Marcos Pérez Pena

Unha ducia de Momentos do 15M

Onde estabas o 15 de maio de 2011? Aquel día milleiros de persoas saíron ás rúas en todo o Estado pedindo democracia real, pedindo unha mudanza das cousas. Así de simple e así de ambiguo. Había necesidade de expresar un malestar coa situación política e económica, de facelo na rúa e na compaña douras persoas. Despois viñeron as acampadas, as cargas policiais, novas manifestacións e os debates (moitos) e as propostas (moitas), as asembleas de barrio ou a loita contra os desafiuzamentos. A loita do 99% contra os privilexios e as mentiras do 1%.

  1. 01

    As orixes: O norte de África, Islandia, Portugal

    O 15M non inventou nada, nin tampouco se detivo en España. Forma parte dun movemento global (este sábado, de novo, as manifestacións están convocadas a un tempo en todo o planeta) con causas e plasmacións moi distintas, pero que comparten con este movemento a indignación e a demanda dun cambio de estruturas. No inverno asistimos día a día ás revolucións árabes en Túnez ou Exipto. Antes tivera lugar a revolución islandesa, un país que levaba décadas sen ver unha manifestación e no que o pobo continúa marcando o seu camiño. E despois veu Portugal, onde a Geraçao á rasca saíu á rúa antes que en España: Que mundo tão parvo. Que para ser escravo é preciso estudar.

  2. 02

    O que ninguén agardaba

    Nobody expects the spanish revolution foi un dos carteis máis comentados nas primeiras manifestacións (botando man dos Monty Python). E así era, a pesar de que as manifestacións do 15 de maio foron masivas, o éxito foi unha sorpresa mesmos para os seus organizadores. E moito máis para a prensa escrita, que ao día seguinte obviavan as marchas. Que sucedera? Que era aquilo? Quen o dirixia? Os medios de comunicación cometeron notables erros na cobertura do movemento dos indignados, principalmente por aplicarlles os mesmos patróns que a outras entidades máis institucionalizadas e aplicando unha norma tal que O que non entendemos non é noticia.

  3. 03

    Incomprensión

    Moito se usou aquela frase de Gandhi de Ao comezo ignórante. Despóis rin de ti. Logo atácante. Daquela gañas. Cando o movemento xa non podía ser ignorado, algúns faladoiros radiofónicos e non poucos líderes políticos empeñáronse en desacreditar o 15M, restarlle importancia, atribuílo aos caprichos dunha mocidade privilexiada ou a outra forma de facer botellón. Nun país con case o 50% de desemprego xuvenil, era só cuestión de tempo.

  4. 04

    As acampadas

    Nalgúns lugares o mesmo 15 de maio pola noite, noutros o 16 e noutros o 17. As prazas máis importantes de todas as cidades do Estado comezaron a inzarse de tendas Quechua. Eran as acampadas, a ocupación do espazo público como símbolo e ferramenta do movemento. Co tempo xurdiron tamén os problemas e o esgotamento, pero eses días de convivencia, de asembleas e organización, conformaron o primeiro músculo do 15M.

  5. 05

    Os símbolos

    Un movemento necesita dotarse dun imaxinario, de elementos que identifiquen os seus integrantes e que teñan valor propagandístico. A conquista da Porta do Sol foi un símbolo (máis adiante a Praça Catalunya sería outro, por outros motivos), a linguaxe de signos e os aplausos mudos outro. E, en xeral, o silencio e a non violencia por riba de todo. Na véspera da xornada de reflexión, as acampadas pasaron por riba da prohibición para convocar concentracións (diferenciando entre o legal e o xusto ou racional). Pasou unha semana entre o 15M e as eleccións municipais e autonómicas que deron un triunfo esmagador ao PP. Pero pareceu unha vida.

  6. 06

    Os discursos, as mensaxes

    Díxose que o 15M tiña uns referentes intelectuais febles (a comparación establecíase co 68 francés). É certo que o Indignádevos de Hessel é un ensaio moi breve e efectivamente simple, non pasa de ser un programa mínimo socialdemócrata. Pero iso abondaba, a realidade estaba aí, tan clara que non facían falla grandes análises, apenas era necesario ter a coraxe e a dignidade de saír á rúa. Porque de Hessel admirábase iso, a dignidade, o mesmo que de José Luís Sampedro.

  7. 07

    As acampadas esténdense, por Europa e pola rede

    Moito se falou de twitter, das redes sociais. O 15M estendeuse con rapidez (pasando por riba dos medios de comunicación) en boa medida grazas ao facebook, n-1 e outras ferramentas. Ferramentas de comunicación (fotos, eventos, vídeos...) e creatividade, coma nesta gravación do intento de acampada que se fixo en París durante uns días.

  8. 08

    O 15M chega aos barrios

    O movemento creceu cara a fóra, e tamén cara a dentro, concretando as súas propostas e procurando analizar os problemas específicos que afectaban a cada barrio, vila ou cidade, as cuestións cotiás, do día a día. A partir de xuño, primeiro en Madrid e Barcelona, comezaron a crearse asembleas de barrio, que tamén se realizaron en Galicia, na Coruña por exemplo. Un intento, entre outras cousas, de revitalizar un movemento veciñal que en moitos lugares se atopaba esgotado ou cooptado polo poder político.

  9. 09

    Un movemento global

    Díxose que o 15M formaba parte dunha revolta global, con expresións anteriores -Norte de África, Islandia, Grecia-, e tamén posteriores a el. Tivo moita repercusión o movemento de Occupy Wall Street nas rúas de Nova York e outras accións semellantes noutras cidades dos Estados Unidos, pouco afeitos a estas demostracións masivas de protesta tan á marxe do sistema. Espectacular foi, por exemplo, a manifestación que en Oakland, en California, conseguiu paralizar o porto desta localidade.

  10. 10

    O 19 de xuño, contra o pacto do euro

    A manifestación do 15 de maio foi seguida doutras dúas. A primeira delas un mes despois, o 19 de xuño, convocada contra o Pacto do Euro, toda unha folla de ruta para os recortes e as políticas de austeridade. A participación nas marchas duplicou a das primeiras e conseguiu a implicación doutros colectivos e movementos sociais.

  11. 11

    O 15 de outubro

    A seguinte manifestación tivo lugar despois do verán, coa incerteza da resposta cidadá, despois dun meses de menor actividade do movemento. Porén, as marchas do 15 de outubro volveron superar as previsións. Neste caso o leit-motiv das mobilizacións, que se comvocaron ao mesmo tempo en todo o planeta, foi a reivindicación da soberanía dos cidadáns e cidadás fronte aos mercados.

  12. 12

    Por unha banca pública

    Dende entón, o 15M seguiu traballando, repartindo as súas enerxías en distintas loitas, misturado xa co resto do tecido asociativo e social. Unha das pelexas anteriores foi a reivindicación da creación dunha banca pública e o control democrático das entidades financeiras. En Galicia creouse, para este fin, unha Plataforma, conformada por varios colectivos.

  13. 13

    A loita contra os desafiuzamentos

    Outra das grandes loitas estivo centrada en impedir os desafiuzamento de persoas e familias que non podían pagar as súas hipotecas e na reivindicación da dación en pagamento. En cada cidade creáronse plataformas e redes para impedir estes desaloxos e para presionar as entidades bancarias.