Miguel Pardo

Unha ducia de medallas olímpicas galegas

Galicia volveu sumar medallas este verán nos Xogos de Toquio, alcanzando xa as vinte en total para deportistas galegos. Desta vez, Ana Peleteiro, Teresa Portela, Nico Rodríguez ou Rodrigo Germade e Carlos Arévalo, xunto ao porteiro Iván Villar no fútbol, foron os que acadaron metal na capital do Xapón. Velaquí o repaso a algúns dos medallistas. 

  1. 01

    Galegos nas medallas de España (e o Uruguai) nos anos 20

    Tres futbolistas galegos inauguraron o medalleiro olímpico do país nos Xogos celebrados en Amberes en 1920. Ramón González, Moncho Gil e Luis Otero gañaron a prata coa selección española de fútbol. Pedro Cea, xogador uruguaio de ascendencia galega --aínda se discute se naceu en Redondela ou xa en América-- formou parte da selección que gañou o Mundial de 1930 ante Arxentina, pero tamén da que logrou dúas medallas de ouro nos Xogos de París, en 1924, e en Ámsterdam, en 1928. En Toquio 2020, o porteiro galego Iván Villar ten tamén asegurado o metal. 

  2. 02

    As dúas medallas de Ramos Misioné

    Case 50 anos tardou Galicia en volver contar cun medallista olímpico. En Montreal 1976, o padexeiro Luis Gregorio Ramos Misioné acadou a medalla de prata no K-4, nun equipo que compartía con José María Esteban Celorrio, José Ramón López Díaz e Herminio Menéndez. En Moscú 1980, o galego volveu colgarse unha medalla, desta vez o bronce xunto a Herminio Menéndez no K-2 1.000 metros.

  3. 03

    Enrique Míguez, outro metal para o exitoso piragüismo galego

    O piragüismo volveu dar alegrías á delegación galega nuns Xogos Olímpicos. Desta vez tocoulle ao palista de Tui Enrique Míguez, que gañou o bronce en C-2 500 metros xunto a Narciso Suárez Amador.

  4. 04

    O mito de David Cal

    Unha lenda do olimpismo e do deporte galego. David Cal é, xunto a Saúl Craviotto, o deportista español con máis medallas olimpicas na historia, cinco, tras as dúas de Atenas, outras dúas en Pequín e unha máis en Londres. Ademais, foi o abandeirado nos Xogos celebrados na capital chinesa. 

  5. 05

    José Antonio Hermida, o galego de Puigcerdá

    A José Antonio Hermida chámanlle Pepiño Pistolas. Fillo de galegos, galegofalante e catalán de adopcion, conseguiu a medalla de prata en ciclismo de montaña en Atenas 2004, ademais de ser campión europeo e do mundo de campo a través. 

  6. 06

    O sorprendente ouro de 'Perucho'

    Unha das maiores alegrías e sorpresas da delegación española en Pequín foi a medalla de ouro conseguida, tamén en piragüismo, polo galego Carlos Pérez Rial, Perucho, e o catalán Saúl Craviotto, que sorprenderon na final do K-2 500. Outro galego no máis alto do podio

  7. 07

    Echávarri e Paz, parella de éxito

    Fernando Echávarri, cántabro asentado en Galicia desde cativo, e o galego Antón Paz, colgáronse a medalla de ouro en vela. A súa vitoria na clase tornado foi a recompensa xusta a un traballo de anos por parte dos dous regatistas.

  8. 08

    Gómez Noya, unha medalla olímpica para un triatleta de lenda

    O triatleta Javier Gómez Noya acumulou éxitos a nivel mundial e europeo e era unha das principais bazas para o deporte galego en Pequín 2008. Un problema estomacal impediulle acceder ao podio, aínda que obtivo unha meritoria cuarta praza, sumada á quinta do ordense Iván Raña. En Londres acadou por fin a prata nunha carreira histórica. Unha lesión impediulle competir en Rio, pero puido despedirse en Toquio.

  9. 09

    Echegoyen e Toro, un ouro histórico

    Coa vitoria do Match Race-Elliott 6 do equipo español fronte ao australiano na final desta modalidade de vela, as galegas Sofía Toro e Támara Echegoyen, xunto a Ángela Pumariega, conquistaron un ouro histórico nos Xogos de Londres en 2012. 

  10. 10

    Cristian Toro, de novo en piragüismo

    O galego Cristian Toro deu a Galicia outra medalla nos Xogos, en Rio 2016. Xunto ao catalán Saúl Craviotto -o mesmo que gañara xunto a outro galego, Pérez Rial, o ouro en Pequín-, o de Viveiro subiu ao máis alto do podio na súa estrea no meirande acontecemeno do deporte mundial tras vencer na final do K2 200.

  11. 11

    Ana Peleteiro e o seu salto ao bronce

    A ribeirense Ana Peleteiro acadou a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos tras un salto histórico de 14,87 metros que lle valeu para subir ao terceiro posto do podio en Toquio. Supuxo a confirmación da atleta galega, que irrompeu con forza en categoría absoluta cando en 2019 se proclamou campioa de Europa en pista cuberta en Glasgow e subcampioa dous anos despois. 

  12. 12

    Teresa Portela: prata olímpica nos seus sextos Xogos

    Nos seus sextos Xogos Olímpicos, unha marca xa de lenda, a galega conseguiu a prata na final de K1 200 en Toquio. Con 39 anos, a de Cangas sumou un novo éxito a un palmarés difícil de igualar e volveu situar O Morrazo e o piragüismo galego no cumio do olimpismo tras outra prata, a de Rodrigo Germade e Carlos Arévalo en K$ 500. En Toquio, ademais, o vigués Nico Rodríguez alcanzou tamén o bronce en vela.