David Lombao

Unha ducia de momentos no Parlamento

Entre o 15 e o 17 de outubro realizarase o primeiro debate de política xeral da lexislatura, momento de repasar o estado "da autonomía" ou "da nación", segundo o caso. A celebración desta sesión é unha boa escusa para botar a vista atrás e recuperar algúns dos momentos senlleiros da historia do lexislativo galego, que xa supera as tres décadas. Viva antes? Viva agora? Viva despois?

  1. 01

    De mudanza

    O 19 de decembro de 1981 constituíase o primeiro lexislativo galego. Facíao no salón de festas Pazo de Xelmírez, sede arcebispal de Compostela, un lugar tan solemne como xélido no que a soberanía popular lle tiña que pedir as chaves á Igrexa para reunirse. Na primavera de 1982 un acordo coa Universidade de Santiago permitiu instalar o hemiciclo no Pazo de Fonseca.

  2. 02

    Expulsados

    En novembro de 1982 a Policía Nacional bloqueoulles a entrada en Fonseca aos deputados do Bloque-PSG, Lois Diéguez, Bautista Álvarez e Claudio López. Tras a aprobación do Regulamento da Cámara os parlamentarios nacionalistas negáranse a acatar a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía e a Presidencia, dirixida por Antonio Rosón, resolveu a súa perda da da condición de deputados.

  3. 03

    A capitalidade

    Xusto antes da mudanza a Fonseca, en xuño de 1982, o Parlamento celebrou unha das súas sesión máis tensas. O debate rematou de madrugada coa designación de Santiago de Compostela como sede das institucións autonómicas. Francisco Vázquez, do PSdeG, foi un dos protagonistas da sesión coa súa acendida defensa da capitalidade para A Coruña. Tras saír derrotada a súa postura prognosticou "unha Galicia morta".

  4. 04

    Retirada das tropas

    En 1986 a Xunta mercáballe ao Ministerio de Defensa o cuartel do Hórreo para instalar alí o Pazo do Parlamento. A Brigada Lixeira Isabel La Católica arriou a súa bandeira en 1987 e, tras unha complexa rehabilitación e remodelación dirixida polo arquitecto Manuel Reboredo Santos, en febreiro de 1989 celebrouse a primeira sesión plenaria no novo hemiciclo.

  5. 05

    Outros grupos

    Esquerda Galega, o PCG, o Bloque-PSG, Coalición Galega, o BNG ou, máis recentemente, AGE, foron forzas que irromperon no Parlamento á marxe dos grandes partidos estatais. Nos primeiros anos da Cámara os deputados destas formacións máis pequenas en dimensión, como Camilo Nogueira ou Anxo Guerreiro, foron dos membros do lexislativo máis activos.

  6. 06

    A maioría de Fraga

    En febreiro de 1990 Fraga pechaba definitivamente a brevísima etapa do tripartito accedendo á Presidencia da Xunta apoiado na primeira maioría absoluta da historia da autonomía. O líder da dereita e ex ministro de Franco tomou posesión ante 2.000 convidados que anegaron o Pazo do Hórreo e que posteriormente o acompañaron ata a Praza do Obradoiro, onde o agardaba unha marea de 1.200 gaiteiros. Fraga repetiría maioría e Presidencia en 1993, 1997 e 2001.

  7. 07

    O zapato de Beiras

    O 10 de marzo de 1993 o pleno discutía a reforma do Regulamento parlamentario, que ampliaba as capacidades da mesma maioría parlamentaria que dispuxo a instauración da aínda vixente barreira do 5% dos votos para obter un escano. Durante un tenso debate, o daquela voceiro do BNG, Xosé Manuel Beiras, emulou o xesto de Nikita Kruschev na ONU e increpou o representante do PP, Gerardo Conde Roa, petando co seu zapato no escano dando lugar a unha imaxe que deu a volta ao mundo e que sorprendeu o socialista Ceferino Díaz, que estaba a intervir.

  8. 08

    "-Descanse un poquito, presidente -He dicho que no"

    O 5 de outubro de 2004 o presidente da Xunta, Manuel Fraga, abría o debate de política xeral cun longo discurso. De súpeto, o ton de voz do líder conservador comezou a minguar mentres sufría un esvaecemento. O conselleiro de Sanidade e deputados como Miguel Santalices ou Francisco Cerviño, ambos médicos, acudiron na súa axuda. A advertencia "descanse un poquito, presidente" e a resposta "he dicho que no" quedaron para a historia dun episodio no que, aseguran testemuños directos, a vida de Fraga correu serio risco.

  9. 09

    Maioría bipartita

    Tras unha convulsa lexislatura que incluíu mocións de censura derivadas da catástrofe do Prestige e da crise das vacas tolas, as eleccións anticipadas do 19 de xuño de 2005 derivaron na perda da maioría absoluta que PP ostentara durante 16 años. A suma dos 25 escanos do PSdeG e dos 13 do BNG deu lugar a unha nova maioría e a un Goberno de coalición que só durou unha lexislatura. Estivo presidido por Emilio Pérez Touriño, con Anxo Quintana como vicepresidente.

  10. 10

    Primeira presidenta

    A nova maioría parlamentaria decidiu que a socialista Dolores Villarino fose a primeira muller en presidir o Parlamento. Durante o seu mandato a Cámara conmemorou o seu vinte e cinco aniversario e non foron poucos os enfrontamentos coa oposición do PP, que lle reprochaba as súas esixencias de "calma e sosego" cando ela, como deputada, "non tivera nin unha cousa nin a outra", chanceou a propia Villarino, xa dende fóra do cargo. 

  11. 11

    A vidreira de don Isaac

    No vixésimo sexto aniversario da institución, a Mesa do Parlamento decidiu mudar o cristal superior do hemiciclo por unha vidreira diseñada polo intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo, presidida por un dolmen e pola lenda Gallaecia. Nos días previos á súa presentación, a Presidencia da Cámara enfrontouse á prensa gráfica, á que chegou a advertir de que lles retiraría as acreditacións se tomaban imaxes da obra antes de ser inaugurada.

  12. 12

    O himno flamenco

    Os actos do vixésimo quinto aniversario da Cámara incluíron a interpretación dunha versión flamenca do himno galego, que sorprendeu a todos os presentes e deu lugar a mostras de desaprobación de numerosos deputados e deputadas da Cámara. A polémica estivo, durante días, personificada entre a presidenta e o voceiro do BNG, Carlos Aymerich.