Unha ducia de miradoiros galegos para ver ao lonxe
Son moitos os altos e miradoiros que en Galicia ofrecen espectaculares vistas da súa contorna. Hainos no litoral, situados en altos cantís, tamén en canóns e vales, e mesmo no centro dalgunha das contadas chairas existentes do país. Na súa páxina, Turgalicia fai unha peneira de 50 miradoiros imprescindibles, dos que seleccionamos unha ducia
-
01
Alto de San Roque
Con 353 metros de altitude, o Monte de San Roque domina a vila e a ría de Viveiro, con excelentes vistas sobre a desembocadura do río Landro e tamén sobre o porto de Celeiro e a praia de Covas.
-
02
Vixía de Herbeira
Vixía de Herbeira, cos seus 615 metros, e o teito da serra da Capelada. Dende aquí o monte descende directamente ata o mar, o que converte estes cantís nuns dos máis elevados da Europa continental.
-
03
Os cantís de Loiba
A costa de Loiba adquiriu unha gran notoriedade nos últimos anos. O famoso "mellor banco do mundo" (aínda que fose produto dunha mala tradución) atópase aquí, permitindo gozar dun dos mellores cantís do planeta.
-
04
Alto da Bailadora, en Ferrol
Dende o Alto da Bailadora, con 266 metros de altura, pódese gozar dunha das mellores vistas de Ferrol e da da súa ría, especialmente da súa entrada, gardada polos castelos de San Felipe e A Palma.
-
05
Alto do Ézaro
Máis ao sur, o Alto do Ézaro tamén ofrece vistas espectaculares, coa desembocadura do río Xallas, coa súa fervenza (que case directamente ao mar) e o perfil do Monte Pindo.
-
06
Monte da Curota
O monte da Curota (596 metros), no sur da serra do Barbanza, conta cun conxunto de miradoiros como o Alto da Lagoa, A Curota e A Curotiña, que ofrecen inmellorables vistas da Ría de Arousa, coa Pobra do Caramiñal en primeiro plano.
-
07
Alto de Santa Trega
O Alto de Santa Trega, na Guarda, permite vistas de 360 grados sobre a desembocadura do río Miño e as costas de Galicia e Portugal.
-
08
Faro de Avión
Os 1151 metros do Faro de Avión, en Covelo, supoñen o punto máis alto da provincia de Pontevedra, xa no límite con Ourense. Conta con excelentes vistas do val do Tea e da serra do Suído
-
09
Miradoiro de Monseivane
O miradoiro de Monseivane, en Vilalba, non é o mal elevado de Galicia, pero o feito de situarse nun dos extremos da Terra Chá permite que dende aquí se divise unha ampla extensión de terreo. Con 935 metros, trátase do cumio de maior altitude da serra da Carba, moi próxima á serra do Xistral
-
10
Miradoiro de Torre da Pena
Tamén domina unha ampla chaira o miradoiro de Torre da Pena, en Xinzo. Trátase dunha pequena elevación no medio da comarca da Limia, que ofrece unha gran panorámica destas terras.
-
11
Alto da Picota
O miradoiro da Picota, nos Peares, elévase 429 metros sobre o nivel do mar e ofrece espléndidas vistas sobre o Miño, pero tamén sobre o Sil, que neste lugar se une ao río principal.
-
12
Miradoiro da Cividade
Sobre o Sil sitúase o miradoiro da Cividade, en Sober, situado a 500 metros de altitude e con impresionantes vistas sobre a beira ourensá do canón.
-
13
Miradoiro da Moá
O miradoiro da Moá, en San Xoán de Río, ten unha elevación de 1.123 metros. Situado no límite entre as provincias de Ourense e Lugo, dende este lugar obsérvase o val de Quiroga e Ribas de Sil e tamén as serras do Courel.