela, cunha filosofía semellante á da comunidade de Couchsurfing tamén está a triunfar Airbnb, onde tamén se intercambian cuartos e hóspedes, pagando / cobrando, pero que cada vez é unha alternativa máis forte á hostalería tradicional, polo prezo e pola experiencia. No noso país hai todos estes aloxamentos dispoñibles. Unha oferta moi atractiva para este verán.  

  6. 06

    Comunidades en transición

    Realmente moitas destas iniciativas poderían encadrarse dentro do movemento global Comunidades en transición, que se propón dotar de control a certas comunidades para que inicien o cambio cara a unha maior sustentabilidade e un menor impacto no cambio climático ou no esgotamento de recursos naturais como o petróleo. Isto pivota arredor do consumo local e dunha mellor autoxestion dos recursos comúns, e materialízase en pequenas prácticas transformadoras do cotián que poidan ter unha pegada global, ou polo menos melloren as nosas vidas. En Galicia a Universidade de Santiago de Compostela foi a primeira universidade española que se declarou comunidade de transición, adoptando diversas iniciativas destinadas a reducir a pegada ecolóxica da comunidade universitaria no mundo. Así, o proxecto En Transición puxo en marcha pequenas accións como o servizo de menús ecolóxicos nos comedores (que só duraron unha semana e que ben poderían extenderse ao resto do ano), a creación de comunidades e grupos de traballo arredor do consumo ou o transporte... e todo un programa que esperamos que vaia máis alá do propagandístico que se convirta nun auténtico programa transformador dos hábitos dos universitarios. 

     

  7. 07

    Cooperar para producir contidos audiovisuais

    Wecoop é unha plataforma online creada pola produtora coruñesa Continental Producciones para levar a filosofía do crowdsourcing á produción audiovisual, un sector que pasa por un momento de total mudanza. Segundo explica o seu creador, Pancho Casal, nun sector tradicionalmente tan preocupado por competir, vén sendo hora de empezar a cooperar, creando entornos colaborativos como Wecoop. No seu blog explican que o proxeco se basea "na unión global de talentos (tanto de produtoras como de profesionais independentes e usuarios) e medios (os das produtoras que se asocien) ao longo de varios países (...) co obxectivo de facilitar sinercias entre produtoras e profesionais de todo el mundo ofrecendo un ecosistema para a xeración e aceleración de proxectos xunto á captación de talento global". A plataforma está aínda en fase de desenvolvemento, e xa ofrece un caso-piloto no que se pode observar o seu potencial funcionamento, co proxecto 13 badaladas, baseado nunha docuserie que emitiu a TVG hai uns anos. 

  8. 08

    A alternativa financeira sen diñeiro

    Trocobuy, antes chamada Trocobank, propón un novo paradigma financeiro no que se ofrece crédito para empresas ou autónomos en forma de bens ou servizos, que se pode intercambiar con outras empresas que formen parte da rede. Esta plataforma foi  posta en marcha hai uns meses desde A Coruña por Vigiliam, unha rede de networking empresarial, e baixo as premisas de colaboración e solidariedade empeza a consolidarse como alternativa financeira real nuns tempos onde falta a liquidez pero non a riqueza en bens e servizos que ofrecer e compartir. 

  9. 09

    Os bancos de tempo

    Falando de bancos sen cartos, hai máis exemplos de sistemas que axudan a xestionar, intercambiar e emprestar valores tan importantes ou máis que o diñeiro. Os bancos de tempo levan anos funcionando en moi diversas comunidades, sobre todo locais, con unidades de intercambio que normalmente son as horas, para cambiar horas por servizos do máis variado, coa premisa de que calquera persoa pode ofrecer algo valioso en horas que poida ou saiba facer. Tal e como explican no Banco de Tempo de Allariz, "o funcionamento é sinxelo: ao dar a túa axuda gañarás horas, que máis tarde poderás gastar solicitando o tempo doutras persoas da rede para colaborar nas tarefas da túa vida diaria". Algúns exemplos son: "Podes quedarme unhas horas coa cativa? Mañá axudareille coa horta ao Manuel. Sei facer traballos de electricidade e fontanería. Podes vir a axudarme a facer o traslado do local?". O de Allariz é un dos moitos que se puxeron en marcha nos últimos anos, moitos deles impulsados pola Xunta co anterior goberno, e desde a súa web podemos acceder a moitos dos bancos de tempos locais que había en concellos, aínda que moitos deles, ou polo menos as súas webs, están parados. 

