Unha ducia de momentos que non debes perder na edición 2023 de Cineuropa
Este xoves comezou unha nova edición de Cineuropa, que ata o vindeiro 25 de novembro encherá Santiago de cine con 115 proxeccións, con mesas redondas, obradoiros e concertos. A 37ª edición do festival ten varios protagonistas: o cinema arxentino é un deles, celebrando 40 anos de democracia no país; a comedia clásica é outro, cunha escolma de filmes que marcaron unha época. Ademais, a cita compostelá trae un ano máis algúns dos filmes máis destacados da tempada, premiados en festivais como Cannes, Venecia ou Locarno.
-
01
Sesión inaugural
Como resumir un festival como Cineuropa, con 115 proxeccións programadas e case tres semanas de duración? Por onde comezar? Pois polo comezo. Este xoves celebrouse no Teatro Principal a Sesión Inaugural. Cineuropa abriuse coa arxentina Puan, de María Alché e Benjamín Naishtat, premio do xurado ao mellor guión e á mellor interpretación protagonista en Donostia.
-
02
Comedia tola, tola, tola
Cineuropa reivindica nesta edición a comedia clásica "e a capacidade do cinema para transportarnos a un mundo tolo, tolo, tolo". Haberá unha sección dedicada a estes filmes, encabezada polo It´s a mad mad, mad, mad world dirixida en 1963 por Stanley Kramer e protagonizada por Spencer Tracy, Jerry Lewis e Mickey Rooney.
-
03
O mal non existe
Polas seccións oficiais de Cineuropa pasan algúns dos filmes máis recoñecidos nos últimos meses nos grandes festivais competitivos, algunhas das películas do ano. É o caso da xaponesa O mal non existe, de Ryusuke Hamaguchi (responsables de Drive my car), que obtivo o Gran Premio do Xurado en Venecia.
-
04
Zona crítica
Tamén a iraniana Zona crítica, de Ali Ahmadzade, Leopardo de Ouro no Festival de Locarno. Na película, Amir leva unha vida solitaria; co seu can como única compaña, percorre os baixos fondos de Teherán, traficando con drogas de todo tipo e sandando almas atribuladas como un profeta moderno.
-
05
Anatomía dunha caída
Anatomía dunha caída, de Justine Triet, foi Palma de Ouro en Cannes. Na película, Sandra, unha escritora alemá, o seu marido francés, Samuel, e o seu fillo de once anos, Daniel, levaron unha vida illada nunha vila remota nos Alpes franceses; pero cando atopan a Samuel morto na neve, a policía pregúntase se se suicidou ou foi asasinado e Sandra convértese na principal sospeitosa.
-
06
Bên trong vỏ kén vàng
A vietnamita Bên trong vỏ kén vàng, de Phạm Thiên Ân, gañou o Premio á mellor Ópera Prima en Cannes. Logo de a súa cuñada morrer nun estraño accidente de moto en Saigón, Thien asume a tarefa de levar o seu corpo de volta á súa aldea no campo. É unha viaxe na que tamén leva o seu sobriño Dao, de 5 anos, que sobreviviu de xeito milagroso ao accidente.
-
07
A Quimera
A Quimera, da italiana Alice Rohrwacher, gañou a Espiga de Prata en Valladolid cunha historia da banda dos tombaroli (ladróns de bens funerarios antigos e de marabillas arqueolóxicas).
-
08
Non agardes demasiado da fin do mundo
Non agardes demasiado da fin do mundo, de Radu Jude, foi premio especial do xurado en Locarno e demostrou que o cinema romanés segue en plena forma. Na película, unha axudante de produción sobrecargada de traballo e mal pagada debe conducir pola cidade de Bucarest para filmar a audición dun vídeo de seguridade laboral encargado por unha multinacional. Cando un dos seus entrevistados fai unha declaración que desencadea un escándalo, vese obrigada a reinventar toda a historia.
-
09
40 anos de democracia en Arxentina
Arxentina será unha das grandes protagonistas na edición 2023 de Cineuropa, que celebra os 40 anos de democracia no país, reconquistada en 1983. A efeméride coincide coa posibilidade dunha vitoria do ultradereitista Milei nas eleccións presidenciais, que terán lugar o domingo 19. O festival programa unha ducia de filmes, encabezados polo exitoso Argentina, 1985, pero que inclúen outros títulos recentes.
-
10
Conexión Jorge Semprún-Costa Gavras
Outro dos protagonistas será Jorge Semprún, do que se celebra este ano o centenario do seu nacemento. A súa figura, que atravesa o século XX, estivo marcada pola súa militancia comunista, o seu paso por un campo de concentración nazi ou pola xestión política (foi ministro de Cultura co PSOE), pero tamén polo cine, xa que escribiu o guión dun gran número de filmes. Destaca a súa relación con Alain Resnais e con Costa-Gavras, con películas que se poderán ver este mes en Compostela.
-
11
Premios Cineuropa
Entre os galardóns que entrega o festival, os máis importantes son os Premios Cineuropa, que nesta ocasión recoñecen a Luís Zahera, Ana Torrent e ao director portugués João Canijo, con proxeccións de El Reino, Sobre todo de noche e Mal viver
-
12
Álvaro Brechner
Cineuropa ten todos os anos varias actividades paralelas, como por exemplo o encontro co director uruguaio Álvaro Brechner (La noche de los 12 años, Mal día para pescar...)
-
13
Panorama galego
Entre as 115 proxeccións de Cineuropa hai tamén oco para o cine galego, especialmente na sección Panorama Audiovisual Galego. Entre as estreas, destaca O auto das ánimas, de Pablo Lago Dantas, incluída na sección dedicada a Novas/os Cineastas, que inclúe as fitas gañadoras da Quincena de Realizadores ou a Semana da Crítica de Cannes, da Berlinale, da Mostra de Venecia ou do Festival de Locarno.
Tamén o documental Os espazos en branco, a primeira película do vigués Bruno Arias, dedicada á súa tía Xela Arias, que esgotou en cuestión de horas as entradas para a súa estrea.
-
14
A Maratón e a(s) película(s) sorpresa
Cineuropa ten as súas tradicións e rituais e, sen dúbida, a máis importante é a maratón, que este ano se celebra o venres 24 e que inclúe dúas películas sorpresa. A outra tradición é a presenza destes filmes sorpresa, non anunciados previamente, un lugar case sempre ocupado por unha alfaia cinematográfica. Este ano a película sorpresa proxéctase o mércores 22.