Unha ducia de meteduras de zoca
Do "relaxing cup of café con leche" de Ana Botella, ao "había neve" de Núñez Feijóo, pasando polo "fin de la cita" de Mariano Rajoy ou as defensas dos asasinatos do franquismo por parte dun alcalde do PP. As meteduras de zoca en 2013 foron moitos e variados. Só puidemos elixir unha ducia.
-
01
Cospedal en diferido
Ao argumentario marcado en Génova para que os líderes populares tentaran convencer á cidadanía da súa inocencia no caso Bárcenas, faltoulle a eficacia de intérpretes con talento. María Dolores de Cospedal, e a “indemnización en diferido” ao ex tesoureiro do seu partido é xa un clásico surrealista como aquel da “parte contratante da primeira parte”.
-
02
Feijóo e a neve
En marzo, El País publica as fotografías de Núñez Feijóo xunto ao contrabandista Marcial Dorado, nos 90. As imaxes sacudiron a política galega. O líder popular, na súa defensa, falou en rolda de prensa das súas viaxes de lecer co narco e lanzou unha frase: “Creo que no fui a Andorra, recuerdo que había nieve”. Aos poucos minutos, un hashtag en Twitter deixaba claro un único sentido: #FeijóoPagaLaNieve.
-
03
Unha de Toni Cantó
Elixir unha metedura de zoca do deputado de UPyD é complexo. Máis houbo unha que, por grave, provocou unha indignación xeral na sociedade: Cantó aseguraba a través dun tuit (sen ter contrastado nada) que a maioría das denuncias por violencia de xénero eran falsas. Pedíronlle a dimisión por tal temeridade. Un dato: Tony Cantó é portavoz da Comisión de Igualdade no Congreso.
-
04
O alcalde de Baralla e o franquismo “desafortunado”
“Aqueles que foron executados durante o franquismo merecíano”. Esta foi a frase que Manuel González Capón, alcalde de Baralla, dixo durante un pleno. González Capón falaría logo de “frase desafortunada”. O BNG e o PSdG convocaron unha sesión extraordinaria para pedir a dimisión do rexedor lucense. Unha maioría absoluta do seu grupo (PP) impediuna. O alcalde asegurou que a dirección do seu partido lle “aceptara as desculpas”. E punto.
-
05
"Chochito de oro"
O que era concelleiro do BNG en Cambados, Xaquín Charlín González, no seu blog persoal, chamoulle á vicepresidenta do Goberno Soraya Sáenz de Santamaría “Chochito de Oro”. Foi no medio dun post no que criticaba os gastos do seu ministerio e, en concreto, un de 40.000 euros en “recoñecementos xinecolóxicos”. Foi criticado dentro do seu partido polo seu “comentario sexista”. Dimitiu.
-
06
Angrois non é Gansu
O accidente do Alvia en Angrois foi un duro golpe para o país. Provocou desconsolo, impotencia e algunha que outra reacción improvisada: pouco despois do accidente, o Ministerio da Presidencia enviou aos medios un comunicado “de condolencias” do presidente do Goberno. No último parágrafo da nota dábase o pésame pola pérdida de vidas humanas a causa do terremoto de Gansu (China).
-
07
“Relaxing cup of café con leche”
A candidatura de Madrid para os Xogos de 2020 foi, de novo, unha mala resaca. De toda a parafernalia montada, do gasto en case que un cento de asesores, sobresaíu o discurso de Ana Botella: vendeu Madrid nun inglés cantado e convidou a medio mundo a disfrutar na Praza Maior dunha “relaxing cup of café con leche”. A revista Time -antes que Praza Pública- elixiu ese momento como a maior “metedura de zoca” do ano.
-
08
"Todo é falso, agás algunha cousa"
Durante unha comparecencia ao carón de Ángela Merkel, o presidente Mariano Rajoy, preguntado polos xornalistas da sala sobre as novas publicadas nos xornais referentes á súa implicación nun dos casos de corrupción do seu partido, respostou sen miramentos: “Todo es falso, menos alguna cosa”. Dará algún día explicacións por esa “cousa”?
-
09
Elena Valenciano agochada nun “arbusto”.
A vicesecretaria xeral do PSOE, Elena Valenciano, visitou o pasado mes de novembro a zona do polémico “valado de Melilla”. Durante unha entrevista en La 1, Valenciano afirmou o que fixera durante a entrevista: "me escondí en un arbusto y me puse a llorar”. A afirmación provocou unha treboada de comentarios nas redes sociais nos que quedaba patente a indignación polo seu comentario e, tamén, pola súa actitude ante esa situación.
-
10
"Fin de la cita"
Durante a súa intervención sobre o caso Bárcenas, Mariano Rajoy deixou unha frase gravada na memoria colectiva: “fin de la cita”. A frase estaba escrita entre parénteses polos seus asesores para que o presidente soubera onde tiña que facer unha pausa na lectura. É coma se un actor de teatro durante a representación declamase tamén as acotacións. O presidente tómase o guión en serio.
-
11
Paralelismo inédito
Hai tan só uns días, o presidente da Xunta aseguraba en sede parlamentaria que "calquera hospital público en Galicia ten a mesma garantía de público que a catedral de Santiago". Como é sabido, o recinto eclesiástico segue a ser propiedade da Igrexa. Se o concepto de sanidade pública que ten o PP está vinculado ao réxime eclesiástico é normal que tamén privaticen os úteros.
-
12
O bispo perturbado
E para rematar o ano, unha dende a Curia: o pasado 27 de decembro o bispo de Segorbe, Casimiro López, asegurou que “o matrimonio gay causa graves perturbacións nos fillos”. Dixo tamén que a unión entre persoas do mesmo sexo remataba con frecuencia en violencia. Sobran comentarios.