  10. 10

    Outra divisa: o coñecemento de cada un

    O Banco Común de Coñecementos foi unha iniciativa que puxo en marcha desde Barcelona o colectivo Platoniq baseada na transferencia de coñecemento e na educación mutua. Trátase dun espazo creativo de accón social que trata de darlle valor ao coñecemento, moito ou pouco, sempre diverso e interesante, que cada individuo posue, e reutilizalo e compartilo con outras persoas ás que lle interese. Sobre esta filosofía creáronse varias experiencias como mercados de coñecemento locais, redes de intercambio de saberes e habilidades... Como exemplo, hai tres anos o colectivo ZEMOS98 desenvolveu unha experiencia do Banco Común de Coñecementos nun instituto dun barrio periférico de Sevilla, e documentaron o resultado nunha interesante peza audiovisual que aquí compartimos. 

  11. 11

    Crowdfunding para o procomún

    En boca de todos está o concepto do crowdfunding (financiamento colectivo) como alternativa para conseguir recursos económicos para sacar adiante proxectos, facendo que moita xente colabore e comprometa unha cantidade de cartos a cambio dunha recompensa, que como mínimo adoita ser a satisfacción de ver o proxecto logrado, pero que tamén se pode incentivar con outras compensacións a maiores. Empezouse a experimentar este sistema nos Estados Unidos como impulso creativo para financiar filmes independentes con IndieGoGo e hoxe en día a máis famosa é Kickstarter. En Galicia púxose en marcha hai dous anos a plataforma Galegolab para impulsar proxectos e recursos arredor da normalización lingüística, aínda que o auténtico pioneiro foi hai 20 anos o falecido cineasta Toñito Blanco, que tamén vendeu centos de accións a amigos e coñecidos para financiar a longametraxe gore-enxebre La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos. En España existen plataformas moi coñecidas como Verkami (con varios proxectos galegos como o disco dos Cempés, o de tributo a Magín Blanco ou o d'Os da Ría), ou Lánzanos, que xestionan esta maneira de, digámolo así, vender por adiantado. Pero tamén existe algún proxecto que vai máis alá, como Goteo (no que tamén participa o coletivo Platoniq) que só alberga e impulsa proxectos orientados a desenvolver iniciativas que apoien o procomún, o coñecemento libre e/ou o código aberto. E tamén acolle propostas moi diversas. Como curiosidade, unha das máis exitosas foi CrowdfundpaRato, que en 24 horas conseguiu recaudar os 15.000 euros que precisaban para presentar unha querella popular contra Rodrigo Rato polo caso Bankia. 

  12. 12

    Antes que o procomún... o mancomún

    A semana pasada unha reportaxe de El País Galicia recollía unha excursión dun grupo de persoas vinculadas ao MediaLab Prado de Madrid e a investigar conceptos relacionados co procomún para que viñeran a Galicia a ver como se xestionaban os montes comuniais, unha práctica que se leva facendo no noso territorio desde tempos inmemoriais e que atraeu a atención deste grupo que pretende "establecer espazos de diálogo entre o rural, o neorural e o urbano, estudar alternativas na xestión dos bens e coñecer como se explotan os recursos naturais mediante prácticas comunais sustentables". Especialmente interesáballes "ver os conflitos, os cambios, as posibles alternativas e, sobre todo, se o que uns fan e pensan se puede relacionar co que os outros pensan e fan". Se tamén están intrigados co resultado destas posibles relacións poden seguir algúns blogs dos asistentes para botarlle un ollo ás reflexións que colleitaron en Galicia sobre a xestión comunitaria tradicional do monte. E tamén botarlle un ollo este documental de hai 43 anos no que se fala destes montes comunitarios e do protagonismo das mulleres na súa xestión. Por certo, que o mancomún e o software libre xa foron conceptos que se relacionaron co proxecto da Xunta de Galicia posto en marcha polo bipartito como oficina de referencia para as iniciativas relacionadas co código aberto.